A COVID segue en leve descenso no inicio da semana na que Galicia chegará ao 50% da vacinación cunha dose

Indicación para un cribado da COVID en Abegondo © Concello de Abegondo

Que non haxa noticias é unha boa noticia. O vello aforismo do xornalismo anglosaxón ben podería ser aplicado á situación epidemiolóxica galega nas últimas semanas e mesmo dos últimos meses. As principais cifras da COVID-19 seguen indicando estabilidade e mesmo lixeiros descensos que compensan leves ascensos anteriores. E así sucede tamén no inicio da semana na que o país superará o 50% da vacinación da poboación diana con cando menos unha dose.

O Sergas notificou este luns 123 casos novos mentres a incidencia a 14 días segue arredor dos 82 casos novos por cada cen mil habitantes e a sete días, en algo menos da metade

A incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días sitúase, cos datos do último día completo dispoñible (o sábado 22) arredor dos 82 casos novos por cada cen mil habitantes. A sete días, este indicador é un chisco menos da metade (40 casos), o que é sinal desa leve tendencia descendente alén de oscilacións de días concretos.

Estas son as tendencias nunha xornada na que o Sergas notificou 123 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. Dentro deles, 106 son diagnósticos mediante probas PCR, cunha media próxima aos 140 por xornada nos últimos sete días naturais completos.

Como amosa o mapa sobre estas liñas, a incidencia acumulada non é homoxénea sobre o territorio e a maioría dos concellos con valores máis altos sitúanse no eixo atlántico e, máis concretamente, na contorna das Rías Baixas. O empeoramento na comarca do Barbanza (con Ribeira aproximándose aos 200 caso novos por cada cen mil habitantes e A Pobra do Caramiñal superando os 300) ou as incidencias relativamente altas no Morrazo ou na contorna de Vigo destacan nun mapa no que, máis localmente, tamén seguen sendo significativamente altas as incidencias acumuladas en concellos como Lobios, Vilariño de Conso, O Irixo, Viveiro, Ordes ou Trazo.

Na banda contraria sitúanse os 139 concellos sen casos novos rexistrados nos últimos 14 días, unha cifra que se mantén estable dende hai semanas. En ata 179 non houbo ningún caso novo rexistrado nos últimos sete días.

32 hospitalizacións menos que hai unha semana

A lixeira tendencia descendente dos principais indicadores epidemiolóxicos segue reflectíndose, tamén aos poucos, nas cifras de hospitalización. As últimas dispoñibles (do domingo ás seis da tarde) reflicten 144 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos. Son seis máis que un día antes, pero 32 menos que o mesmo día da semana anterior. Esta diminución é unha nota positiva, máis aínda tendo en conta que os domingos adoitan tramitarse menos altas hospitalarias que o resto da semana. Trinta e dous destes pacientes están en coidados intensivos e hai unha semana eran 38.

Cara ao 50% da poboación diana con cando menos unha dose

Mentres a incidencia da COVID-19 segue contida, a campaña de vacinación segue avanzando. Aínda que cun ritmo máis baixo que noutras fins de semana, os datos divulgados este luns polo Ministerio de Sanidade reflicten que do venres ao domingo foron administradas en Galicia case 27.000 doses de vacinas contra a COVID-19. Deste xeito, algo máis do 48% da poboación diana (a maior de 16 anos) recibiu cando menos unha dose de vacina e case o 26%, a pauta completa (dúas doses, agás na vacina de Janssen).

Atendendo a eses mesmos datos, ata o domingo o Sergas levaba administradas o 98,9% das vacinas recibidas (uns tres puntos por riba da media estatal). A cobertura con cando menos unha dose está algo máis de seis puntos por riba da media do Estado polo maior peso en Galicia da poboación de maior idade, mentres que a cobertura con pauta completa supera o dato estatal nuns tres puntos.

Por grupos de idade, nos últimos días avanzaron, sobre todo, as segundas doses entre a poboación de 70 a 79 anos e as primeiras no grupo de 50 a 59 anos. Todo, na semana na que a Xunta prevé comezar a citar a poboación menor de 60 anos que recibiu a primeira dose da vacina de AstraZeneca para completar a súa pauta vacinal con esta mesma vacina ou coa de Pfizer-BioNTech.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.