A carreira contra a COVID non para: 229 novos casos fronte a 26.000 persoas máis con polo menos unha dose da vacina

Ringleira de persoas no punto de vacinación da Cidade da Cultura e evolución das doses administradas CC-BY-SA Praza Pública

1,3 millóns de persoas, case a metade da poboación galega, xa ten a pauta completa de vacinación

Malia ao aumento de novos casos de COVID-19 rexistrados na última semana, as cifras oficiais da evolución da pandemia divulgadas este domingo polo Sergas amosan un día máis a disparidade de rangos en que se move a carreira contra a enfermidade. Aínda que lonxe do récord de 53.000 doses administradas nun único día, rexistrado o pasado 13 de maio, na última xornada o Sergas comunica que puxo algo máis de 27.000 doses, que supuxeron que haxa unhas 26.000 persoas máis con cando menos unha dose, cifra fronte á que se sitúan os 229 novos casos sumados tamén na última xornada.

En Galicia xa contan coa pauta completa de vacinación preto de 1,3 millóns de persoas, case a metade da poboación total duns 2,7 millóns de habitantes, e preto de 1,7 millóns teñen cando menos unha dose, o que fai que só quede un millón de persoas por recibir esa primeira dose. Hai que ter en conta, ademais, que aínda non hai unha decisión sobre a vacinación a menores de 16 anos. 

Nesta situación, esta semana comeza un novo sistema de autocita para persoas que non estean no que o Sergas denomina campaña de vacinación activa, por grupos de idade, con condicións que irán variando nas próximas semanas. Porén, a ese sistema de autocita o Sergas só destinará o 5% das vacinas que reciba para primeiras doses e seguirán priorizando a vacinación por grupos de idade.

Os novos casos da última xornada fan que xa desen positivo en Galicia por COVID-19 desde o comezo da pandemia máis de 130.000 persoas

Canto aos novos casos positivos, os 229 sumados na última xornada á serie histórica supoñen unha cifra similar aos 230 do día previo e algo menos que nos dous días anteriores. Con estes novos casos, son xa algo máis de 130.000 as persoas que en Galicia deron positivo ata agora, das que 2.437 faleceron e 2.285 seguen co virus activo.

Nos hospitais a situación é similar ás dos días previos e nas cidades Pontevedra segue a ser a que presenta unha maior incidencia, e en aumento

Nos hospitais, a situación é tamén similar ás dos días previos, con arredor de medio cento de persoas ingresadas. Na última xornada hai unha persoa menos en UCI (10 casos) e outra menos en hospitalización convencional (41 casos). E mirando á situación nas cidades, Pontevedra segue a ser a que presenta unha maior incidencia, e en aumento, con 166 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.