A 'cidade dos 15 minutos', unha utopía para o rural galego

Dispoñibilidade de determinados servizos a menos de 15 minutos segundo o tipo de concello © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Concello de Santiago

Os datos do IGE amosan que a maior parte da poboación galega dispón dos servizos básicos sobre os que preguntaba a menos de 15 minutos a pé, coa única excepción das estacións de tren

A Cidade dos 15 minutos é un concepto urbanístico creado polo urbanista francocolombiano Carlos Moreno e popularizado inicialmente pola aplicacións dos seus principios en cidades como París e posteriormente en moitas outras, dende Barcelona ou Bogotá a Portland ou Melbourne. Consiste nun obxectivo tan básico como que a cidadanía poida ter a maior parte dos seus servizos esenciais: atención sanitaria, centros de ensino, espazos comerciais, de ocio, zonas verdes e o propio posto de traballo a unha distancia de menos de 15 minutos a pé ou en bicicleta do seu fogar.

Búscase así incrementar o benestar da poboación, garantir o seu acceso aos servizos públicos, reducir a necesidade de facer a diario desprazamentos longos -especialmente en coche- e consecuentemente a contaminación urbana. En definitiva un retorno a un modo de vida local, con cidades policéntricas e barrios con mellor calidade de vida, potenciando o comercio de proximidade fronte aos macrocentros comerciais do extrarradio.

Máis do 80% da poboación ten unha parada de autobús a menos de 15 minutos da súa casa, un 79% ten un bar a esa distancia, un 73% unha farmacia, un 67% unha escola primaria, un 63% un centro de saúde, un 72% unha tenda de comestibles, un 66% unha entidade bancaria e un 58% unha biblioteca ou unha oficina de Correos

Na última entrega da Enquisa estrutural a fogares, o Instituto Galego de Estatística incluíu preguntas sobre "a accesibilidade a determinados servizos nunha distancia de aproximadamente 15 minutos" a pé ou nalgún tipo de transporte, público ou privado. Os datos do IGE amosan que a maior parte da poboación galega dispón dos servizos básicos sobre os que preguntaba a menos de 15 minutos a pé, coa única excepción das estacións de tren.

Así, máis do 80% da poboación ten unha parada de autobús a menos de 15 minutos da súa casa, un 79% ten un bar a esa distancia, un 73% unha farmacia, un 68% unha escola infantil, un 67% unha escola primaria, un 62% un instituto de secundaria, un 63% un centro de saúde, un 72% unha tenda de comestibles, un 66% unha entidade bancaria e un 58% unha biblioteca ou unha oficina de Correos. Tan só as estacións de tren fican fóra desta dinámica, pois apenas o 27% da poboación vive a menos de 15 minutos a pé dunha destas instalacións.

Tan só as estacións de tren fican fóra desta dinámica, pois apenas o 27% da poboación vive a menos de 15 minutos a pé dunha destas instalacións

O IGE pregunta ademais canta xente ten estes servizos a menos de 15 minutos de traxecto en transporte público ou en transporte privado, o que eleva aínda máis as porcentaxes, mesmo a da poboación que ten preto unha estación de tren. Pero aínda así máis do 38% dos galegos e galegas viven a máis de 15 minutos en coche ou autobús dunha estación ferroviaria.

Os datos, que se poden compararar cos de anos anteriores, apenas cambian ao longo do tempo, mantendo unha grande estabilidade nas porcentaxes.

A porcentaxe de poboación que ten un servizo a menos de 15 minutos a pé descende bruscamente nos concellos de menos de 10.000 habitantes. Nestas localidades tan só o 40% ten un centro de saúde a menos dun cuarto de hora a pé, fronte a un 81% nas cidades e un 63% de media no conxunto do país

Porén, a realidade é moi distinta en función de onde viva a persoa á que se lle pregunte, é dicir, de se reside nunha cidade, nunha vila ou nun concello de menos de 10.000 habitantes. Así, en todos os indicadores a porcentaxe de poboación que ten un servizo a menos de 15 minutos a pé descende abruptamente nos concellos pequenos. 

Por exemplo, nestas localidades tan só o 40% ten un centro de saúde a menos dun cuarto de hora a pé, fronte a un 81% nas cidades e un 63% de media no conxunto do país. Neste caso, o transporte público engade só unha pequena mellora e o 39% depende do coche privado para achegarse a un centro sanitario.

Nalgúns casos, nin sequera o transporte privado é quen de achegar á poboación dos concellos pequenos aos servizos. O 14% da poboación destes concellos non ten un centro de ESO a menos dun cuarto de hora en coche e o 22% non ten un centro de bacharelato a esa distancia

Con pequenos cambios nas porcentaxes, este esquema repítese en todos os servizos sobre os que se pregunta. Nalgúns casos, nin sequera o transporte privado é quen de achegar á poboación dos concellos pequenos aos servizos. Así, o 14% da poboación destes concellos non ten un centro de ESO a menos dun cuarto de hora en coche e o 22% non ten un centro de bacharelato a esa distancia. 

Os bares son un dos servizos que máis xente ten a menos de 15 minutos a pé, mesmo nos concellos de menos de 10.000 habitantes (56%).

En cambio, as estacións de tren están lonxe da maior parte da poboación, agás nas cidades. Nos concellos de menos de 10.000 habitantes o 58% dos seus habitantes non ten tren a menos de 15 minutos en coche. Esta porcentaxe, aínda que inferior, segue a ser moi elevada nas vilas pequenas (50%) e grandes (48%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.