- 📺EN VINTE | Vinte falando: en que fala a xente nova?
'2021, 40 anos despois' ofrece as reflexións sobre a situación e o futuro do galego do alumnado do instituto de Arzúa
2021, 40 anos despois. É o título do documental elaborado pola comunidade educativa do IES de Arzúa sobre a situación do galego no ámbito da educación secundaria e a mocidade. Coa colaboración na gravación e montaxe de María José Pérez, a peza de 47 minutos ofrece as reflexións do alumnado do instituto sobre o uso e o futuro da lingua nun contexto na que a maioría son galegofalantes.
O documental difúndese agora "con motivo do Día Europeo das Linguas, que se celebra o 26 de setembro", tal e como explican desde o propio instituto. "Pensamos que pode ser un recurso didáctico para achegármonos a contidos relevantes para o currículum das materias de lingua como o bilingüismo, a diglosia, os prexuízos lingüísticos ou a lusofonía", engaden.
Porque de todo iso falan os rapaces e rapazas que debaten "sobre a situación sociolingüística do galego nos seus contextos e na adolescencia". Mocidade que aborda a saúde da lingua 40 anos despois de que en 1981 se aprobase o Estatuto de Autonomía e "o galego pasase a ser considerada lingua cooficial" en Galicia, pasando a ter un estatus legal "que lle permitiría sair dos espazos informais e íntimos aos que fora relegada pola ditadura franquista".
A rapazada reflexiona e debate sobre a diglosia, a normalización, a lusofonía, os recursos para a mocidade ou a saúde e futuro da lingua galega
Durante a peza documental, a rapazada establece diálogos e reflexións en resposta a varias preguntas sobre o galego: "Pervive a diglosia nas persoas galegofalantes? Cal é a lingua que utilizamos nas redes sociais? Coñecemos os recursos, as posibilidades para vivermos en galego? As estratexias normalizadoras e normativizadoras deron resultado? Temos vantaxe como galegos e galegas para achegarnos á lusofonía? Aumentou ou diminuíu o número de falantes de galego? Cal é o futuro da lingua?".
Non é a primeira vez que o alumnado do IES de Arzúa aposta polas pezas audiovisuais. Hai menos dun ano, foi premiado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega por unha curtametraxe sobre Carvalho Calero realizada co gallo das Letras Galegas dedicadas ao autor ferrolán.