"Todo o que pagamos os cidadáns de Valladolid pola auga pode ir a mellorar a rede"

María Sánchez, concelleira de Medio Ambiente de Valladolid © Compostela Aberta

A concelleira de Medio Ambiente de Valladolid, María Sánchez, está en Santiago convidada por Compostela Aberta para compartir o resultado da municipalización da xestión da auga que levou a cabo no seu concello

A concelleira de Medio Ambiente de Valladolid, María Sánchez, estivo en Santiago convidada por Compostela Aberta para compartir o resultado da municipalización da xestión da auga que levou a cabo o seu Goberno municipal nun primeiro mandato. Dende Compostela Aberta urxiron ao alcalde de Santiago a convocar unha nova reunión da Comisión de Estudo para a xestión do ciclo integral da auga. De feito, a portavoz municipal da formación, Marta Lois, instou o Goberno local a "demandar información do concello de Valladolid, tamén cun alcalde socialista, onde a municipalización da auga está a ter uns enormes beneficios económicos e sociais". Sobre isto falamos con María Sánchez, quen considera que é momento de dar este debate en Compostela, antes de volver privatizar o servizo.

Cales son as vantaxes da xestión pública da auga no seu concello?

Pois temos varios fitos desde que o 1 de xullo de 2017 se fixo efectiva a municipalización do servizo. Vemos que en comparación coa xestión privada, este modelo é máis beneficioso para a cidadanía. Por exemplo, todo o que facturamos polo importe do que pagamos os cidadáns de Valladolid pola auga pode ir a mellorar a rede. Estamos falando de que en catro anos temos licitado obras para mellorar o ciclo integral da auga por un importe de 43 millóns de euros, fronte a 27 millóns de euros na época da concesión privada, que foron 20 anos.

Marta Lois e María Sánchez no Concello de Santiago CC-BY-SA Compostela Aberta

Ten variado o prezo que paga a cidadanía pola auga desde que é pública?

Cando non hai que compartir beneficios cun socio privado, isto permíteche facer bonificacións sociais. Ademais, conxelamos as tarifas porque ninguén nos obrigaba a subilas e fixemos un fondo social para as empresas de Valladolid pola crise do coronavirus.

Que máis percibe directamente a cidadanía?

Pois que se inviste moito na rede, para evitar as avarías que eran frecuentes na nosa cidade porque estaban obsoletas e había un déficit de inversión de 96 millóns. Ademais, estamos facendo moita política de atención ao público ao incrementar os horarios de apertura da oficina e creando unha oficina virtual. Así mesmo, aportamos transparencia: a través da web de Aquavall, no apartado de Transparencia, pódense consultar todos os datos da entidade.

Por que cre que foi tan controvertida a medida, tanto en Valladolid como noutros lugares?

É certo que a lexislación, que puxo hai anos unha alfombra vermella para as privatizacións, fai que moitas veces o sentido común pareza externalizar servizos; cando a lei de contratos do sector público di o contrario: que o lóxico é xestionalo de maneira directa e que hai que demostrar que o servizo vai ser máis eficiente se queres privatizalo. Todo isto semella o mundo ao revés, pois coñecemos moitos casos de privatizacións e as municipalizacións son noticia cando deberan estar moi presentes. Cando nos presentamos ás eleccións debemos ter esa autonomía para decidir como xestionar algo tan básico como é a auga, así o din as distintas sentenzas que saíron do proceso de Valladolid. Por outro lado, hai moitos intereses privados. Unha das funcións das empresas privadas é obter beneficios, como é normal e eu defendo, pero creo que é mellor xestionar directamente estes servizos para non ter que compartir eses beneficios con eles e podemos mellorar algo que é básico.

En cambio, si que se trasladou o que o propio alcalde de Valladolid definiu como unha ″actitude hostil″ cando se puxo enriba da mesa esta intención, incluso por parte do Estado.

Iso é. Os recursos que tivemos enriba da mesa viñan de empresarios da auga do eido privado, do Ministerio de Hacienda coa Abogacía del Estado en épocas do Goberno do PP, e da concesionaria anterior.

Encontro con veciñanza de Santiago organizado por Compostela Aberta © Compostela Aberta

Con todo, o seu equipo municipal revalidou o cargo nas pasadas eleccións municipais. Perciben o apoio da cidadanía a esta medida?

Si, cremos que a xente valorou esa xestión directa, entre outros aspectos. De feito, agora estamos a dar máis pasos, acabamos de municipalizar unha funeraria e o servizo de cemiterios da cidade. E estamos dando pasos para municipalizar un aparcadoiro da Praza Maior e o servizo de bicicletas. Creo que en moitas ocasións se demostra que a xestión directa é máis eficaz, máis beneficiosa para a cidadanía e, evidentemente, máis rendible para o concello.

Ata que punto, desde a xestión pública, é posible coidar máis o uso da auga como ben escaso?

Temos mecanismos de responsabilidade social. Fixemos campañas de educación ambiental para que a xente se conciencie de que, desde o punto de vista medioambiental, a xestión da auga é moi importante. A auga é un dereito humano, pero é un ben finito tamén. Pero non só temos que educar, tamén hai que dar exemplo, por iso estamos apostando polas fotovoltaicas para que a nosa enerxía sexa verde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.