5 novas mortes polo coronavirus elevan a 29 os falecementos na última semana en Galicia

Interior dun centro hospitalario galego © Sergas

Galicia rexistrou 5 novos falecementos polo coronavirus nas últimas 24 horas, pasando de 696 a 701 defuncións de persoas con test PCR positivo, segundo os datos comunicados pola Consellaría de Sanidade na mañá deste xoves. Estas 5 mortes elevan a 29 a conta da última semana e a 57 o número de falecementos dende o inicio deste mes de setembro.

No que levamos de mes de setembro houbo 57 mortes de persoas con coronavirus en Galicia

O número de defuncións mantivérase moi estable entre finais de maio (616 mortes o 31 de maio) e comezos de agosto (619 o 7 de agosto). Porén, os efectos da segunda vaga da pandemia, que se deixaron notar nese momento, veñen incrementando os indicadores de falecementos, que se están a acelerar neste mes de setembro. 

As tres últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron, unha muller de 56 anos que estaba ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro, un home de 56 anos que estaba ingresado no CHOP, e unha muller de 77 anos que estaba ingresada no HULA. Todos eles presentaban patoloxías previas.

Este xoves hai que engadir 224 novos diagnósticos de coronavirus, un dato moi semellante á media da última semana (229,57)

Na parte positiva, semella que as cifras de novas infeccións están a estabilizarse, mantendo un ritmo diario de pouco máis de 200 dende hai días. Este xoves hai que engadir 224 novos diagnósticos de coronavirus, un dato moi semellante á media da última semana (229,57). Dende o mércores da semana o número de novos contaxios non pasa dos 300 en Galicia.

Nos últimos días de agosto e comezos de setembro a media semanal de novos casos diarios chegou ao seu máximo desta segunda onda da enfermidade, roldando os 275 novos casos ao día. Dende entón iniciou un lento descenso. 

Os casos activos descenden este xoves dos 4.322 aos 4.306

No que atinxe aos casos activos, o indicador que adoita empregar o Sergas dende o inicio da pandemia, o seu número descende este xoves dos 4.322 aos 4.306, aínda que se mantén preto do máximo acadado o pasado mércores (4.364), que foi a cifra máis alta dende que o pasado 28 de abril a Xunta introduciu dun golpe un gran número de 'curacións'.

A cifra de 'curacións' medra este xoves das 15.829 ás 16.064, unhas 235 máis, produto das 'altas' que están rexistrando moitos dos contaxios detectados nos primeiros días de setembro.

Este mércores leváronse a cabo en Galicia 4.719 novas probas PCR, unha cifra que se mantén próxima aos datos máis elevados dende o inicio da pandemia

Este mércores leváronse a cabo en Galicia 4.719 novas probas PCR, unha cifra que se mantén próxima aos datos máis elevados dende o inicio da pandemia. A media na última semana (4.359) é lixeiramente inferior á das dúas semana anteriores. 

A porcentaxe de probas que teñen un resultado positivo rolda o 5%, xusto o indicador de referencia que a OMS emprega para considerar que a enfermidade está controlada. A media do Estado español supera o 10% (12,6%) e nalgunhas comunidades, como Madrid, supera o 20%.

28 persoas con Covid-19 están en UCI e 201 en unidades de hospitalización, unha cifras semellantes ás rexistradas onte (29 e 211)

Dos 4.306 casos activos notificados polo Sergas, a maior parte atópase en corentena nos seus domicilios, con síntomas leves. 28 están en UCI e 201 en unidades de hospitalización, unha cifras semellantes ás rexistradas onte (29 e 211). A evolución é estable no que atinxe ás unidades de coidados intensivos (na última semana o número de persoas con coronavirus internadas moveuse entre 25 e 30) e dun certo descenso no resto de unidades hospitalarias, cunha cifra que chegou a acadar as 221 hai tres días. 

Nas residencias de maiores hai neste momento un total de 229 casos activos entre as persoas usuarias e 88 entre o persoal

No que atinxe ás residencias de maiores, hai neste momento un total de 229 casos activos entre as persoas usuarias e 88 entre o persoal; nos centros de atención á discapacidade o coronavirus afecta a 27 usuarios e usuarias e a 13 traballadoras e traballadores. As cifras son moi semellantes ás deste mércores e nas últimas 24 horas só houbo que engadir 6 novos casos: 3 usuarios da residencia de maiores DomusVi Lugo (Outeiro de Rei), 1 usuario da residencia de atención a persoas con discapacidade Ricardo Baró de Aspronaga (Oleiros), 1 traballador da residencia de maiores A Milagrosa (Lugo) e 1 traballador do CRAPD I (Vigo). Así mesmo, houbo 5 altas.

A situación mantense estable en todas áreas, rexistrándose pequenas subas en Pontevedra (a zona que experimentou un maior incremento nos últimos días), Vigo e Ourense.

Por áreas sanitarias, dos 4.306 casos activos, 1.236 son da área da Coruña (1 menos ca onte), 772 da de Lugo (9 menos), 503 da de Ourense (3 máis), 584 da de Pontevedra (7 máis ), 394 da área de Vigo (7 máis), 635 da de Santiago (24 menos), e 182 da de Ferrol (1 máis).

A situación mantense estable en todas áreas, rexistrándose pequenas subas en Pontevedra (a zona que experimentou un maior incremento nos últimos días), Vigo e Ourense. Pola contra, Lugo e Santiago tiveron lixeiros descensos e Ferrol e A Coruña case non amosaron movementos nas súas cifras totais. 

Lugo (242 casos por cada 100.000 habitantes) e A Coruña (224) son as dúas áreas cunha maior incidencia, e Pontevedra (199) está a achegarse aos seus indicadores

Lugo (242 casos por cada 100.000 habitantes) e A Coruña (224) son as dúas áreas cunha maior incidencia, e Pontevedra (199) está a achegarse aos seus indicadores. Ferrol (102) e Vigo (68) seguen a ser as áreas sanitarias cunha situación máis favorable, mentres que Santiago e Ourense presentan datos semellantes á media galega (161 casos por cada 100.000 habitantes).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.