Case cinco anos despois de que a couza da pataca fose detectada en Galicia por primeira vez, a praga semella lonxe de estar controlada. Nalgunhas zonas hai signos de mellora e, por exemplo, a Xunta vén de anunciar a súa intención de solicitar ao Ministerio de Agricultura o levantamento do veto á plantación do tubérculo en nove concellos do norte das provincias de Lugo e A Coruña, despois de dous anos sen rastros da praga. Porén, nas últimas semanas outras novas elevaron a preocupación: a couza foi detectada en dúas parroquias da Laracha e unha de Carballo, afectando por vez primeira na comarca de Bergantiños, unha das zonas de maior produción de Galicia.
A finais do pasado mes de novembro a Xunta detectou patacas afectadas pola couza en almacéns de autoconsumo das parroquias de Lendo e Caión (A Laracha) e de Noicela (Carballo)
A couza da pataca (Tecia solanivora) chegou a Galicia no ano 2015 (nos concellos de Ferrol, Narón e Neda). De Ferrolterra estendeuse un ano despois polo Ortegal e a Mariña lucense e a comezos do ano 2017 afectaba xa a 31 concellos do norte das provincias de Lugo e A Coruña, entre críticas ás administracións pola inacción amosada ata ese momento. En marzo dese ano o Ministerio de Agricultura obrigou a destruír os cultivos nesas zonas afectadas, impoñendo controis no almacenamento e transporte dos produtos para evitar o contaxio a outras comarcas.
En xuño do ano 2017 a Xunta deu por "controlada" a praga na provincia da Coruña, un optimismo que nese momento foi contestado por expertos como o enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez e pola propia Comisión Europea. De feito, en marzo de 2018 coñecíase que a couza superara as medidas de control da Xunta e chegara a Muxía, rexeitando o PP no Parlamento investigar as causas da expansión da praga.
A Xunta proporá ao Ministerio de Agricultura o levantamento do veto á plantación do tubérculo en nove concellos do norte das provincias de Lugo e A Coruña
A finais do pasado mes de novembro a Xunta detectou patacas afectadas pola couza en almacéns de autoconsumo das parroquias de Lendo e Caión (A Laracha) e de Noicela (Carballo). Medio Rural decretou inmediatamente a prohibición de plantar patacas nestas tres parroquias, reforzando os trampeos, prohibindo tamén o seu transporte e, ademais, establecendo zonas tampón nas parroquias limítrofes ás afectadas. Nestas zonas tampón os agricultores deberán comunicar, inmediatamente despois da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca.
Levantamento da prohibición no norte
Este mércores a Xunta anunciou que "proximamente" proporá ao Ministerio de Agricultura o levantamento da prohibición de plantar pataca en nove concellos do norte das provincias da Coruña e Lugo. Trátase de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes, na provincia da Coruña, e Ourol e Abadín, na de Lugo, localidades nas que a plantación do tubérculo foi prohibida a comezos de 2016 e nas que dende hai dous anos xa non se detecta a presenza do insecto. En xaneiro poderían pasar a formar parte das zonas tampón.
Se se confirma o levantamento da prohibición nestas nove localidades, serían 25 os concellos que oficialmente estarían afectados pola couza
A Consellería de Medio Rural constatou "unha evolución moi positiva na redución de capturas en todos os municipios da zona infestada", subliñando que "en nove deles non se rexistrou ningunha nos últimos dous anos, razón que permite levantar as restricións, de forma que os citados concellos pasen de estar en zona infestada á zona tampón".
Se se confirma o levantamento da prohibición nestas nove localidades, serían 25 os concellos que oficialmente estarían afectados pola couza: Cariño, Mañón, Muxía, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño, Valdoviño, Carballo e A Laracha na provincia da Coruña; e Alfoz, A Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove na provincia de Lugo.
A pataca en Bergantiños
Ata agora, a praga afectara ás comarcas de Ferrolterra, Ortegal, A Mariña, Terra Cha e Fisterra, zonas nas que o cultivo da pataca se concentra en pequenos produtores para o autoconsumo, principalmente. Porén, non é o caso da comarca de Bergantiños.
Bergantiños é a segunda comarca galega que máis hectáreas de terreo dedica ao cultivo de tubérculos (maioritariamente pataca), só por detrás da Limia e con datos semellantes a Allariz-Maceda
Bergantiños é a segunda comarca galega que máis hectáreas de terreo dedica ao cultivo de tubérculos (maioritariamente pataca), só por detrás da Limia e con datos semellantes a Allariz-Maceda, con máis de mil hectáreas en ambos casos. Comparadas as restantes zonas ás que ata agora chegara a couza, tan só Terra Chá (922 hectáreas no 2015) tiña unha área de cultivo de pataca importante e neste caso a praga só afectou a Abadín e A Pastoriza, reducindo en tres anos a superficie plantada de 922 a 727 hectáreas.
Ferrol (469 hectáreas), Eume (232), Fisterra (219), A Mariña Central (142), Ortegal (137), A Mariña Oriental (136), e A Mariña Occidental (110) tiñan datos moi inferiores no ano 2015, que no 2018 se reduciron a cero ou a cifras moi baixas, no mellor dos casos.
Nos últimos tres anos as comarcas nas que impuxo a prohibición de plantar e comercializar patacas viron reducidos os efectos da couza. Porén, os controis impostos foron moito menos efectivos á hora de evitar o contaxio a outras zonas, como se viu primeiro en Muxía e agora en Carballo e A Laracha.
A produción galega de pataca leva en constante descenso dende o ano 2009, pasando das 537.084 toneladas recollidas ese ano ás 383.170 do ano 2017
A pasada semana responsables de Medio Rural reuníronse cos alcaldes dos dous novos concellos afectados e, ademais, cos rexedores das localidades limítrofes: Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Cerceda. Dende a Xunta apélase "á compresión dos veciños e dos produtores para evitar que o insecto chegue a outras zonas" e agradece a súa "colaboración á hora de desenvolver as medidas de control e erradicación da couza para procurar a súa contención".
A produción galega de pataca leva en constante descenso dende o ano 2009, pasando das 537.084 toneladas recollidas ese ano ás 383.170 do ano 2017. As cifras están aínda máis lonxe das que se rexistraban a mediados da década dos noventa, con máis dun millón de toneladas producidas. O descenso foi especialmente importante na provincia da Coruña, mentres que os datos de Ourense foron os que mellor resistiron.