Tras suspender en 2022 novos permisos, a Confederación Miño-Sil presenta un plan para ordenar a navegación polos encoros que contempla retirar embarcadoiros sen permiso e fixa criterios para novos usos sostibles dos ríos
Ao tempo que a Xunta e as deputacións alentan a chegada de máis turismo á Ribeira Sacra, hai anos que diversos departamentos de varias administracións veñen advertindo do impacto que pode supoñer nunha contorna que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade. Neste contexto a finais de 2022 a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil decretou unha suspensión cautelar para a construción de novos embarcadoiros na zona e comezou a elaboración dun plan para ordenar a navegación nos seus principais encoros. Un documento que agora vén de presentar e que, tras analizar a situación actual, formula diversas medidas para lograr un uso sostible dos ríos Miño e Sil na súa confluencia.
O Plan para a Ordenación da Navegación e Atraque na Ribeira Sacra (PONARS) céntrase nos encoros de Os Peares no río Miño e San Pedro e San Estevo no río Sil, que suman unha extensión dunhas 1.200 hectáreas e preto de 80 quilómetros de lonxitude. Segundo o plan, no encoro dos Peares hai 11 embarcadoiros (pantaláns) autorizados e "9 sen autorización que han de ser retirados". Ademais, "hai 9 solicitudes de autorización de novos pantaláns con tramitación suspendida" desde 2022. No encoro de Santo Estevo hai 7 embarcadoiros autorizados e unha solicitude suspendida, mentres que no de San Pedro non hai nin instalacións nin solicitudes.
Os embarcadoiros privados deberán facilitar o atraque momentáneo e "o tránsito polo predio privado ata o camiño ou vía pública
Ante esta situación, o documento identifica zonas adecuadas para embarcadoiros e fixa unha serie de criterios para autorizalos, como que estea xustificada a existencia de accesos, que non se instala un novo se existe outro con capacidade a menos de 4 quilómetros por estrada ou que os embarcadoiros privados faciliten o atraque momentáneo de calquera embarcación e "o tránsito polo predio privado desde o pantalán ata o camiño ou vía pública".
O plan tamén fixa normas para a navegación polos encoros da Ribeira Sacra partindo da consideración de que "o número de embarcacións que dispoñen actualmente de autorización para navegar nos encoros do ámbito [do plan] non se considera excesivo". Pero engade que se nalgún momento aumentasen "ata límites que poidan comprometer a seguridade" a Confederación Hidrográfica "poderá limitar o número de embarcacións ás que se lles conceda permiso".
O documento tamén fai referencia a unha figura inexistente na actualidade pero que non se descarta recuperar. "Está documentada a existencia no seu momento dos chamados 'pasos de barca', embarcacións de pago que se utilizaban para atravesar transversalmente o río, desaparecendo o último a mediados do século XX", di o plan, que engade que "se algún promotor pretendera recuperar algún deles, deberá presentar o oportuno proxecto aos efectos de que poida ser informado pola Confederación Hidrográfica quen autorizará a construción dos puntos de embarques/desembarques necesarios e a navegación da barca con arranxo á normativa vixente".
O plan remata establecendo un prazo de cinco anos para a revisión do propio documento ante a "situación cambiante" e que "nos próximos anos avecíñanse acontecementos importantes en relación coa Ribeira Sacra que poden modificar substancialmente a situación actual".