"O narcosubmarino evidencia que o narcotráfico en Galicia ten un presente moi vivo"

O submarino apreixado, en Cangas © Delegación do Goberno en Galicia

“Que se prendese un submarino destas características, con tal cantidade de droga e tal impacto, non fai máis que evidenciar o que tantas veces dixemos. Se había algunha dúbida, queda despexada: o problema do narcotráfico non é algo pasado, senón que é un problema cun presente moi vivo”, di Fernando Alonso, xerente e portavoz da Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGCN). 

O reflotamento do submarino, de 20 metros de eslora, cargado de cocaína e interceptado nas augas de Aldán (Cangas) concluíu este pasado mércores logo de difíciles traballos que permitiron tamén ás forzas de seguridade acceder ao seu interior. Alí atoparon uns 152 fardos, unhas 3 toneladas cun valor aproximado duns 100 millóns de euros no mercado. É o maior alixo incautado en Galicia nos últimos quince anos, desde que en 2003 se aprehendesen 6.000 quilos no buque South Sea do narcotraficante Marcial Dorado. 

"O apreixamento deste submarino evidencia que o problema do narcotráfico en Galicia non é algo pasado, senón moi vivo", di a Fundación Galega contra o Narcotráfico

Foi o primeiro narcosubmarino interceptado en Europa e a lenda de que hai tempo que son usados por organizacións americanas e galegas para trasladar a droga desde o outro lado do Atlántico virou en realidade. “Xa escoitara falar máis dunha vez deste tipo de descarga en Galicia, pero cando o comentaba non me crían; agora xa temos a evidencia e temos que estar avisados”, di Carmen Avendaño, presidenta da asociación Érguete. Na súa opinión, a descuberta deste somerxible “demostra que as redes do narcotráfico en Galicia seguen moi activas e con moita forza”. “Cada vez son máis fortes e moven moitos cartos”, insistiu. 

Parte do alixo de cocaína que transportaba o submarino, en imaxes difundidas pola Garda Civil © Garda Civil

“A organización que envía un submarino con esa cantidade de droga a bordo ten que ser moi importante, pero tamén a que recibe a carga aquí”, engade Alonso, que cre que queda aínda por saber se a rede galega que ía recibir o envío “era propietaria ou só transportista”. 

Para a Fundación Galega contra o Narcotráfico, confírmase tamén outra das características dos novos clans da droga galegos, potentes pero discretos, anónimos. “O negocio dos narcos vive do silencio, de non chamar a atención, de non seren coñecidos nin sinalados como delincuentes”, explica Alonso, que cre que tamén están a ser beneficiados polo afastamento dos focos cara a outras latitudes. “O problema no sur da Península é moi importante, pero aquí tamén”, engade. 

Estados Unidos, Reino Unido, o Brasil, Portugal e España colaboraron nunha operación que o Goberno central cualifica de "histórica"

Sexa como for, tivo que ser unha cooperación entre forzas de seguridade dos Estados Unidos, Reino Unido, o Brasil, Portugal e España a que permitise apreixar o submarino, tal e como aclarou o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, que compareceu este xoves en Cangas xunto a representantes policiais e militares de diversos países e da Axencia Tributaria. Advertiu dunha “operación histórica” e deu conta do salto cualitativo dos clans do narcotráfico galego e dos seus métodos. Hai trece anos, na ría de Vigo, unha embarcación semellante fora tamén apreixada, pero era bastante máis pequena que esta que acabou en Aldán. 

“Marca un antes e un despois”, asumiu Losada, que repetiu que “nunca” se detectara un somerxible así en Europa nin tal cantidade de droga dentro dun aparello deste tipo. “A partir de agora, as forzas de seguridade do Estado terán en conta esta posibilidade de chegada de droga ás costas; agora está constatado”, advertiu. 

É o Brasil o Estado que agora aparece como presumible lugar de orixe do somerxible, pero falta por determinar, a través dunha investigación que segue “aberta”, se o submarino chegou directo desde as costas brasileiras ou se cargou a droga nalgún punto intermedio do océano desde outra embarcación. “As investigacións non descartan ningunha posibilidade”, dixo Losada. 

Polo momento, dous dos tripulantes deste aparello foron detidos –ambos de nacionalidade ecuatoriana-- e outro permanece fuxido. Non é compatriota destes, segundo aclarou o delegado do Goberno, o que reforza a hipótese de que puidese tratarse dun cidadán galego encargado de servir de enlace cos clans que desde aquí terían que descargar a droga. 

O delegado do Goberno, xunto a outras autoridades, observan o narcosubmarino © Delegación do Goberno

O forte temporal fixo imposible a descarga da droga nun barco que debería transportar o material á costa, polo que os tripulantes decidiron seguir ata entrar na ría. Alí esperábanos máis de 200 axentes e varios barcos e helicópteros das forzas de seguridade, polo que os narcotraficantes decidiron afundir o somerxible e abandonalo. 

O temporal impediu que un barco puidese recoller a droga do submarino, que tivo que entrar na ría, onde foi apreixado

As investigacións comezaran moito antes, cando o Centro de Análise e Operacións Marítimas en materia de Narcotráfico (MAOC) alertou sobre unha embarcación sospeitosa que se dirixía cara á Península polo Atlántico. Agora, continúa para determinar a orixe da droga e a organización que ía ser a receptora. Segundo informa a Garda Civil, e aínda que o uso destes submarinos é habitual en América, é a primeira vez que se detecta este sistema en Europa. Un somerxible artesanal, fabricado en fibra e con capacidade e autonomía para transportar entre tres e cinco toneladas. 

O submarino foi trasladado á Escola Naval de Marín para poñela a disposición xudicial e que sexa inspeccionada máis en detalle, mentres que a droga permanecía custodiada este xoves na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.