45 trens afectados por unha avaría de 12 horas na sinalización de Adif na estación da Coruña

Estación de tren da Coruña CC-BY Jose Luis Cernadas Iglesias

Durante boa parte do día os maquinistas tiveron que circular sen o amparo de parte dos sistemas de seguridade

Unha avaría de 12 horas nas instalacións de sinalización e seguridade vinculadas á estación de tren da Coruña afectou este xoves segundo Adif a un total de 45 convois, 14 deles suprimidos. Os problemas estendéronse fundamentalmente ao resto do Eixo Atlántico, que xa vén sufrindo demoras de todo tipo, o que levou á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a remitir unha nova carta ao Goberno de España pedindo solucións ás reiteradas avarías nas liñas de ferrocarril galegas. 

Estación da Coruña Dominio Público Adif

Segundo Adif, a avaría na sinalización detectouse contra as 7.45 horas da mañá e paralizou a circulación de todos os trens na Coruña, facendo do seguinte apeadeiro do Eixo Atlántico, o de Uxes, o primeiro dispoñible e o que centralizou as viaxes alternativas e os transbordos. Tres horas máis tarde habilitouse unha primeira solución provisional en dúas vías, onde os maquinistas tiveron que circular sen o amparo de parte dos sistemas de seguridade. 

Finalmente contra as 19.45 da tarde, doce horas despois do inicio dos problemas, Adif consideraba "reparada provisionalmente" a avaría, que previamente atribuíra a "unha falta de subministro eléctrico por parte da empresa subministradora". A empresa pública tamén sinalaba que ao longo da noite do xoves ao venres, coincidindo co habitual período de mantemento nocturno sen circulación, quedaría reparada definitivamente a avaría.

Estación de tren da Coruña © Adif

Durante o tempo que os trens se viron afectados habilitouse un plan alternativo de transporte con transbordos por estrada. Porén, en todo caso, e sempre segundo as cifras de Adif, resultaron afectados 38 trens de media distancia, 12 deles "suprimidos parcialmente"; 5 trens de longa distancia, 2 deles "suprimidos parcialmente"; e outros dous trens de mercadorías. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.