A couza da pataca esténdese por Arteixo e a Xunta permite volver plantar noutros nove concellos

A couza da pataca mantén o veto ás plantacións en 18 concellos CC-BY-SA Praza Pública

Dous meses despois de anunciar unha mellora da situación no norte do país, o Goberno galego fai oficiais no DOG as novas restricións, que revelan un empeoramento no concello coruñés

O pasado 19 de novembro a Xunta anunciou a súa decisión de levantar en nove concellos a prohibición de plantar pataca pola praga da couza que a vén afectando desde que se detectou por primeira vez en Galicia en 2015. Fíxoo nunha nota de prensa que nada dicía de que a situación empeorase noutras zonas. Pero aquela decisión non se fixo oficial ata este venres, dous meses despois, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), onde tamén se sinala que a situación empeorou en Arteixo, coa couza xa detectada en parroquias que antes eran só consideradas zona tampón aínda non afectada.

O DOG deste venres, polo tanto, permite plantar patacas con medidas de seguimento por parte da Consellería do Medio Rural en Cariño, Ortigueira, Neda, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Ribadeo e O Valadouro, que deixan de ser consideradas zonas infestadas e pasan a ser zonas tampón.

Pola contra, considérase zona infestada na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de Mañón, Muxía, Narón, San Sadurniño e Valdoviño e das parroquias de Sorrizo e Chamín no concello de Arteixo, de Lendo e Caión, no concello da Laracha, e a parte sur da parroquia de Noicela, no concello de Carballo. Na provincia de Lugo considerase como zona infestada a totalidade da superficie dos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, Trabada, O Vicedo, Viveiro e Xove. 

Como zona tampón considérase na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de Cabanas, Cariño, A Capela, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Moeche, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez e A Somozas, unha franxa de 5 quilómetros limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos concellos de Cee, Camariñas, Dumbría, Fisterra e Vimianzo e, ademais, as parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e a parte norte da parroquia de Noicela no concello de Carballo; e Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha. Na provincia de Lugo a zona tampón supón os concellos de Abadín, Lourenzá, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto e O Valadouro e unha franxa de 5 quilómetros limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas do concello de Muras.

A couza da pataca (Tecia solanivora) chegou a Galicia no ano 2015 (nos concellos de Ferrol, Narón e Neda). De Ferrolterra estendeuse un ano despois polo Ortegal e a Mariña lucense e a comezos do ano 2017 afectaba xa a 31 concellos do norte das provincias de Lugo e A Coruña, entre críticas ás administracións pola inacción amosada ata ese momento. En marzo dese ano o Ministerio de Agricultura obrigou a destruír os cultivos nesas zonas afectadas, impoñendo controis no almacenamento e transporte dos produtos para evitar o contaxio a outras comarcas.

En xuño do ano 2017 a Xunta deu por "controlada" a praga na provincia da Coruña, un optimismo que nese momento foi contestado por expertos como o enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez e pola propia Comisión Europea. De feito, en marzo de 2018 coñecíase que a couza superara as medidas de control da Xunta e chegara a Muxía, rexeitando o PP no Parlamento investigar as causas da expansión da praga.

A produción galega de pataca leva en constante descenso dende o ano 2009, pasando das 537.084 toneladas recollidas ese ano ás 371.983 do ano 2019. Con todo, as cifras do pasado ano (o último con datos oficiais) reflicten o primeiro repunte desde 2014, logo de descensos continuados durante os últimos cinco anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.