Sumar Galicia incorpora a número dous de Podemos, a quen xa obvia de cara a futuros acordos

Rodríguez Añón, Aida Ferreiro, Paulo Carlos López Alicia Carrera e Pere Tobaruela, de Sumar Galicia CC-BY-SA Sumar Galicia

Sumar Galicia presentou este xoves a súa comisión promotora, con 50 nomes, entre os que se inclúe o ex-deputado do PSdeG e ex-concelleiro na Coruña, Juan Díaz Villoslada, o que fora portavoz do BNG en Teo, Manuel Barreiro, ou a que ata hai unha semana era a secretaria de Organización e número dous de Podemos Galicia, Gloria Alonso.

Sumar Galicia incorpora á súa promotora a número dous de Podemos Galicia, que dimitiu o pasado luns como secretaria de Organización da formación morada

A incorporación de Alonso coñeceuse pouco antes de que Podemos Galicia precisase nun comunicado aos medios que a xa ex-secretaria de Organización dimitira o pasado luns do seu cargo e causara baixa como inscrita no partido morado para deixar paso á ferrolá Susana López no seu cargo. 

Así, a promotora de Sumar Galicia inclúe diferentes figuras de diferentes sectores da esquerda, como o ex-alcalde de Ferrol, Jorge Suárez; o ex-deputado autonómico e asesor no Ministerio de Traballo, Manuel Lago; José Manuel Sande, ex-concelleiro da Marea Atlántica na Coruña; o ex-secretario xeral de CCOO Galicia, Ramón Sarmiento; o vicesecretario e portavoz da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a delegada da CIG e activista feminista Rocío Núñez; Víctor Ledo, responsable de CCOO Industria en Galicia; ou a responsable de LGTBI de UGT Galicia, Laura García. 

A actriz María Vázquez, nun acto de Sumar na campaña do 23X CC-BY-SA Sumar Galicia

A actriz María Vázquez, Henrique Monteagudo, Jorge Suárez, Ramón Sarmiento ou Rocío Núñez son algúns dos integrantes da promotora

Ademais, a promotora inclúe tamén algunha outra figura relevante das mareas municipais en diferentes vilas, como o ex-alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, a ex-concelleira por Compotela Aberta Noa Morales ou o portavoz da Marea de Noia, Manuel Seijas. Inclúese, ademais, a Esther Sobrado, ex-de Democracia Ourensana hai máis dunha década e que logo integraría Ourense en Común. 

Tamén está María Vázquez, nominada a mellor actriz nos Goya por Matria, Marilar Aleixandre, así como as deputadas de Sumar no Congreso Marta Lois e Verónica Martínez Barbero ou o portavoz da formación en Galicia, Paulo Carlos López, que asegurou que Sumar Galicia "xa é a casa común dos progresistas de Galicia"

"A casa común de quen quere políticas feministas e transformadoras, dos que comparten unha política social avanzada en favor das clases máis vulnerables, das persoas que queren o cambio político en Galicia", insistiu López, que chamou a "pasar páxina" ao ser preguntado polos posibles acordos de coalición con Podemos, con quen as diferenzas semellan insuperables logo da ruptura no Congreso.

"Non estamos no punto de falar disto, senón dos problemas da cidadanía, que está cansa do ruído interno, de que falemos de nós mesmos. Estamos fartas e fartos do ruído", asegurou, en referencia a posibles acordos con Podemos, nunha visión moi diferente á que deu sobre a colaboración con Esquerda Unida. 

Sumar Galicia dá por feita a integración de EU mentres obvia xa a Podemos ao ser preguntada por posibles acordos

"Esquerda Unida xa está incorporada a Sumar a nivel do Estado, no grupo promotor", aclarou López, polo que entende que esa formación xa "acompaña e colabora" co movemento liderado por Yolanda Díaz para "traballar conxuntamente" dentro del. 

Ademais, e respecto de incorporacións como a de Villoslada á comisión promotora, o portavoz de Sumar Galicia cre que "achega un capital político moi importante", así como "experiencia para construír e, sobre todo, ensanchar o espazo progresista" ao que di apelar a formación. En canto ao futuro candidato ou candidata, nada se sabe aínda que a formación di estar xa "preparada" para cando Alfonso Rueda decida convocar as eleccións. En canto á posibilidade de que o cabeza de cartel saia da promotora, tampouco foi aclarado: "Pode ser posible ou non". 

Encontro coas inscritas de Sumar Galicia na Coruña previo á campaña do 23X con Marta Lois, Manuel Lago e Verónica Barbero © Sumar Galicia

Por outra banda, a comisión promotora, nunha declaración feita pública tamén este xoves, define Sumar Galicia como "un espazo amplo que acolle a persoas e organizacións que comparten os valores do progresismo, o recoñecemento nacional de Galicia nun Estado plurinacional e a promoción dos dereitos humanos nos eidos sociais, políticos, culturais e institucionais".

Nunha declaración, a comisión promotora define Sumar Galicia como un espazo "progresista, feminista e ecoloxista" que "recoñece o carácter nacional de Galicia"

Nesta declaracións defínense os que serán os eixes da formación, que se declara feminista e ecoloxista, que advirte da "urxencia dunha transición ecolóxica xusta que faga fronte á emerxencia climática", que "recoñece o carácter nacional de Galicia" e aposta por ser "unha plataforma europeísta" que avogue por un "modelo social europeo aberto e baseado na solidariedade". 

Segundo explica a comisión promotora, Sumar Galicia nace ante a "mala xestión do goberno do PP nestes últimos quince anos" no país e ante a "necesidade de sumar esforzos ampliando o espazo progresista e definindo un proxecto para a próxima década". 

Respecto ao programa electoral, Sumar Galicia advirte que terá un "carácter participativo" a través dun "continuo proceso de escoita" pero aposta por varios puntos "prioritarios" a ampliar e concretar: un Estado de benestar avanzado, feminismo, emprego e dignidade laboral, dereito á vivenda, un rural galego vivo, autogoberno nacional, a aposta pola inmersión lingüística para "reforzar o uso da lingua nas primeiras etapas educativas" ou unha nova estratexia industrial que impulse a "industria verde". 

Tamén aposta pola "eficiencia no consumo de recursos" e a redución das emisións de CO2, unha tripla transición dixital, ecolóxica e socioeconómica que teña en conta os efectos do cambio climático para impulsar un novo "pacto verde", a protección de todos os dereitos e diversidade das persoas LGTBIQ+ ou a creación dunha Axencia Galega de Ciencia e Innovación que "centralice todos os aspectos referidos aos marcos de cooperación" neste ámbito. 

Paulo Carlos López, portavoz de Sumar Galicia, con Carme Casado e Rocío Núñez © Sumar Galicia

Así mesmo, a formación aposta por unha ordenación do territorio, das infraestruturas e da mobilidade que priorice a conexión interna por ferrocarril ou a "nacionalización" da AP-9 e políticas para a mocidade que aumenten as bolsas e reduzan as taxas universitarias, entre outras medidas. 

Listaxe completa da comisión promotora

A composición íntegra da comisión promotora de Sumar Galicia, que será presentada este sábado na Coruña nun acto ao que acudirá Yolanda Díaz, é a seguinte: Política institucional: Marta Lois González, Verónica Martínez Barbero,  Manuel Lago Peñas, Juan Díaz Villoslada, José Manuel Sande e María Xosé López Fernández. Sector cultural: Marilar Aleixandre, Henrique Monteagudo, Pere Tobaruela, Carlos Ares Pérez e María Vázquez. Defensa dos servizos públicos: Trinidad Palacios e Jesús Araujo. Feminismos: Carme Casado, Sara Outeiral e Luísa Pasín Mato. Sector profesional: Mar Pichel, Estevo Sánchez, Iván Olmos Ferreiro,  Elvira Landín, Esther Sobrado, Mercedes González e Alfredo Manuel González López. 

No ámbito sindical: Rocío Núñez , Víctor Ledo, Laura García, Ramón Sarmiento, Mabel Pérez e Gloria Alonso. Mocidade: Francisco Gómez, Aida Ferreiro, Daniel Paradela e Alicia Carrera. Municipalismo: Xosé Lois Piñeiro, Jorge Suárez. Elisa Fernández Ferreiro, Manuel Seijas, Dolores Caramés, Mónica Peralba, Alberte Muíño e Noa Morales. Académico e investigador: Paulo Carlos López, José Ángel Fernández Holgado, José Antonio Rodríguez Añón, Amparo Novo, Manuel Barreiro Rozados e Pablo Calviño Tato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.