Furo da Laura, o estaleiro dos narcosubmarinos que traen a cocaína á Península

Un dos narcosubmarinos construídos no Furo da Laura, no norte do Brasil, en 2016 © Narcodiario

As investigacións de Narcodiario revelaban xa en 2018, un ano antes da caída do narcosubmarino afundido en Aldán (Cangas), que os colombianos levaban máis dunha década enviando alixos de cocaína cara a Galicia en bodegas de semisomerxibles. As fontes eran de primeira man: narcos colombianos que cruzaran o Atlántico, a Brigada Central de Estupefacientes e mesmo a aparición de tripulantes extra en pesqueiros como o San Miguel, interceptado en 2008 cun cargamento de cocaína que, pénsase, recollera dun destes artefactos navais.

Os narcos colombianos constrúen os semisomerxibles en paraxes agochados dos mangares do norte do Brasil

As pescudas policiais desenvolvidas por mor da caída do narcosubmarino de Aldán en novembro de 2019 situaron a súa partida na desembocadura do río Amazonas, ao norte do Brasil, e a súa ensamblaxe nas inmediacións. Agora, coa chegada do maior alixo xamais incautado neste medio de transporte, os 6.600 quilos intervidos entre Azores e Canarias a semana pasada, ese mesmo lugar do planeta volve estar no foco. A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil, a Administración para o Control de Drogas (DEA, polas súas siglas en inglés), a Axencia Nacional Contra o Crime (NCA) británica e a Polícia Judiciária lusa sinalaron o norte de Brasil como punto de partida do batiscafo.

O precario narcosubmarino que non chegou a cruzar o Atlántico © Narcodiario

Inhóspito e deshabitado

Todos os indicios apuntan a un mesmo enclave. A Policía Nacional fixou no seu momento a presenza destes aparellos na costa atlántica máis próxima á desembocadura do Amazonas. Manexaba mesmo algunhas imaxes fronte a Surinam e Güiana nas que se apreciaba a silueta dos narcosubmarinos pondo rumbo a Europa.

Agora, este xornal descubriu que, xa en 2016 polo menos tres narcosubmarinos de características case idénticas ás do Che, o que chegou á ría de Aldán en novembro de 2019, foron ensamblados no Furo da Laura, un dos brazos que circundan o tramo final do río Amazonas, non lonxe da localidade de Belén, aínda que varios quilómetros ao leste da devandita cidade, nunha contorna inhóspita e practicamente deshabitada.

"Temos información de que dúas deses narcosubmarinos partiron e coroaron", confirma un dos maiores expertos na loita contra o narcotráfico da Policía Federal do Brasil. A hipótese que manexa é que o seu destino era España.

Os colombianos constrúen os sumerxibles en estaleiros clandestinos preto da desembocadura do Amazonas © Narcodiario

Este axente e o resto do seu equipo incautáronse do terceiro dos submarinos, situado na citada contorna. "É unha zona de manglares con mareas que alcanzan os 10 metros", explica. O batiscafo quedou encallado nunha desas mareas mal calculadas polos narcotraficantes.

Construtores navais colombianos

Dous batiscafos chegados a España en 2016 foron construídos nese mesmo sitio preto de Belén, na desembocadura do Amazonas

Os narcosubmarinos teñen a súa orixe en Colombia, nos manglares situados na costa do Pacífico. Nesa zona sitúanse estaleiros clandestinos nos que se constrúen os cascos e se ensamblan ata que parten bordeando a costa en dirección a Centroamérica e, en ocasións, até preto de México. Eles son os responsables da patente do invento criminal e tamén están detrás do que ocorre na desembocadura do Amazonas.

O modus operandi que se puido acreditar indica que os colombianos se desprazan a esa zona transportando todo o material preciso para a construción dos semisumerxibles e a súa preparación para a viaxe cara a Europa. Nesa mesma zona localizáronse claras evidencias da presenza de colombianos, que instalan estaleiros efémeros e se moven en busca de clandestinidade. Así comeza a ruta dos narcosubmarinos transoceánicos, unha ruta cada vez máis recorrente e coñecida a este lado do Atlántico.  

Paraxes inhóspitas no medio da xungla serven aos narcos colombianos para construír os narcosubmarinos © Narcodiario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.