Urbaser busca nos xulgados recuperar a taxa de saneamento suspendida en Ferrol

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol © Concello de Ferrol

O pasado 18 de setembro o pleno do Concello de Ferrol suspendeu por ampla maioría a taxa de saneamento que fora aprobada pola anterior corporación municipal do Partido Popular, un tributo que dende o comezo espertara unha gran polémica na cidade. Os populares foron os únicos que se opuxeron á supresión da ordenanza, unha medida que contou cos votos favorables das forzas do goberno local -Ferrol en Común e PSdeG-PSOE-, os do BNG e o de Ciudadanos.

O alcalde da cidade, Jorge Suárez (Ferrol en Común), manifestou en rolda de prensa "o evidente malestar da corporación local" coa acción levada a cabo pola filial do Grupo ACS

Socamex-Urbaser, responsable da empresa mixta Emafesa, que xestiona o servizo de auga e saneamento en Ferrol, vén de presentar un recurso contencioso-administrativo contra o Concello co obxectivo de repoñer o imposto. A demanda aínda non foi notificada formalmente ao consistorio, aínda que o Goberno municipal tivo coñecemento da súa existencia de maneira extraoficial. O alcalde da cidade, Jorge Suárez (Ferrol en Común), manifestou en rolda de prensa "o evidente malestar da corporación local" coa acción levada a cabo pola filial do Grupo ACS, propiedade de Florentino Pérez. Xa no mes de novembro Socamex-Urbaser tentou evitar a suspensión da taxa de saneamento a través dun recurso de reposición, que foi desestimado pola Comisión Extraordinaria de Economía e Facenda do Concello.

O goberno de José Manuel Rey Varela impuxera o pagamento desta taxa, que obrigaba a un desembolso anual medio de 70 euros a todas a vivendas da zona urbana, co obxectivo de facer fronte ao custe da nova rede de saneamento e depuración. A realidade, como quedou demostrada grazas á visita sorpresa realizada por representantes do Concello á Depuradora de Cabo Prioriño, é que ningunha das vivendas estaba recibindo ese servizo, pois a estación non chegara a depurar a auga en ningún momento, constituíndo "unha grande estafa á cidadanía", como denunciou o Goberno municipal.

“Trátase de que a taxa sexa o menos gravosa posible para a cidadanía e que non se imputen conceptos que non son expresamente da depuración. O mais importante é a rexeneración da ría e a depuración das augas cunha taxa que se axuste, realmente, ao que se fai”

Suárez manifestou este xoves que malia que o cobro da taxa é obrigado por unha normativa europea, antes procede analizar con Augas de Galicia os informes técnicos da EDAR se “xustifican ou non” o cobro da mesma na situación de inactividade na que se atopaba a estación de Prioriño. “Trátase de que a taxa sexa o menos gravosa posible para a cidadanía e que non se imputen conceptos que non son expresamente da depuración. O mais importante é a rexeneración da ría e a depuración das augas cunha taxa que se axuste, realmente, ao que se fai”, indicou.

En canto ás eivas estruturais que presenta a estación depuradora, o alcalde sinalou que o Goberno local está pendente dunha reunión con Augas de Galicia, xa solicitada, "na que agardamos tratar as deficiencias estruturais na construción da EDAR". “Agardo que se emprendan accións xudiciais conxuntas -Xunta/Concello ou ben un acordo amigable, que sería preferible a un procedemento xudicial, para a reparación da estación depuradora de augas residuais para cando entre en servizo todo o sistema de interceptores da ría”, engadiu.

 

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol © Concello de Ferrol
Instalacións da EDAR de Cabo Prioriño © Degremont

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.