A contratación de seguros de saúde suma xa cinco anos subindo en Galicia, aínda por baixo da media estatal

Habitación dun centro hospitalario CC-BY-SA Martha Dominguez de Gouveia

Máis do 16% da poboación galega ten un seguro de saúde. Cerca de 440.000 persoas teñen contratada unha póliza para o seu acceso á sanidade privada, unha cifra récord no país logo de que 2020 fose o quinto ano consecutivo de incremento no número de asegurados. 

Máis do 16% da poboación galega ten un seguro de saúde privado, perto de 440.000 persoas, 66.000 máis que hai unha década

Son 438.610 persoas con seguro privado de saúde en Galicia a peche do pasado ano, segundo os datos da patronal do sector (Unespa) e Icea (Investigación Cooperativa entre Entidades Aseguradoras e Fondos de Pensións) en referencia ás pólizas de prestación de servizos -sen ter en cota as de subsidio, maioritarias entre os autónomos- que inclúen tamén as das mutualidades asociadas ao persoal funcionario da Administración Xeral do Estado e ás súas familias. 

No conxunto do Estado, o número de persoas con seguro privado de saúde rexistrou o seu maior incremento en 2020: un 4,4% máis ata superar os 11 millóns

As máis de 438.000 persoas con seguro privado en Galicia supoñen case 66.000 máis que hai unha década, en 2011. E un aumento do 17,6%, case dez puntos inferior, no entanto, ao incremento no conxunto do Estado (+26,7%), onde son xa máis de once millóns as persoas que pagan unha asistencia privada, a maior cifra en polo menos dez anos. 

Malia as dificultades -ou quizais tamén por iso- derivadas da COVID, o número de asegurados medrou en España no ano da chegada da pandemia un 4,4%. Foi o maior aumento nunha década, con 470.000 persoas máis, aínda que a suba é constante desde hai tempo e influenciada tamén pola cada vez máis habitual incorporación dos seguros de saúde como retribución complementaria para o seu persoal por parte de moitas empresas.

En Galicia, o incremento foi moito menor, do 1,6% e 6.785 pólizas, aínda que reafirmando unha tendencia á alza pola que suma xa cinco anos consecutivos de crecemento e case 45.000 persoas máis con seguro sanitario con respecto a 2015. Neste último lustro, no entanto, o incremento en Galicia (+11,4%) segue a ser moito menor ao do conxunto do Estado (19,3%) e dos máis baixos entre as comunidades. 

Galicia suma xa cinco anos seguidos de aumento na contratación de seguros de saúde

Con todo, nos últimos anos en Galicia non se chegou aínda á notable suba que se a contratación de seguros deu en 2012, cando máis de 20.000 persoas pasaron a engrosar as estatísticas da sanidade privada, xusto nun dos peores momentos da crise, logo de que en 2010 se iniciase a caída dos orzamentos sanitarios en Galicia e no ano onde chegaron os recortes máis importantes do Goberno central liderado por Mariano Rajoy.

Profesionais e colectivos como a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) advirten desde hai tempo que os problemas na Atención Primaria -con sobrecarga de traballo, falta de persoal e aumento nas listas de espera nuns centros de saúde saturados pola pandemia- "fai que a poboación estea a recorrer ao sector privado, con peores recursos e prezos incompatibles cunha atención de calidade mínima". "A política sanitara de Feijóo segue a desmantelar a Atención Primaria e financiando a privatización", explica. 

Na última gran marcha na defensa da Atención Primaria, a primeira protesta multitudinaria pola sanidade pública desde a chegada do COVID, a lectura final do manifesto insistiu en denunciar que "as barreiras de acceso á Atención Primaria favorecen a privatización, coa fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados e a desprotección das persoas con menos recursos e un aumento da inequidade". 

A visión dista moito da da patronal do sector. "As necesidades de saúde dunha sociedade son moi extensas e os recursos dispoñibles, limitados; a sanidade pública e a privada non son rivais, senón que se complementan", din portavoces oficiais de Unespa, que consideran que o "éxito" dos seguros médicos vén dos seus prezos "competitivos e accesibles" e dunha oferta "ampla e con características diferenciais". 

"Todo isto motiva o crecemento sostido da facturación do seguro de saúde nos últimos quince anos", insisten desde a patronal. Ata setembro, o volume de negocio do sector medrara xa un 5% respecto ao ano anterior e máis dun 10% en relación a 2019. 

Case un cuarto da poboación española conta con seguro privado de saúde

"As atencións que presta a sanidade privada son atencións que aforra o sistema público e alivian a carga de traballo dos centros públicos", argumentan fontes de Unespa, que consideran importante a "contribución" da sanidade privada durante a pandemia. "Facilitou o acceso a atencións a enfermos de coronavirus, sufragou probas diagnósticas de COVID a millóns de persoas e contribuíu á contencion da pandemia", din. 

O caso é que no conxunto de España é xa case un cuarto da poboación (23,4%) o que conta con seguro privado de saúde cando hai cinco anos non chegaba ao 20%, unha porcentaxe sete puntos superior á de Galicia (16,3%), onde aumentou menos de dous puntos no mesmo período. 

A proporción de cidadanía con seguro de asistencia sanitaria en Galicia é maior que en Navarra, Asturias, Cantabria, Castilla-La Mancha, Extremadura e Murcia, mentres comunidades como Madrid -influenciada pola elevada presenza de funcionariado estatal- superan o terzo de poboación con sanidade privada (36,7%), unha cifra non tan lonxe da de Catalunya (31,8%) ou Illes Balears (29,5%). 

En Galicia, as diferenzas entre territorios son evidentes. Mentres na Coruña a porcentaxe de poboación con seguro privado case chega ao 20%, en Lugo e Ourense rolda o 12% fronte ao 15% de Pontevedra. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.