O presidente chama “corresponsais de culebrón televisivo” a Pontón e Caballero por preguntarlle sobre os dous millóns de euros que segundo Bárcenas os populares galegos enviaron en negro a Madrid cando xa estaba á fronte do partido
En xullo de 2013, cando o diario El País revelou a existencia dun certificado elaborado polo PP de Galicia en 2006, con Feijóo xa presidindo o partido, para xustificar ante a dirección central como cubrira con dous millóns de euros de doazóns en ‘b’ gastos da campaña galega de 2005, o presidente da Xunta rexeitou dar explicacións no Parlamento de Galicia porque lle parecía “desproporcionado” ter que facelo en verán. Ese mesmo día produciuse o accidente de Angrois e o tema caeu da axenda política e mediática.
Este mércores, despois de que o ex-tesoureiro Luis Bárcenas ratificase a procedencia de Galicia daqueles dous millóns rexistrados nas contas en negro agora axuizadas, Feijóo, preguntado no Parlamento pola cuestión por BNG e PSdeG, rexeitou novamente dar ningunha explicación argumentando que a pandemia do coronavirus é máis importante. “Levan vostedes doce anos preguntando, e os galegos decidindo nas eleccións”, foi outra das xustificacións de Feijóo ao silencio que ao respecto mantén desde hai máis dunha década.
As preguntas de Ana Pontón e Gonzalo Caballero sobre a suposta caixa b dos populares galegos producíronse no mesmo día en que os ex-presidentes do Goberno de España e do PP Mariano Rajoy e José María Aznar comparecen como testemuñas na Audiencia Nacional. Porén, as súas preguntas sobre as derivadas galegas dese caso levaron a Feijóo a cualificalos de “corresponsais de culebrón televisivo falando de Madrid”. “Vostede non le a prensa de todo o mundo que fala de que dous presidentes teñen que comparecer no xulgado?”, retrucou Caballero. “Que nos fale de culebrón vendo o que está a pasar na Audiencia Nacional, hai que ter valor”, respondeu Pontón.
Feijóo acusou a BNG e PSOE de ser máis corruptos, presentounos como irresponsables por preguntarlle durante unha pandemia e considerouse avalado por catro vitorias electorais
Feijóo centrou as súas intervencións en presentar como irresponsables as preguntas de BNG e PSdeG no medio dunha pandemia, considerar as súas catro vitorias electorais como aval fronte a corrupción e acusar a socialistas e nacionalistas de ser máis corruptos. Aos primeiros, lembrou o caso dos ERE en Andalucía ou a recente condena do ex-presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, ao que presentou como “un dos grandes dirixentes do PSOE en Lugo”. Aos nacionalistas botoulles en cara que “de catro conselleiros que tivo no bipartito, o 25% foi imputado”, en referencia ao ex-titular de Industria Fernando Blanco cuxo caso foi arquivado.
Pontón avanzou que estuda pedir unha comisión de investigación no Parlamento e lembrou que Feijóo xa era presidente cando en 2010 Bárcenas asegura que recibiu 50.000 euros do PP de Pontevedra
Pontón e Caballero puxeron tamén o foco noutro elemento da caixa 'b' do PP que está a xulgar a Audiencia Nacional que ten a súa orixe en Galicia, 50.000 euros que o PP de Pontevedra entregou en negro ao estatal en 2010, segundo ratificou Bárcenas, como devolución dun préstamo previo e que o ex-tesourerio di que entregou posteriormente en sobres a Rajoy e a daquela secretaria xeral María Dolores de Cospedal. “Vostede xa era presidente da Xunta”, coincidiron en salientar Pontón e Caballero, que non lograron que Feijóo sequera desmentise o seu coñecemento das operacións.
Ante o silencio do presidente, a portavoz nacionalista avanzou que a súa formación estuda solicitar unha comisión de investigación política no Parlamento de Galicia, procedemento que os partidos da oposición poden activar por si sós aínda que se opoña a maioría absoluta do PP nunha única vez en toda a lexislatura.
Caballero di que Feijóo falta ao respecto aos tribunais ao cualificar de "culebrón" o xuízo sobre a caixa 'b' do partido e censura a "cortina de fume na que dá o beneplácito á corrupción"
Pola súa banda o socialista censurou que a cualificación de "culebrón" por parte de Feijóo do xuízo da caixa 'b' que celebra a Audiencia Nacional "é unha falta de respecto aos tribunais". Caballero censurou a "cortina de fume" na que Feijóo "dá o beneplácito á corrupción" e preguntouse se "como hai unha pandemia, non se pode preguntar?"
O anuncio final de Feijóo nas súas intervencións foi que o Consello da Xunta deste xoves será dedicado de xeito “monográfico” a “aprobar”, dixo, os proxectos de reactivación económica que Galicia quere presentar aos fondos europeos NextGeneration, malia que aínda non son oficiais os criterios finais de selección dos mesmos.