Policía Nacional, Garda Civil e Aduanas detectou que a mesma organización traballaba nun novo cargamento nunha embarcación de alta velocidade
Axentes da Policía Nacional, Garda Civil e o Servizo de Vixilancia Aduaneira desarticularon "unha importante organización criminal dedicada á recollida e introdución de grandes cantidades de cocaína" mediante o uso de embarcacións de alta velocidade. A investigación iniciouse en xaneiro do ano 2025 tras o achado dun semisumerxible, presumiblemente utilizado para a introdución de cocaína a través das costas galegas, concretamente a través da praia dos Muíños, en Muxía.
Segundo as forzas de seguridade, "puidose acreditar a existencia dunha organización criminal asentada en territorio da Costa da Morte, especializada na introdución de grandes alixos de substancias estupefacientes, cuxos integrantes desenvolvían a súa actividade delituosa en lugares illados da costa galega, que requirían un especial coñecemento da zona, debido á particular orografía da mesma".
Entre os detidos figura un axente da Garda Civil
A investigación culminou na madrugada deste martes, cando "tras detectar como a organización criminal tiña previsto realizar outra operativa de tráfico de drogas vía marítima, utilizando unha embarcación de alta velocidade, estableceuse un amplo dispositivo que deu como resultado a detención de 26 persoas, entre elas un membro da Garda Civil". Tamén foron incautados "máis de 1.600 quilos de cocaína no momento en que estaban a ser descargados nunha recóndita praia da costa coruñesa, concretamente na praia de Arnela, en Muxía".
A investigación, na que foi intervido tamén un revolver, está a ser dirixida pola Sección de Instrución do Tribunal Central de Instancia Praza nº 1 da Audiencia Nacional e permanece aberta, polo que non se descartan novas actuacións.