Tres empresas concentran o 60% das axudas da Xunta aos medios

Feijóo comparece ante a prensa tras un Consello © Ana Varela

O Goberno galego vén de publicar os resultados da súa única convocatoria anual de axudas aos medios de comunicación rexida polo réxime de concorrencia, a que supón, aproximadamente, unha décima parte dos fondos que inxecta cada ano no sector. Desta volta os cartos a repartir eran 1,55 millóns de euros, uns 300.000 menos que en 2012, e a distribución ditaminada pola Secretaría Xeral de Medios, con dependencia orgánica directa do presidenta da Xunta, indica que as empresas editoras de tres diarios impresos concentran o 60% das axudas.

De entre as 21 compañías que reciben achegas superiores a 3.000 euros só as devanditas tres empresas superan os 100.000. A relación está encabezada por La Voz de Galicia, á que lle foron outorgados 583.974 euros. Ao xornal coruñés ségueo Faro de Vigo, con 234.904 euros, e El Progreso de Lugo, con 108.790 euros. En total, os tres xornais suman 927669,85 euros.

Catro grupos de comunicación levan o 73% das axudas

Se a concentración de recursos é notable ao ollar as empresas, esta é aínda maior se o criterio de análise son os grupos nos que se integran algunhas delas. Así, o Grupo Voz recibe fondos por dúas vías, o xornal e Voz de Galicia Radio, sumando entre as dúas 604.355 euros. Ao Grupo Mol correspondéronlle 279.658 euros, resultado de agregar os máis de 200.000 de Faro de Vigo cos 28.219 que recibe La Opinión de La Coruña e os 16.534 de Faro de Vigo Media, a división dixital do xornal vigués. A continuación sitúase o grupo El Progreso, que entre a súa matriz lucense e a súa filial pontevedresa chega aos 168.290 euros, e La Región, que entre a súa cabeceira principal e Atlántico Diario consegue 83.448 euros. A concentración é, neste caso, do 73%.

Na relación de axudas non figura ningún medio en galego

As editoras da Cadena COPE, da Cadena SER e dalgunhas dalgunhas asociadas, de Onda Cero e das axencias EFE e Europa Press completan unha relación na que, polas condicións establecidas na propia convocatoria, non figura ningún medio de comunicación que non estea editado por unha empresa nin tampouco ningunha cabeceira que publique os seus contidos integramente en galego. Esta segunda circunstancia prodúcese despois de que o uso da lingua propia de Galicia perdese peso por terceira vez nesta convocatoria de subvencións dende o retorno do PP á Xunta.

O reparto de axudas de 2013 prodúcese mentres os colectivos profesionais do sector da comunicación seguen a agardar pola prometidísima Lei de Publicidade Institucional. Esta norma, que o bipartito asegurou que poría en marcha durante o seu mandato e que Feijóo se leva comprometendo a retomar dende 2009, estaría chamada, segundo o propio PP, a "dotar de soporte legal a política de axudas aos medios de comunicación", como "sucede na maioría dos países europeos".

Feijóo comparece ante a prensa tras un Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.