A comida do Hospital Álvaro Cunqueiro viaxará desde Zaragoza mentres pecha a cociña por obras

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

A cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro permanecerá pechada "polo menos dous meses" por obras e a subcontrata da concesionaria do complexo traerá a comida desde Zaragoza. Así o denuncia CIG-Saúde, que asegura que a noticia, que foi coñecida polos traballadores o pasado venre, "vén confirmar as denuncias feitas especto dos recortes na calidade da construción do centro". 

CIG atribúe as obras á "perda de calidade da construción do hospital para facilitar os beneficios dos accionistas da empresa concesionaria".

"O chan da cociña precisa dunha reparación importante tras só cinco anos de funcionamento", explica o sindicato. O secretario comarcal de CIG-Saúde en Vigo, Manuel Moreira, considera que "non é normal" que o espazo requira de importantes obras tan pouco despois da súa inauguración, algo que atribúe a outra "consecuencia" da aplicación de colaboración público-privada no hospital vigués e "a perda de calidade da construción para facilitar os beneficios dos accionistas da empresa concesionaria". 

Feijóo e o xa ex-conselleiro Almuíña, durante unha visita ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo o 6 de febreiro de 2020 CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Segundo explica Moreira, o peche durante varios meses da cociña provocará que a comida para o Álvaro Cunqueiro se traslade desde Zaragoza en camión, máis de 800 quilómetros e máis de nove horas de camiño. A concesionaria implantou o modelo de liña fría na cociña do hospital, consistente en cociñar a comida, o que permite almacenala entre 3 e 4 graos varios días para servila logo de quentala. Os menús serán trasladados agora esde unha planta central da subcontrata Arcasa en Aragón. 

A sociedade concesionaria do hospital decidiu pechar a cociña e trasladar a comida en camións desde a planta que a subcontrata Arcasa ten en Aragón

"A comida que se serve e as dietas son parte do tratamento para moitos doentes; o Sergas debería preocuparse por se cumpre con todas as condicións", engade Moreira. "É a sociedade concesionaria a que toma a decisión de pechar a cociña mentres o Sergas cala e non asume a súa responsabilidade sobre o que esta medida pode ocasionar na calidade do servizo que se protesta ás persoas hospitalizadas", di CIG-Saúde, que lembra que o Álvaro Cunqueiro é propiedade dunha sociedade que, ademais de construír o complexo, xestiona os servizos chamados non sanitarios durante, cando menos, 25 anos.

Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, S.A. é unha empresa constituída polo fono de investimentos Meridiam, co 43% das accións, Puentes y Calzadas -23%- e Veolia -16%-, ademais dun cuarto socio, outro fondo de investimento internacional con base en Luxemburgo, co 16,67%, un paquete que hai dous anos lle vendeu Concessia, controlada maioritariamente por seis bancos: Bankia, BBVA, Sabadell, CaixaBank, KutxaBank e Ibercaja Banco. 

A CIG denuncia a “irresponsabilidade” da Xunta por "deixar en mans de fondos de investimento voitre o coidado da saúde da poboación galega"

Desde a CIG denuncian a “irresponsabilidade” da Xunta por "deixar en mans de fondos de investimento voitre o coidado da saúde da poboación galega". Ademais, o sindicato censura que se  pague de forma directa 73,4 millóns de euros dos fondos públicos "por un hospital que se deteriora en cinco anos". 

Destes cartos, lembra, un total de 42,5 millóns son para devolver o custo da construción e 30,9 millóns pola xestión de servizos como a limpeza, o mantemento ou a lavandería, entre outros, segundo o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2021. “A esta cantidade hai que sumarlle os beneficios por explotacións comerciais como o aparcadoiro, a cafetería, as televisións das habitacións ou as máquinas de vending”, rematan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.