Veciñanza de Cuntis denuncia que o Concello, do PSdeG, “mercou irregularmente” máscaras ao voceiro socialista no veciño Barro

Casa do Concello de Cuntis © Concello de Cuntis

A formación salienta que o edil socialista é administrador único dunha empresa creada en xaneiro de 2021 á que o goberno local de Cuntis, do mesmo partido, pagou “máis de 8000 euros a dedo”, nalgún caso malia reparos do interventor

Veciñanza de Cuntis, formación que conta con dous edís e que no pasado mandato apoiou a investidura dun alcalde do PSdeG, que agora ten maioría absoluta, vén de denunciar que o goberno local “mercou irregularmente” máscaras e outros produtos hixiénicos relacionados coa COVID a unha empresa, Celquisan Global SL, creada hai un ano, en xaneiro de 2021, cun administrador único, José Sanmartín Soto, que é o voceiro socialista no veciño concello de Barro. 

A facturación divulgada por Veciñanza de Cuntis, que comeza un mes despois da creación da empresa, suma algo máis de 8.000 euros nun ano e en varias ocasións os pagamentos foron autorizados polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos, tras levantar reparos previos do interventor municipal, procedementos cos que estes funcionarios advirten de que os gastos foron realizados irregularmente, por exemplo sen autorización ou contrato previo.

Máscaras cirúrxicas para o coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

Veciñanza de Cuntis critica que o goberno local “adoita contratar bens e servizos saltando a normativa de contratación pública” pero neste caso salienta que “resulta evidente que estamos ante outro caso de caciquismo”, a “contratación a dedo de material imprescindible á recén creada empresa dun compañeiro de partido”.

“Mentres en Cuntis se contan por ducias os provedores locais con facturas pendentes da última década, a nómina de militantes do PSOE que lle facturan ao concello por bens e servizos sen contrato non deixa de aumentar”, di a formación denunciante, que salienta que Cuntis está “intervido e rescatado polo Ministerio de Facenda debido á acumulación de facturas sen pagar”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.