Denuncias, folga de fame e acampada: os bombeiros comarcais en folga amplían a protesta

Mobilización dos bombeiros comarcais, o 17 de novembro en Santiago CC-BY-NC-ND CIG

O conflito que enfronta os bombeiros comarcais de Galicia con Xunta e deputacións recrúa e non ten traza de mellorar nos vindeiros meses. Coa política galega en modo precampaña, os máis de 400 traballadores dependentes dos 24 parques que xestionan ambas administracións decidiron en asemblea endurecer as protestas que abranguen, en menor ou maior medida, a todos os partidos. 

Os bombeiros comarcais advirten de "nulos avances" na negociación do convenio e acusan as administracións de "constantes mentiras" e "ignorancia"

Foi na asemblea que celebraron na tarde do pasado luns e vistos os "nulos avances" na negociación do novo convenio unificado para toda Galicia que levan tempo reclamando. Aseguran que levan case un mes agardando por unha nova xuntanza que non chega e denuncian a "falta de respecto" e as "constantes mentiras" vertidas polas administracións, ás que acusan de "mostras reiteradas de ignorancia e descoñecemento" sobre a súa situación. 

Protesta dos bombeiros comarcais no Obradoiro o 17 de novembro de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

Os bombeiros acordaron iniciar unha folga de fame se a negociación se suspende ou iniciala cando Rueda convoque eleccións se, aínda así, non hai avances

O caso é que entre os novos pasos inclúese comezar unha folga de fame "como medida de presión", unha decisión que foi aprobada por ampla maioría absoluta e no caso de que o comité de folga determine que a vía da negociación "queda totalmente suspendida sen opción ningunha ao diálogo". Se ese diálogo se mantén aberto, como ata agora, pero sen traza de avances nin "vontade negociadora", a folga de fame comezará así que o presidente da Xunta convoque as eleccións autonómicas e levarase a cabo "de xeito universal e en todos os parques comarcais", un total de 24 en Galicia. 

É a medida máis contundente de entre outras moitas que inclúen a "solicitude formal do cese e destitución do director xeral de Emerxencias de Galicia, Santiago Villanueva", ao que acusan de posto de confianza que "bloquear e distorcer a información que traslada aos responsables políticos dos consorcios provinciais de bombeiros". 

O persoal contra incendios pide a dimisión de Santiago Villanueva, acode á Valedora e ao Defensor del Pueblo e iniciará unha acampada indefinida en Santiago

Os bombeiros comarcais acordaron, ademais, iniciar unha acampada indefinida en Santiago, cuxa data se decidirá proximamente, e non participar nas actividades formativas que organicen Xunta e deputacións, tanto en calidade de formadores como de alumnos no caso de que se trate de formación voluntaria. 

Na asemblea tamén decidiron levar a cabo unha batería de "medidas administrativas e xurídicas", expoñendo a súa situación ante a Valedora do Pobo, o Defensor del Pueblo e o Defensor do Pobo da UE, así como denunciar os "incumprimentos" da lei de Emerxencias e levar á Fiscalía a situación provocada polos xa 450 peches de parques producidos desde que comezaran a folga indefinida en xuño. 

Precisamente, os bombeiros acordaron tamén seguir sen realizar os servizos extraordinarios voluntarios que, xunto coa falta de persoal suficiente, din que son a causa destes centos de peches de parques nos últimos meses e que aseguran que poñen en risco a seguridade da cidadanía. 

Protesta dos bombeiros comarcais, o pasado 17 de novembro CC-BY-NC-ND CIG

Desde as administracións, pola contra, vertéronse acusacións contra o persoal contra incendios, acusándoos de absentismo laboral e asegurando que é "unha gran mentira" que os parques pechen por falta de medios, como dixo o presidente da Deputación de Lugo, José Tomén, nunhas declaracións que causaron fonda indignación entre boa parte dos bombeiros comarcais. 

Estes traballadores, ademais, advirten que empezarán a denunciar ante a Inspección laboral todas as "irregularidades" que din que se están a producir en materia de seguridade e prevención de riscos e que será só o "paso previo" a unha demanda xudicial por "todas as carencias" que din sufrir. 

A negativa a facer horas extraordinarias voluntarias provocou, segundo os bombeiros, 450 peches de parques

O endurecemento das protestas chega a poucas semanas de que Galicia entre en ano electoral e, moi probablemente, a escasos meses dos comicios autonómicos. De feito, os bombeiros advertiron de que as súas mobilizacións terán en conta "as axendas dos líderes políticos das entidades que conforman os consorcios provinciais" e acordaron constituír un "fondo de continxencia" a nivel galego no que participen todos os traballadores e ante un conflito que prevén longo. 

O conflito que rexorde con forza agora vén de atrás, concretamente da polémica privatización dos parques de hai anos e das consecuencias que aquela medida deixou na posterior reversión ao público

Os bombeiros denuncian un escaso salario de 1.200 euros, de menos de 24.000 anuais, e reclaman que parta dos 32.000, proposta que as administracións ven "inviable"

Os bombeiros, con todos os sindicatos a unha, presentaron xa en xullo unha proposta de convenio na que reclaman elevar o mínimo de tres traballadores por quenda que hai actualmente e unificar as retribucións de todo o persoal en Galicia, partindo dun salario base de 32.000 euros. Na actualidade, en ningún dos consorcios provinciais se superan —sen antigüidade— os 23.800 euros brutos anuais, quedando nalgún caso por baixo dos 23.000: 1.700 euros brutos ao mes, uns 1.200 netos. Denuncian, ademais, que prestan servizo a máis de 1,7 millóns de galegos e galegas con tan só 75 efectivos cada día.

Outra das propostas é reducir as horas traballadas ao ano das 1.800 actuais, que é o máximo legal, ás 1.650 dos empregados públicos. Pero as administracións, unidas sen fisuras neste caso, responderon o pasado 26 de outubro cunha contundente carta onde advirten que a proposta "non é viable nin económica nin xuridicamente"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.