Zapatero nega que influíse no rescate de Plus Ultra e defende a súa inocencia: "Non teño nada fóra de España"

Zapatero, nun acto do PSOE durante a pasada campaña electoral andaluza CC-BY-NC-ND PSOE

O ex-presidente do goberno de España sinala tras declarar que presentou unha "autorización universal voluntaria" para poder constatar a "inexistencia" de "sociedades, cartos, produtos financeiros ou calquera activo" directa ou indirectamente del no estranxeiro

O ex-presidente do Goberno de España José Luís Rodríguez Zapatero declarou este mércores na Audiencia Nacional como investigado no marco do chamado caso Plus ultra. Durante a súa comparecencia, que se prolongou durante toda a mañá, o ex-líder do Executivo desvinculouse do rescate de Plus ultra, negou categoricamente ter sociedades fóra de España e non se pronunciou sobre as xoias intervidas nunha caixa forte na súa oficina profesional. 

Nun comunicado emitido tras a súa declaración, Zapatero defendeu a súa inocencia e dixo que presentou unha "autorización universal voluntaria" para que poida constatarse a "inexistencia" de "sociedades, diñeiro, produtos financeiros ou calquera activo" con titularidade directa ou indirecta: "Non teño absolutamente nada fóra de España"

José Luis Rodríguez Zapatero comparecendo no Senado o pasado marzo © Senado

Formalmente, Zapatero está investigado por catro delitos -tráfico de influencias, branqueo de capitais, delito contra a Facenda Pública e contrabando-, aínda que sobrevoan na causa outros posibles tipos penais. O instrutor do caso, o maxistrado José Luis Calama, sitúa o ex-presidente do Goberno no "vértice" dunha "estrutura organizada e estable" de tráfico de influencias a cambio de pagos. Apoiándose, fundamentalmente, en comunicacións intervidas a terceiras persoas, sinala a Zapatero como a persoa que exercía "o liderado estratéxico" e mantiña "os contactos institucionais e empresariais de alto nivel".

O instrutor investígao por catro delitos nunha causa na que sobrevoan outros posibles tipos penais e sitúao no "vértice" dunha "estrutura organizada e estable" de tráfico de influencias a cambio de pagos

O ex-presidente só respondeu ás preguntas do instrutor e do seu avogado, o reputado procesalista Víctor Moreno Catena. Zapatero negou categoricamente que influíse no rescate de 53 millóns de euros da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) a Plus Ultra.

Esa é, precisamente, unha das supostas vías de influencia nas que pon o foco Calama no seu auto de imputación. E faino en base, entre outras cousas, a varias mensaxes que o Homeland Security Investigation dos Estados Unidos interveu ao empresario venezolano Rodolfo Reyes Rojas, quen fora accionista maioritario de Plus ultra. "O que quero é que fale coa SEPI, el ou Zapatero, e saquen aínda que sexa de palabra que nos conceden a axuda cun 100% de seguridade", reza unha desas mensaxes que a defensa de Zapatero pretende anular. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.