Da discoteca co "láser máis potente de Galicia" á agardada residencia de maiores en Vilalba

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, flanqueada polo edil de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, e o director de Relacións Institucionais de Rosalba, Luis Romero, ante o edificio do antigo Hotel Villamartín © Concello de Vilalba

A antiga Troco, referente de lecer nocturno nos 90, esvaece de vez coa transformación do noutrora emblemático hotel Villamartín nun centro residencial e de día para a terceira idade promovido pola empresa Rosalba Gestión

Houbo un tempo no que as noites de xolda en Galicia tiñan moitas capitais alén das cidades. As "salas de festas" e discotecas que foron agromando dende finais dos 70 viraron moitas vilas en capitais do lecer nocturno nos 80, nos 90 e nos primeiros dous mil. Música de moda, artistas locais e internacionais, sorteos de fantasía e moitos decibeis neses centros de peregrinaxe que competían por atraer o público dende a publicidade nas radiofórmulas ou a cartelaría nunhas estradas salferidas tamén demasiadas veces pola combinación de coche e alcol.

Os hábitos de lecer foron mudando nunha mocidade que tamén é menos abondosa na Galicia destes anos 20. Tamén as normas de tráfico. Un cóctel con moitos máis compoñentes entre os que tamén destacou a gran recesión de principios de século e que acabou por virar en pezas de museo a maioría destas discotecas -con algunha excepción como a Hermo de Muimenta (Cospeito), que vive unha segunda mocidade-. Unha desas grandes discotecas era a Troco de Vilalba, cuxas ruinosas instalacións se dispoñen a vivir unha mudanza tamén elocuente para esvaecer de vez pola apertura dun negocio ben distinto no edificio: unha residencia de maiores.

Espectáculo de luces nunha noite de festa na discoteca Troco co noutrora promocionado como "láser máis potente de Galicia" © Discoteca Troco

A Troco -nunha época, Nova Troco-, presentaba entre os seus atractivos dispoñer dunha piscina ou gabarse da pista de baile "máis ampla" do país. Tamén eran célebres os seus xogos de luces, que promocionaba coma "o láser máis potente de Galicia". Era parte do recinto do Hotel Villamartín, empresa hostaleira aberta a mediados dos 80 que adquiriu sona moi alén da capital da Terra Chá. 

O Villamartín adquiriu notoriedade moi alén da capital da Terra Chá por acoller moitas celebracións privadas como vodas, pero tamén por ser escenario das concentracións do Súper Dépor ou parada obrigatoria dos mitins do PP de Fraga

O Villamartín era lugar habitual de moitas celebracións privadas como vodas de familias de moitos lugares de Galicia. Pero a súa notoriedade tamén se debía a ser o hotel de concentración d as pretempadas do Súper Dépor ou parada obrigada dos mitins do PP de Fraga. A crise económica e o pasamento do seu fundador aceleraron as súas dificultades ata que pechou e, hai unha década, acabou sendo propiedade do Banco Sabadell.

As operacións culminaron coa adquisición en 2022 do pechado complexo por Siana Invest, empresa con sede en Guntín dedicada ao sector inmobiliario pero tamén ligada ao sector das xeriatría. Vén de encomendar a Rosalba Gestión, grupo dedicado ao negocio da terceira idade con sede en Madrid, transformar o Villamartín nunha residencia e mais nun centro de día mentres a vella discoteca queda acantoada de vez: non é parte estrita da reforma pero, por razóns obvias, fica confirmado que nunca vai reabrir. 

Recreación da reforma do edificio do Hotel Villamartín para acoller unha residencia de maiores, divulgada pola empresa promotora © Rosalba Gestión

A empresa confirmou o proxecto esta semana canda a alcaldesa vilalbesa, a socialista Marta Rouco. Rosalba prevé ofrecer un total de 161 prazas nun proxecto que a rexedora considera "estratéxico" por "dar resposta a unha demanda real da veciñanza" e que, cre, "permitirá que moitas persoas maiores poidan ser atendidas preto das súas familias". 

O Concello vilalbés liga o apoio municipal ao proxecto á "falta de implicación da Xunta" para abrir no municipio unha residencia pública e insta o Goberno galego a ofrecer prazas concertadas na privada que abrirá no antigo hotel

No apoio municipal ao proxecto, salienta, influíu tamén a "falta de implicación da Xunta, que ten a competencia exclusiva en materia de residencias públicas" malia que "este Concello leva anos solicitando unha infraestrutura destas características sen obter resposta". Neste sentido, avanza, o Concello vai reclamar á Xunta que "habilite prazas concertadas na nova residencia e no centro de día" e así "garantir o acceso a estes servizos ao conxunto da cidadanía"

Esa necesidade de prazas para maiores, argumenta, unida á aposta por recuperar "un espazo que foi clave para a actividade económica de Vilalba", levou o goberno local a colaborar co promotor en aspectos como a adaptación urbanística do proxecto. Luis Romero, director de relacións institucionais de Rosalba Gestión, agarda poder abrir contra finais de 2027 unha residencia que o Concello agarda que xere "arredor de 150 postos de traballo, entre directos e indirectos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.