A Xunta debe 10.000 euros desde hai dous anos a un perito de Angrois

César Mariñas, perito xudicial independente de Telecomunicacións que analizou a seguridade de Angrois na súa derradeira actuación no caso, na súa comparecencia no xuízo o 17 de xaneiro de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

O xulgado xa remitiu tres veces ao Goberno galego os honorarios do experto xudicial máis independente, que contribuíu á condena de Adif e o único que non era un funcionario imposto pola propia Administración, que acabaron sendo máis caros

O 17 de xaneiro de 2023 foi o derradeiro día de traballo de César Mariñas, enxeñeiro de Telecomunicacións, como perito xudicial independente do accidente de Angrois. Ese día foi a súa comparecencia final no xuízo penal polo sinistro, na que ratificou que Adif tiña a obriga de avaliar e paliar o risco que había na curva, unha declaración que contribuíu, xunto con outras, a que a xuíza acabase condenando o daquela director de Seguridade de Adif como igualmente responsable do accidente que o maquinista. 

Polos outros traballos previos no caso Angrois ao longo de dez anos o enxeñeiro, elixido polo xulgado por sorteo de entre os mellores técnicos ofrecidos polo colexio oficial, xa fora cobrando en varias ocasións un total de 50.000 euros. Pero o técnico aínda ten pendente de cobrar o traballo que lle supuxo a preparación final da súa comparecencia no xuízo, unhas cantas semanas de traballo valoradas en 9.920 euros. Unha débeda que se mantén malia que o xulgado xa remitiu oficialmente os seus honorarios tres veces ao Goberno galego, responsable de dotar de recursos ao sistema xudicial e polo tanto de pagar as peritaxes. 

O custo deste perito para a Xunta, ademais, foi moi inferior ao que lle acabaron supoñendo outros dous peritos funcionarios da propia administración impostos polo Goberno galego malia a súa falta de experiencia no sector ferroviario co suposto argumento de que serían máis baratos.

Oficios cos que a Xunta comunicou en 2013 ao xulgado a designación de dous funcionarios seus sen experiencia ferroviaria como peritos para o accidente de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Tras o accidente do 24 de xullo de 2013 o primeiro xuíz instrutor do caso pediu aos colexios profesionais de enxeñarías de Camiños, Industrial e Telecomunicacións que lle formulasen cada un unha terna dos seus mellores profesionais para realizar as peritaxes xudiciais sobre as vías, o tren e os sistemas de seguridade, respectivamente. De cada terna o xuíz elixiu por sorteo un profesional e encargoulles analizar as causas do accidente desde as súas respectivas áreas de coñecemento en materia ferroviaria. Pero nese momento, ao coñecer a Xunta, como encargada de dotar á xustiza dos recursos para o seu funcionamento, que os peritos de Camiños e Industrial elixidos por sorteo propuxeran orzamentos para realizar os seus traballos de 800.000 e 600.000 euros, comunicou ao xulgado que o procedemento para elixir a eses expertos debía ser outro.

Esgrimindo unha normativa previa en materia de xustiza gratuíta e dotación de medios periciais aos xulgados, a Xunta díxolle ao xuíz que debía comprobar se entre o persoal público da propia administración, funcionarios aos que como tales se lles presupón independencia, había alguén que puidese realizar o traballo antes de encomendarllo a profesionais privados alleos. E por esa vía a Xunta elixiu a dedo, sen constancia administrativa do procedemento, dous funcionarios propios, o enxeñeiro de Camiños Juan Carlos Carballeira Rifón e o Industrial José Manuel Lamela Rivera, que segundo os currículos que eles mesmos remitiron ao xulgado non eran expertos en materia ferrivaria

A Xunta non foi quen de atopar un funcionario que puidese designar para a peritaxe en materia de Telecomunicacións, así que se mantivo o xa elixido por sorteo polo xulgado de entre os propostos por ese colexio profesional, César Mariñas, este si con ampla experiencia en tecnoloxía ferroviaria e cuxo orzamento non superaba os 50.000 euros.

Sala na que se celebrou o xuízo de Angrois na Cidade da Cultura, en cuxa organización a Xunta gastou un millón de euros CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego aceptou aos seus dous funcionarios impostos a dedo como peritos gastos moito máis elevados que os do técnico independente e destinou un millón de euros á organización do xuízo na Cidade da Cultura

Pero unha vez iniciado o seu traballo os peritos designados pola Xunta comezaron a pedir probas e asesoramentos a outros profesionais que acabaron elevando os seus gastos. Só nos primeiros anos de instrución da causa o enxeñeiro industrial pediu unha simulación sobre o comportamento físico do tren no sinistro que custou 134.000 euros, e o enxeñeiro de Camiños, que chegou a plaxiar parte da súa primeira peritaxe, encargou a un catedrático da Universidade de Cantabria un estudo sobre riscos e probabilidade de accidentes ferroviarios por 36.600 euros. Tamén se encargaron análises do estado das vías por 15.000 euros, medicións do tren e das súas rodas por 12.000 euros ou un levantamento topográfico da curva por 2.800 euros. A Xunta chegou a gastar un millón de euros en organizar o xuízo na Cidade da Cultura, gabando a súa suposta implicación no caso para lograr xustiza. 

Fronte a estas cifras, e malia ter que asumir un traballo maior en tempo e cantidade do previsto inicialmente, o perito xudicial enxeñeiro de Telecomunicacións só cobrou ata agora da Xunta por sucesivos traballos parciais un total duns 50.000 euros, quedándolle pendentes os traballos finais de preparación da súa comparecencia no xuízo, varias semanas de traballo que valorou en 9.920 euros e que dous anos despois aínda non cobrou. Unha débeda que segue demorándose malia que o xulgado xa enviou cando menos tres escritos á Xunta cos seus honorarios en outubro de 2023 e en febreiro e setembro de 2024.

César Mariñas Dávila, perito xudicial, durante a súa comparecencia no xuízo de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Na súa sentenza a xuíza tivo en conta o traballo do perito independente pero obviou o dos dous funcionarios impostos pola Xunta

Na súa comparecencia final no xuízo o perito independente de Telecomunicacións ratificou que Adif tiña a obriga de avaliar e paliar o risco da curva. A xuíza tivo en conta a súa declaración e peritaxes previas para basear a súa condena do cargo de Adif, mentres que obviou na súa sentenza o traballo realizado polos outros dous peritos impostos pola Xunta. A comparecencia dun deles, o de Camiños, que concluíu que Adif non incumprira normas de seguridade, foi tan desestruturada que a xuíza chegou a pedirlle que non a confundise. Unha declaración pericial que foi cualificada como un "esperpento" pola plataforma de vítimas do accidente.

A sentenza de Angrois acabou sendo emitida o pasado xullo, con condenas idénticas para o maquinista do tren e para o cargo de Adif que non habilitou as medidas de seguridade que debía. Medio ano despois nin o Goberno de España nin o PP á fronte da Xunta valoraron aínda o que supón para o sistema ferroviario. O seguinte paso do caso serán os recursos presentados ante a Audiencia Provincial da Coruña, nos que Fiscalía e Avogacía do Estado teiman en culpar en exclusiva o maquinista.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.