Galicia segue na contorna dos 200 positivos diarios da COVID-19 malia ao empeoramento na área de Pontevedra

Dispensador de xel hidroalcólico nun centro sanitario CC-BY-SA Foto: Goberno de Navarra | Montaxe: Praza Pública

Galicia segue a transitar por unha caste de meseta estatística no que ao número de novos casos diarios do coronavirus se refire. Con alzas pronunciadas como a coñecida o pasado martes e descensos non tan intensos, como o que reflicten os datos deste mércores, os datos indican que o país se move na contorna dos 240 novos casos diarios dende hai uns dez días. Faino malia ao empeoramento da situación na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que nos datos globais de Galicia se ve compensado pola relativa mellora na Coruña e Lugo.

As mortes ligadas á pandemia chegan ás 696 tras o falecemento dun home en Lugo procedente do centro DomusVi de Outeiro e dunha muller no hospital de Cee

O comunicado diario difundido pola Consellería de Sanidade sobre a evolución da pandemia -a Xunta segue sen publicar a súa serie histórica completa e sen divulgar datos abertos- indica que os "positivos activos" son agora 4.322. É un incremento de 21 porque o número de altas computadas, 178 (para un total de 15.829) son menos que a suma de novos positivos e novos falecementos.

A cifra de mortes increméntase en dúas persoas, ata 696. Os falecidos na última xornada, segundo o Sergas, foron un home de 86 anos procedente da residencia DomusVi de Outeiro de Rei e ingresado no hospital Lucus Augusti de Lugo e mais unha muller de 91 hospitalizada en Cee. [Seis meses de pandemia do coronavirus en Galicia, en seis gráficos]

Estes 201 novos casos coñecidos este mércores, día 16, correspóndense cos detectados o martes, día 15. Nesa xornada produciuse un incremento notable no número de probas PCR realizadas, ata volver superar as 4.500. Foron, concretamente, 4.679 para un total de 405.798. Isto supón que, tras superar ese limiar nos últimos días, o número de novos casos detectados volva equivaler a menos do 5% das probas PCR feitas, referencia da Organización Mundial da Saúde para dar a epidemia por controlada nun territorio determinado.

Atendendo aos devanditos datos, os 201 novos casos novos das últimas vinte e catro horas equivalen ao 4,3% das probas PCR feitas. Cómpre, en calquera caso, interpretar este dato con cautela porque, en ausencia de datos abertos e dunha serie pública completa do Sergas, non é posible afirmar que todos os casos novos e todas as probas PCR se correspondan co mesmo día.

Algo máis dun milleiro destas probas PCR do día correspóndense cunha das áreas sanitarias máis afectadas pola pandemia nas últimas semanas, a da Coruña, con 1.315, segundo informa a área sanitaria. Na de Pontevedra, cun relevante crecemento nos últimos días -pero tamén con menos poboación-, na última xornada foron 430, segundo fontes sanitarias citadas por Pontevedra Viva.

Primeira diminución de hospitalización nunha semana

O número de persoas hospitalizadas pasa de 250 a 240, 29 delas na UCI

Ao contrario do que viña acontecendo de xeito sostido durante a última semana, os datos deste 16 de setembro traen consigo unha lixeira redución da carga hospitalaria a causa da COVID-19. O número de persoas ingresadas con test positivo pasan de 250 a 240 e as que precisaban asistencia na UCI, de 30 a 29. A hospitalización continúa, en calquera caso, en niveis máximos desta segunda vaga da epidemia, pero lonxe das cifras acadadas nas semanas de marzo e abril nas que o número de novos casos era semellante ao actual. 

Isto non quere dicir, en calquera caso, que non se rexistrasen novas hospitalizacións necesariamente na última xornada. Só que, de habelas, foron menos que a suma de altas hospitalarias e falecementos de persoas ingresadas -estes últimos foron os devanditos dous-. A Xunta non informa nos seus comunicados sobre o número de novas hospitalizacións.

As restantes 4.082 persoas consideradas "positivos activos" son pacientes en illamento domiciliario -33 máis-. Nesta suma inclúense as persoas que viven en centros de maiores e dependentes que están infectadas pero non ingresadas nos hospitais. En total, segundo a Xunta, este 16 de setembro hai 254 residentes nestes centros con test positivo -un menos- e 105 membros do seu cadro de persoal -un máis- afectados pola doenza. O centro con máis casos entre os seus residentes segue sendo o de DomusVi en Outeiro, con 137.

A peor evolución, en Pontevedra-O Salnés

Son os principais datos dunha xornada na que, por áreas sanitarias -nivel territorial máis concreto sobre o que ofrece datos a Xunta, que continúa sen informar por concellos ou comarcas-, a peor evolución en termos de "positivos activos" volve ser a da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que con 577 casos xa supera o que fora o seu máximo da primeira vaga (576). Son vinte e cinco "activos" máis, con 29 casos novos na última xornada nesta contorna. [Autos xudiciais revelan datos do coronavirus por concellos que a Xunta se nega a publicar]

Os datos tamén indican un incremento de 14 casos na área sanitaria de Vigo mentres nas dúas áreas con máis casos en termos absolutos, A Coruña e Lugo, séguese percibindo o efecto combinado da diminución de casos novos e da suma de altas de persoas contaxiadas durante pasadas semanas. Así, a área da Coruña diminúe en 9 casos e a de Lugo -que segue tendo a maior cifra de activos por cada 100.000 habitantes, 245-, aumenta en nove. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.