Xestores ou políticos segundo conveña: Rajoy e Feijóo fan do xuízo da caixa 'b' do PP un baile de máscaras

Feijóo, Fraga e Rajoy, nunha imaxe do Congreso do PP de Galicia celebrado na Coruña en 2009 © PP de Galicia

O ex-presidente do Goberno de España asegura no xulgado que el non xestionaba senón que só facía política, mentres que o da Xunta di que el non vai ao Parlamento a falar de política senón de xestión

“Os bos xestores”, a ladaíña que adoitan repetir os cargos do PP sobre si mesmos, foi desmontada o mércores en sede xudicial por quen foi presidente do partido 14 anos e do Goberno de España seis anos e medio, Mariano Rajoy. El non xestionaba nin no partido nin no Goberno. 

“Eu fundamentalmente dedicábame á política”, asegurou na súa comparecencia no xuízo que se está a celebrar na Audiencia Nacional sobre a contabilidade 'b' do partido, da que di que non sabía nada porque non estaba a esas cousas. Un xuízo no que se analizan tamén supostas doazóns e entregas de diñeiro negro ao PP galego e deste ao estatal en 2006 e 2010, cando xa o presidía Alberto Núñez Feijóo, das que o presidente da Xunta nada quixo explicar tamén esta semana no Parlamento de Galicia porque, dixo, el non está para responder a preguntas políticas do poder lexislativo "en medio dunha pandemia" senón para xestionar esta. 

 “Eu estaba nos grandes temas, nos temas políticos", di Rajoy, mentres Feijóo rexeita responder ás preguntas políticas do Parlamento "no medio dunha pandemia" que di estar centrado en xestionar

As derivadas galegas das diversas investigacións xudiciais sobre o financiamento ilegal do PP desde hai tres décadas son diversas e algunha xa conta con sentenza, como a que fai que un dos líderes da trama Gürtel, Pablo Crespo, número 3 do PP galego entre 1995 e 1999, sexa o primeiro deputado da historia da autonomía galega encarcerado por corrupción. Preguntado por el na Audiencia Nacional, Rajoy dixo o mércores que era un home “importante” do PPdeG pero que non sabía que posto tiña. Tampouco sabía hai uns anos Feijóo que en 2003, cando volveu como conselleiro á Xunta de Fraga da que xa fora alto cargo desde 1991, o ente público Portos de Galicia que del dependía seguía mantendo como conselleiro a Crespo. Seguiría nese posto ata a chegada do Goberno de coalición de PSdeG e BNG.

Rajoy escudou a súa ignorancia sobre boa parte das preguntas que lle formularon argumentando que nos cargos que ocupou el se dedicaba a facer política, non xestión. Chegou a exemplificar a situación asegurando que, como ministro, el “non decidía en que lugares de España se facían cuarteis da Garda Civil ou comisarías de Policía”. “Eu estaba nos grandes temas, nos temas políticos, e por iso nunha campaña electoral estaba no deseño político da campaña, pero non estaba na contratación de valados”, engadiu.

Rajoy, presentando a campaña electoral das xerais de 1996 © PP

Noutro momento, insistiu en que “na etapa na que fun presidente [do PP] non supervisaba absolutamente nada [da contabilidade], estaba a outras cousas”. Mesmo previamente, no tempo no que foi secretario xeral do PP, posto no que foi nomeado en agosto de 2003, asegurou que non se preocupou da xestión interna do partido senón só da súa candidatura á presidencia do Goberno de España nas eleccións de marzo de 2004.

Ademais da figura de Crespo, outro dos elementos galegos da causa polos que se preguntou a Rajoy foi sobre Ángel Piñeiro, ex-xerente do PP en Galicia e sinalado por Bárcenas como persoa clave no entramado da caixa 'b'. Amigo persoal de Rajoy desde a mocidade, este mércores o ex-presidente cualificouno como “unha persoa que tratei moito”, pero negou que lle dixese nada de ningunha achega do PP galego ao estatal.

“Non me dedicaba nin a inspeccionar os despachos nin a ver se había caixas fortes”, di Aznar, que matiza que el ocupaba un secundario e que o principal era de Fraga

Nada di saber Rajoy tampouco de que houbese ningunha caixa forte na sede do PP na rúa Génova de Madrid, cuestión da que tampouco nada sabe o ex-presidente Aznar, interrogado na mesma xornada. “Non me dedicaba nin a inspeccionar os despachos nin a ver se había caixas fortes”, dixo na súa declaración, na que deixou caer que el non ocupaba o despacho principal senón un secundario. O principal, dixo, era o do fundador do partido, Manuel Fraga.

A xestión non era cousa de Rajoy nin de Aznar, que se dedicaban a facer política. Pero o mesmo día que eles declararon na Audiencia Nacional, o citado a dar resposta política no Parlamento de Galicia sobre a cuestión foi Feijóo, presidente da Xunta desde 2009, do PP galego desde 2006 e alto cargo de Fraga desde 1991. Nada dixo ao lexislativo do que se lle preguntou porque, di, está centrado na xestión da pandemia do coronavirus e xa lle preguntaron moitas veces antes polos supostos movementos de cartos de 2006 e 2010. Nunca respondeu nada, en 2013 porque consideraba “desproporcionado” ter que facelo en verán e agora porque está ocupado coa crise sanitaria e económica e non co “culebrón” que ao seu ver é o proceso xudicial da Audiencia Nacional.

Rajoy, Feijóo e Fraga, nunha imaxe de 2009 © PP de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.