Un ex-cargo de Renfe ve “evidente responsabilidade política” no accidente de Angrois pero non di de quen

José Enrique Villarino, ex-cargo de Renfe, durante a súa comparecencia no Congreso Dominio Público Congreso dos Deputados

“O maquinista foi só o brazo executor dunha cadea de responsabilidades que rompeu polo elo máis feble” di José Enrique Villarino, economista que se vén amosando moi crítico cos equipos de Blanco e Pastor en Fomento

“O maquinista foi só o brazo executor dunha cadea de responsabilidades que rompeu polo elo máis feble”. Así resumiu este mércores o accidente do tren Alvia na súa comisión de investigación no Congreso José Enrique Villarino, ex-cargo de Renfe e consultor ferroviario que se vén amosando moi crítico co deseño do AVE galego e coa xestión posterior do accidente, no que morreron 80 persoas. Ao seu xuízo, varias decisións previas que foron preparando o terreo para o sinistro foron tomadas cunha “evidente responsabilidade política” durante os períodos en que á fronte do Ministerio de Fomento estiveron os equipos do socialista José Blanco e da popular Ana Pastor. Porén, o comparecente non foi quen de dicir de quen foron esas supostas decisións políticas.

Villarino, economista de formación e consultor en materia ferroviaria, ocupou entre 1986 e 2007, cando se xubilou desa empresa pública, diversos cargos en Renfe en áreas de planificación de servizos, proxectos estratéxicos e longa distancia e alta velocidade. Tras o accidente vén escribindo nun blog numerosos artigos críticos con Fomento, Adif e Renfe. Este mércores tanto PP como PSOE esforzáronse en poñer en dúbida os seus coñecementos técnicos en materia ferroviaria e en evidenciar que as súas son opinións políticas, mentres que grupos como En Marea ou ERC gabaron a súa valentía ao amosarse tan crítico co sistema ferroviario español. O propio Villarino admitiu na súa comparecencia que algunhas das afirmacións que realizou este mércores non as podería soster nun xulgado pero que consideraba que si debía dicilas nun foro político como esta comisión.

Polas decisións que Villarino atribúe a políticos están imputados seis técnicos, pero ningún deles declarou nunca recibir ningunha orde política

Villarino insistiu en atribuír a motivacións políticas algunhas das decisións que reduciron a seguridade da liña, en particular dúas: a tomada antes da súa inauguración en decembro de 2011 de recortar a instalación do sistema de control constante da velocidade propio do AVE (o ERTMS) ata uns quilómetros antes da curva de Angrois; e a tomada en 2012 de desconectar o sistema tamén a bordo dos Alvia malia que de estar activo frearía o tren antes da curva se non o facía o maquinista por un despiste como o que sufriu aquel día. Por esas decisións e o xeito en que se tomaron, presuntamente sen avaliar de xeito correcto o risco que supuñan, están imputados no xulgado seis técnicos de Adif, Renfe e a consultora Ineco, pero ningún deles declarou nunca recibir ningunha orde política.

O comparecente non foi quen de apuntar aos propios ministros como responsables das decisións: “Imaxino que a máxima responsabilidade política non entraría neses detalles, senón que alguén diría que 'o ministro ten aquí unha urxencia'”

Segundo o comparecente, si houbo unha “motivación política de acurtar prazos” do AVE Ourense-Santiago que ao seu ver se evidencia na coincidencia no tempo da súa inauguración “co cambio de Goberno”. Porén, a inauguración produciuse o 10 de decembro de 2011, cando o socialista Blanco xa gobernaba en funcións tras perder as eleccións un par de semanas antes. Villarino tamén puxo en dúbida a posta en servizo do tren Alvia xa en 2012 coa popular Ana Pastor no cargo asegurando que a Audiencia Provincial da Coruña cuestionou a súa homologación, algo que non sucedeu. O propio comparecente non foi quen de apuntar aos propios ministros como responsables das decisións: “Imaxino que a máxima responsabilidade política non entraría neses detalles, senón que alguén diría que 'o ministro ten aquí unha urxencia'”.

Villarino, a preguntas de En Marea, tamén asegurou que en “charlas de café” persoal de Adif ou Renfe transmitiulle que houbo presións das empresas públicas para ocultar datos do sinistro, pero admitiu que non ten probas.

Outro cargo de Fomento responsable da autorización da liña di que foi posta en servizo "conforme á normativa"

Tras Villarino, na comisión tamén compareceu José Luis González Navarro, técnico da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria e previamente da Dirección Xeral de Infraestruturas Ferroviarias do Ministerio de Fomento. Segundo dixo, a autorización que dá a dirección xeral do ministerio para autorizar a posta en servizo da liña baseouse na documentación recibida de Adif e non é coñecedor de ningunha irregularidade na liña de AVE Ourense-Santiago nin de ningunha presión política: “A súa inauguración foi conforme á normativa”, dixo.

José Luis González Navarro, técnico da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria

Liña de Alta Velocidade Ourense-Santiago © Boneca Lareta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.