O proceso penal rematou en 2019 coa condena de dous traballadores, pero a sanción económica ás empresas implicadas por incumprir riscos laborais chega aínda agora
O 14 de outubro de 2011 un traballador faleceu nas obras de construción do porto exterior da Coruña en Punta Langosteira ao golpearlle na cabeza unha peza desprendida durante a desmontaxe dun gran guindastre empregado para a construción do dique de abrigo. Por aqueles feitos resultaron condenados en 2019 outros dous traballadores como responsables de homicidio imprudente en concurso cun delito contra o dereito dos traballadores.
Pero as empresas responsables de incumprir a prevención de riscos laborais que acabaron coa morte do obreiro e que puxeron en perigo a outros tres veñen de resultar sancionadas aínda agora, 15 anos despois, cun total de 262.000 euros tras un longo proceso administrativo e xudicial.
É o Diario Oficial de Galicia (DOG) o que vén de publicar as sancións da inspección laboral por infraccións moi graves impostas a varias empresas polos feitos ocorridos en Langosteira en outubro de 2011 logo de que a xustiza rexeitase os seus recursos e veña de facer firmes as multas. Grúas Usabiaga, empresa para a que traballaba o obreiro falecido e outro dos expostos ao risco, é sancionada con 180.000 euros, mentres que Herederos de Ignacio de la Iglesia e Grúas y Servicios Chema, para as que traballaban os outros dous empregados en risco, son multadas cada unha con 40.986 euros.
Desas sancións tamén é declarada responsable solidaria a Unión Temporal de Empresas (UTE) Langosteira, encargada da construción do porto exterior e que á súa vez iniciou a cadea de subcontratacións das outras empresas. A Xustiza lembra que a lei establece que "a responsabilidade da UTE é solidaria [...] respecto do incumprimento cometido polas subcontratistas".
Segundo o relato dos feitos de varias sentenzas xudiciais xa firmes tanto do Penal como do Social, UTE Langosteira, empresa encargada de construír o porto exterior, subcontratou con Grúas Usabiaga o "transporte e colocación de bloques de ata 200 toneladas de peso no dique de abrigo". Esa empresa subcontratou á súa vez con Grúas Chema e con Herederos de Ignacio de la Iglesia traballos de transporte e vertido de materiais, de mantemento e reparación e de desmontaxe do guindastre que viña de rematar a colocación de bloques do dique. Foi nesa desmontaxe cando unha viga interior do guindastre se soltou e golpeou a cabeza do traballador falecido.
"O traballo realizouse mediante un procedemento de extracción improvisado polos operarios, situándose para a realización de dito traballo sobre as propias pezas a desmontar, sen medios auxiliares adecuados e sen adoptar medidas de organización para evitar a presenza dos traballadores dentro do propio radio de acción dos equipos de traballo e en zona de perigo", din os feitos probados da sentenza xa firme da sección do Social do tribunal de instancia da Coruña que ratifica as sancións da inspección laboral.
"O traballo realizouse mediante un procedemento de extracción improvisado", di a xustiza, que ratifica agora as sancións impostas pola inspección laboral
Por eses feitos, lembra esta última sentenza, abriuse un proceso penal que rematou coa condena en abril de 2019 por "conformidade das partes" de "dous traballadores da empresa Grúas Usabiaga como autores penalmente responsables dun delito de homicidio imprudente en concurso ideal cun delito contra os dereitos dos traballadores".
Ese proceso penal mantivo suspendido o procedemento sancionador da inspección de traballo, que se retomou logo daquela condena coa imposición das anteditas multas en setembro de 2019. Pero as empresas implicadas acudiron á xustiza con diversos recursos contra a inspección laboral e entre elas mesmas. E agora a sección do Social do tribunal de instancia da Coruña vén de desestimar todos os recursos e ratificou as sancións nunha sentenza emitida o pasado 14 de xaneiro que adquiriu firmeza o 4 de febreiro. Así o fai constar a Consellería de Emprego nas resolucións coas que fai públicas as sancións firmes finalmente impostas ás empresas polas súas infraccións moi graves en materia de prevención de riscos laborais.