Sete anos á espera de que Portos indemnice unha caída con 100.000 euros

Paseo da Calzada, en Cambados, titularidade de Portos de Galicia, onde sucedeu o accidente CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

O ente público quixo primeiro compartir a responsabilidade co Concello de Cambados, tras asumir o custo en solitario desviouno á súa aseguradora, e ante a falta de pagamento desta recorreu, sen éxito, para eximirse da responsabilidade solidaria

O 4 de agosto de 2018, hai case sete anos, unha muller sufriu un accidente no paseo da Calzada de Cambados, titularidade de Portos de Galicia, porque unha tapa de rexistro do chan estaba en mal estado. Rompeu o tendón de Aquiles, perdeu unha viaxe e ante a imposibilidade de reincorporarse ao seu posto de traballo foi despedida. Pero malia que o Consello Consultivo de Galicia e a xustiza ordinaria estableceron que tiña que ser indemnizada pola Xunta cuns 100.000 euros, o Goberno galego leva este tempo tentando eximirse da súa responsabilidade.

Tras a caída, a muller presentou unha reclamación de indemnización ante Portos de Galicia en xuño de 2019 cuantificándoa provisionalmente en 100.000 euros. En xullo de 2021 Portos de Galicia admitiu que a caída se debera ao mal estado do paseo, pero decidiu compartir a responsabilidade: atribuíuse a si mesmo un 33,3% da culpa, ao Concello de Cambados outro 33,3% co argumento de que viña asumindo o mantemento ordinario dese espazo, e á propia afectada o restante terzo da responsabilidade por "falta de dilixencia da accidentada no control da súa propia deambulación". 

Paseo da Calzada en Cambados © Concello de Cambados

Esa proposta de resolución de Portos repartindo culpas foi analizada polo Consello Consultivo de Galicia, que se pronuncia sobre as reclamacións de indemnizacións que recibe a Xunta. E o que concluíu foi que a muller non tivo culpa xa que "o defecto da tapa era dificilmente perceptible". Tamén desbotou a responsabilidade do Concello de Cambados xa que non se este actuaba nesa zona era "de facto" ante a ausencia de ningún acordo con Portos sobre o paseo. "A responsabilidade do mantemento e conservación do espazo, en canto demanio portuario, correspondía a Portos de Galicia", concluíu o Consultivo en abril de 2022.

Ante ese ditame, Portos acabou recoñecendo, en novembro de 2022, o dereito da muller a percibir uns 97.000 euros. Así llo trasladou á afectada o 7 de novembro daquel ano, sinalando que Portos pagaríalle 600 euros como franquicia e que do resto faríase cargo o seu seguro. A muller comunicou inmediatamente o seu número de conta bancaria, e reiterouno en xaneiro de 2023 ao non recibir ningunha resposta. Pero seguiu sen saber nada dos cartos e tivo que acabar recorrendo á xustiza. 

Unha sala de vistas na sede do TSXG, na Coruña © TSXG

Un xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago estimou a reclamación da muller e en setembro do pasado ano recoñeceu a inactividade da Xunta, condenándoa a pagar o que debía. Porén, o Goberno galego recorreu esa sentenza e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia insiste, case sete anos despois das lesións, en que debe pagar á muller.

Portos acabou asumindo a responsabilidade pero estableceu que pagaría só 600 euros e o resto a súa aseguradora, sen verificar que esta así o fixese

No procedemento xudicial, tanto no xulgado de Santiago como no TSXG, a Xunta alegou que non se lle deben reclamar os cartos a ela senón á aseguradora de Portos de Galicia. Pero a xustiza considera que iso é problema de Portos, non da muller. O TSXG ratifica que a Xunta non cumpriu coa súa propia resolución firme que recoñecía o dereito da muller á indemnización e que "non só non pagou a súa parte, senón que tampouco verificou que a súa aseguradora abonara a súa, a pesar de requirir o pagamento a acredora".

O tribunal salienta que a condena a Portos a cumprir a súa propia resolución de novembro de 2022 "non significaba que tivera que abonar ao seu cargo a suma recoñecida, senón adoptar cantas medidas fosen necesarias para o seu efectivo cumprimento, isto é, conseguir que a súa aseguradora cumprira o concertado na súa póliza, a fin de que a acredora puidera ingresar no seu patrimonio" os 97.000 euros, máis xuros, recoñecidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.