A conselleira de Política Social "comproba" en campaña a reapertura dos centros de día prevista para despois das eleccións

A conselleira de Política Social, Fabiola García, durante a visita a centro de día de Rois CC-BY-SA Xunta

Unha semana despois de que Feijóo advertise aínda, no debate electoral da CRTVG, da conveniencia de manter pechados os centros de día, e menos dunha semana despois de que a Xunta decidise permitir reabrilos o 15 de xullo, tres días despois das eleccións, a conselleira de Política Social, Fabiola García, realizou este martes unha visita institucional a un destes espazos municipais en Rois para "comprobar os traballos" nestas instalacións "para a súa adecuación ao protocolo de reapertura elaborado polas autoridades sanitarias".

Fabiola García visitou un centro de día municipal para "comprobar os traballos" destes espazos "para a súa adecuación ao protocolo de reapertura"

Nun acto en plena campaña electoral, e a catro días da xornada de reflexión, Fabiola García, tal e como aclara a nota da Xunta, "felicitou" aos "responsables e traballadores" do centro de día de Rois "pola súa capacidade de adaptación á nova realidade". Fíxoo logo de semanas de queixas e denuncias por parte de profesionais, persoas usuarias e familiares, indignados tras o anuncio inicial do Executivo de manter estes espazos pechados ata setembro e cando todas as comunidades teñen xa abertas as portas destas instalacións, á espera de Galicia, a última en decretar a súa volta á actividade. 

Fabiola García, durante a súa visita ao centro de día municipal de Rois CC-BY-SA Xunta

Así, Fabiola García insistiu na "prudencia" que, segundo di, marcou "todas as decisións tomadas" pola Xunta para "avanzar cara a unha nova normalidade con todas as garantías, especialmente as que afectan ás persoas maiores". Por este motivo, dixo, para a reapertura dos centros de día "é necesario que as instalacións se adaptasen ao protocolo das autoridades sanitarias, os profesionais recibisen a formación necesaria e os centros conten co material de protección". 

A reapertura, que nun inicio será ao 50% da capacidade, está prevista para o 15 de xullo, tres días despois do 12X e logo de que a Xunta puxese setembro como data

A visita chega logo de dous meses de anuncios contraditorios, protocolos desaparecidos e logo recuperados, requisitos renovados e diferenzas entre as consellerías de Sanidade e Política Social. Esta última aclara que a reapertura levarase a cabo con limitacións na capacidade dos centros de día e por fases, con quince días de duración cada unha. Na primeira etapa, poderase cubrir un 50% da capacidade; na segunda, o 75%; e na terceira, do 100%, sempre que se poidan garantir metro e medio de distancia. 

Segundo García, con estas medidas "o Goberno galego axuda os profesionais dos centros de día nesta nova etapa para devolver a actividade con toda a seguridade e confianza". Ademais, aproveitou a visita institucional para adveritr de que as persoas maiores que non acudan ao centro de día poderanse seguir a beneficiarse do Bono Coidado extraordinario, dotado con 500 euros mensuais, para a contratación dun servizo de atención á domicilio ou para compensar a baixada salarial motivada por unha redución de xornada ou unha excedencia por coidados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.