En Venezuela viven unhas 38.000 persoas oficialmente consideradas galegas, xa sexa porque emigraron ao país sudamericano ou porque son descendentes de persoas que así o fixeron e accederon á nacionalidade española, sendo inscritas no censo de "residentes ausentes" na Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra. Dende que a reforma da lei electoral do ano 2011 limitou a participación electoral das persoas inscritas no CERA a aquelas que o soliciten expresamente -o célebre voto rogado, que tamén se lle impuxo a quen vive temporalmente no exterior- Sudamérica desapareceu das campañas electorais ata a emerxencia de Podemos e, no caso galego, das mareas nas que este partido participa. Así, dende 2014, fundamentalmente dende o PP medraron as alertas a respecto do goberno bolivariano. A última, este sábado, cando unha candidata do PP ao Congreso alertou, durante unha visita á praza de abastos da capital galega, de que o alcalde da cidade, Martiño Noriega é "amigo" dese goberno.
Marta González, ex titular de Igualdade na Xunta e tamén exconcelleira na corporación compostelá -tivo que formar parte dela uns meses, cando Agustín Hernández foi designado alcalde por Feijóo-, aspira a revalidar o seu escano como número dous do PP pola provincia da Coruña. Xunto a Paula Prado, antiga voceira do PPdeG e agora candidata a recuncar como senadora, realizaron un percorrido polo popular mercado compostelán para, nun dos días da semana en que está máis concorrido, pedir o voto e distribuír papeletas e propaganda electoral. Alí, xunto a un dos vendedores da praza, González lanzou a súa alerta, recollida nunha gravación da Cadena SER.
"O alcalde de aquí é amigo dos de Venezuela, e en Venezuela non hai nin papel hixiénico nos cuartos de baño dos hoteis", advertiu González a un dos comerciantes da praza de abastos
"O alcalde de aquí é amigo dos de Venezuela", dixo en referencia a Martiño Noriega, rexedor da cidade por Compostela Aberta. "Será, non digo que non", respondeu o home sen excesivo entusiasmo. "Pois xa lle digo -proseguiu a candidata- en Venezuela non hai nin papel hixiénico nos cuartos de baño dos hoteis". "Polo que din, non, non sei se hai ou se non hai", retrucou o comerciante, a priori escasamente alarmado. "Dinlles aos turistas -engadiu González- que traian o papel hixiénico na maleta, a cousa está como está". "Pois haberá que madurar a Maduro", ironizou o interlocutor da política. "Non sei se maduralo ou facerlle algunha outra cousa", suxeriu González antes de, vista a fría acollida, proseguir o percorrido.
Esta non é, nin de lonxe, a primera campaña na que o PP galego inza as súas mensaxes electorais de referencias aos riscos de apoiar ás mareas, ás que liga ao chavismo baseándose na relación que, efectivamente, algúns responsables de Podemos tiveron co Goberno de Venezuela antes do nacemento do partido. Así, por exemplo, durante a campaña das pasadas eleccións municipais o propio Alberto Núñez Feijóo lanzou esta alerta en municipios nos que as mareas nin sequera están presentes, tales como Meira, Pol, Mondoñedo, Ribadeo ou Sarria. Así, por exemplo, no municipio do sur lucense advertiu durante un mitin de que "se queredes que sarria siga sendo sarria, un pobo da provincia de Lugo e un pobo galego, e non queredes que Sarria se converta nun pobo de Venezuela ou nun pobo de Grecia", cumpría votarlle ao PP"
Naqueles mesmos meses Feijóo proclamou no Parlamento que o Sergas dispensaría tratamentos de hepatite para "todos" os doentes que os precisasen -segundo a Xustiza, algúns deles non os recibiron por motivos económicos- porque "isto non é Venezuela" e xa neste 2016 retrucou a unha pregunta de AGE sobre a crise demográfica galega recorrendo novamente ao argumento venezolano. "Cre que os galegos somos tan parvos como para ir a Venezuela?", preguntou. Apenas dous meses despois, o pasado maio, Feijóo sentou no palco de Riazor para presidir o partido amistoso de Galicia contra Venezuela, celebrado a instancias da Federación Galega de Fútbol que preside o tamén popular Rafael Louzán.