Sumar Galicia asume as demandas dos bombeiros comarcais no seu primeiro acto de precampaña

Acto de escoita de Sumar Galicia, en Ourense, coa presenza de bombeiros comarcais CC-BY-SA Sumar Galicia

Sumar Galicia levou a cabo este sábado o seu primeiro acto de escoita, en Ourense, onde reuniu máis de medio cento de persoas. O movemento de esquerda, á espera aínda de elixir candidata ou candidato á presidencia da Xunta, dá inicio así á súa precampaña apañando as demandas da veciñanza da man do seu portavoz, Paulo Carlos López, que reivindicou o compromiso da formación coas “políticas públicas útiles que melloran a vida das persoas como a subida do SMI, a reforma laboral que ampliou dereitos ou a redución da xornada laboral”.

“As políticas públicas que se fixeron no goberno do Estado melloraron as condicións de vida da xente, e queremos trasladar isto ao goberno da Xunta de Galicia”, afirmou López, que lembrou tamén que “hai país máis alá da AP-9”. "Precisamos que a mocidade non se vexa obrigada a marchar”, dixo, antes de poñer en valor o Estatuto do Bolseiro que a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, vai aprobar para o conxunto do Estado e que, dixo, forma parte do acordo do "goberno de coalición progresista e plurinacional".

Acto de escoita de Sumar Galicia en Ourense, coa presenza de bombeiros comarcais CC-BY-SA Sumar Galicia

Sumar Galicia denuncia a "inacción e desprezo" da Xunta e das deputacións no conflito cos bombeiros comarcais

No acto de escoita tomou a palabra Honorino Raña, secretario do comité de folga dos bombeiros comarcais, que levan meses en folga e cun conflito enquistado, quen fixo unha radiografía da realidade do servizo de emerxencias en Galicia. Paulo Carlos López criticou a “inacción e o desprezo” dos gobernos da Xunta e das deputacións. 

“Esiximos aos gobernos das catro deputacións que reciban aos bombeiros comarcais, que os escoiten e que rematen con esta situación inxusta”, sinalou o portavoz de Sumar Galicia nun acto ao que tamén asistiron membros da plataforma PROCAP, que levan anos esixindo que a Xunta cumpra coas familias e coas persoas con discapacidade e garanta a xestión pública do centro, ao igual que no resto das provincias galegas. 

Sumar Galicia promete incorporar ao seu programa as demandas dos bombeiros e pide "un cambio de modelo" que garanta "o carácter público do servizo"

Ademais, ao finalizar o acto de escoita, o portavoz de Sumar Galicia e outros membros da formación mantiveron unha reunión cunha ampla representación dos bombeiros comarcais, encabezada por Honorino Raña.

Segundo a formación, López garantiulles que Sumar Galicia incorporará todas as súas demandas ao seu programa electoral. “É preciso un cambio de modelo a través dunha lei galega integral de emerxencias que garanta o carácter público do servizo, amplíe recursos humanos e materiais, estableza un convenio único con salarios dignos e implemente un plan de igualdade”, afirmou o voceiro do movemento aos medios, ante un conflito no que o persoal anti incendios amosa o malestar co proceder de todas as administracións implicadas, gobernadas en solitario ou en coalicións por PP, PSdeG e BNG. 

Paulo Carlos López (Sumar Galicia) e representantes dos bombeiros comarcais CC-BY-SA Sumar Galicia

Pola súa banda, Honorino Raña agradeceu a Sumar Galicia e ao seu portavoz a súa “boa disposición” e a “escoita activa” e advertiu que os bombeiros seguirán mobilizándose ata que os máximos responsables da Xunta e das deputacións os reciban e os escoiten.

Negociacións "en marcha" con Podemos, EU e Anova

Por outra banda, Paulo Carlos López reivindicou "o valor da unidade" e, tras ser preguntado sobre as negociacións no espazo para as eleccións galegas, apuntou expresamente a Podemos, EU e Anova ou a aquelas que se poidan sentir "interpeladas" a participar dun proxecto encamiñado a impulsar políticas públicas "útiles", convencido de que se sentirán "a gusto".

"Na construción de Sumar Galicia as portas están abertas á participación de todas aquelas forzas que se sintan apeladas polo espírito transformador, progresista e de construción dun espazo de políticas públicas útiles", dixo López, que advertiu que as negociacións "seguen en marcha", en referencia ás conversas con Podemos Galicia, Esquerda Unida e Anova. 

Borja San Ramón, coordinador nacional de Podemos Galicia CC-BY-SA Podemos Galicia

Desde Podemos Galicia, que este sábado celebrou o seu Consello Cidadán, o seu coordinador nacional, Borja San Ramón, di que a formación segue "agardando unha resposta de Movemento Sumar". Segundo aclara, esta consiste nunha "coalición ao 33%" entre tres forzas políticas —Sumar, EU e o partido morado— onde todas se recoñezan como iguais". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.