69 euros unha consulta en Primaria, 256 no PAC: o Sergas xa informa do custo de cada doente

Aplicación É-Saúde do Sergas con información sobre o custo de consultas e tratamentos CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A aplicación e a web do Sergas detallan a data e o custo de cada consulta ou tratamento, e antes de fin de ano ofrecerá tamén información das estancias hospitalarias e operacións

Anunciouno o presidente Rueda o luns e este xoves xa está activo. O Sergas xa informa na súa aplicación móbil e na web, a través do sistema É-Saúde, do custo que ten cada consulta ou tratamento de cada doente. Uns datos que se irán ampliando antes de fin de ano con información sobre o gasto en estancias hospitalarias, intervencións durante eses ingresos ou mobilizacións de ambulancias. 

Información sobre o custo de consultas e tratamentos na web e na aplicación móbil do Sergas CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A información sobre o custo dos servizos sanitarios pode atoparse na aplicación Sergas Móbil no apartado É-Saúde, ao que se accede con seguridade reforzada. Alí, dentro da primeira sección O Meu Espazo, o que aparece por defecto en primeiro lugar, na parte baixa da páxina está o apartado Información económica da miña atención sanitaria. O sistema permite filtrar os datos desde o 1 de xaneiro de 2025 e ofrece información sobre Atención Primaria, Dispensacións en farmacia, Urxencias e PAC ou Actividade Ambulatoria e de Atención Hospitalaria. 

A propia web informa que as cifras que se ofrecen son "estimacións xerais baseadas no concepto e cantidade correspondentes" a partir do decreto de 2014 que fixa as tarifas dos servizos sanitarios no Sergas. Son as tarifas que se cobran a terceiros e que non teñen que pagar as persoas cubertas pola Seguridade Socias, agás as correspondentes aos medicamentos, onde se informa, como xa se viña facendo ata agora, da parte que asume a administración e o copagamento que asume cada persoa en función das súas circunstancias persoais. 

Aplicación Sergas Móbil, co apartado É-Saúde, no que se inclúe o custo das consultas CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Rueda presentou a medida como un exemplo da "transparencia" que a Xunta quere ter cos gastos da sanidade pública galega

O sistema informa así de que unha consulta de Primaria custa 69,24 euros, no PAC 256,87 euros, ou diversos tipos de consultas en especializada ou enfermaría 107 ou 27,25 euros. 

Segundo salientou Rueda o luns, a información incide na "transparencia" que o Goberno galego quere ter cos gastos da sanidade pública galega. O presidente salientou que estes datos son ofrecidos na aplicación e na web para cada doente "de xeito voluntario e individualizado" e garantindo a "confidencialidade". Xa durante o goberno de Manuel Fraga o Sergas informaba aos doentes por carta do custo dalgunhas atencións médicas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.