As zonas verdes nas urbes galegas: da escaseza da Coruña á abundancia de Santiago e Pontevedra

Vistas da Coruña desde o monte de San Pedro CC-BY-SA Diego Delso

A escaseza de zonas verdes nas cidades ten importantes e negativas consecuencias para os seus habitantes. Contar con parques ou montes perto da casa mellora a saúde e proporciona maior esperanza de vida ou menor risco de problemas cardiovasculares, psiquiátricos e de mortalidade prematura. Son moitas as investigacións que advirten de todas estas vantaxes, e agora un estudo aclara que a falta de acceso a áreas con vexetación en arredor de 900 cidades europeas analizadas é a causante de case 43.000 mortes ao ano

É a estimación que fai o estudo publicado este venres na revista The Lancet Planetary Health a partir da investigación realizada por científicos do Instituto de Salud Global de Barcelona (ISGlobal), que elaboran tamén un ránking das cidades con maior mortalidade atribuíble á falta de zonas verdes. Na clasificación, A Coruña é unha das urbes que sae peor parada das de 31 países europeos analizadas. 

Sitúase no top ten, no décimo posto, e só é superada non conxunto de España por Xixón (4ª), aínda que o dato non é tan alarmante tendo en conta que o estudo non recolle no cálculo da mortalidade os espazos azuis, ríos, lagos ou praias que rodean ou bañan as urbes. 

Rapazada nun parque da Coruña CC-BY-SA Marea Atlántica

A Coruña é a décima de entre unhas 900 cidades europeas analizadas con maior mortalidade atribuíble á falta de zonas verdes, só superada no Estado por Xixón

Segundo a táboa, A Coruña sería a décima cidade europea con peores datos de mortalidade en relación coa falta de espazos verdes. Tan só superada por Trieste, Turín, Blackpool, Xixón, Bruxelas, Le Havre, Szombathely, Boulogne-sur-Mer e Copenhage. 

Per o estudo tamén destaca que o 66,6% da poboación da cidade vive en zonas con menos zonas verdes da recomendada e, daquela, por baixo do obxectivo de NDVI (Índice de Vexetación de Diferenza Normalizada), que mide como de verde é unha área, que vai do 1 ao -1 e que ten en conta calquera tipo de área verde, desde as árbores dunha rúa ata parques. 

No caso da Coruña, e segundo o ránking, serían 93 as mortes evitables ao ano no caso de que cumprise co recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) sobre espazos verdes, que aconsella ter unha destas zonas con vexetación de polo menos media hectárea a unha distancia de non máis de 300 metros en liña recta desde a casa. 

O 66,6% da poboación da Coruña vive en zonas con menos zonas verdes das recomendadas, fronte ao 28,5% de Pontevedra ou o 25,4% de Santiago

A elevada densidade de poboación da Coruña con máis de 6.500 habitantes por quilómetro cadrado, inflúe nunha escaseza de zonas verde sempre no debate, aínda que aminorada nos últimos anos. 

No ránking, outras cidades de Galicia aparecen tamén entre os primeiros postos en canto aos peores datos de mortalidade relacionados coa escaseza de zonas verdes. Ferrol ocupa o posto 48 (5ª no conxunto do Estado), Vigo o 192 (13ª) e Lugo o 296 (16ª). 

Parque da Alameda, en Santiago de Compostela © Concello de Santiago

Segundo os datops o estudo, o 62% da poboación analizada vive en áreas con menos espazos verdes dos recomendados, o que se asocia con 42.698 mortes evitables de seguir as devanditas recomendacións da OMS. Os investigadores, para chegar ás conclusións, fixeron un cálculo do espazo verde en cada cidade e logo, tendo en conta as taxas de mortalidade, levou a cabo unha análise cuantitiavia do impacto na saúde, estimando o número de mortes que poderian terse evitado seguindo os consellos establecidos. 

Catro cidades galegas (Lugo, Pontevedra, Ferrol e Compostela) lideran o ránking de Estado en canto ao índice NDVI, que mide como de verde é unha urbe

En canto á porcentaxe de poboación que vive en zonas con menos zona verde da recomendada e, daquela, por baixo do obxectivo de NDVI, ademais do 66,6% da Coruña, Vigo sitúase no 53,67%, Ferrol no 43,88%, Ourense no 42,93%, Lugo no 42,64%, Pontevedra no 28,45% e Santiago no 25,36%. No caso destas dúas últimas cidades, os seus datos son dos mellores no conxunto das urbes europeas e sitúanse na cuarta e quinta posición respectivamente no conxunto do Estado. 

Ademais, tendo en conta unicamente o índice NDVI e, polo tanto, como de verde é unha cidade, catro cidades galegas teñen a mellor cifra de toda España: Lugo, co 0,644, Pontevedra (0,637) Ferrol (0,636) e Compostela (0,629).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.