O 13 de setembro de 1923, hai hoxe cen anos, Miguel Primo de Rivera, capitán xeneral de Cataluña, iniciou unha sublevación militar contra o Goberno, que deu lugar a unha ditadura que durou ata 1930
O 13 de setembro de 1923, hai hoxe cen anos, Miguel Primo de Rivera, capitán xeneral de Cataluña, iniciou unha sublevación militar contra o Goberno. O Golpe de Estado foi incruento e ao día seguinte o rei Alfonso XIII designou a Primo de Ribera como Presidente, ligando deste xeito o seu futuro e o da Monarquía española á Ditadura que viña de comezar, un réxime que durou pouco máis de seis anos e que deu paso, en 1931, á Segunda República.
O Golpe foi consecuencia do crecente malestar existente no Exército pola situación política do país, e da tensión crecente cos sucesivos gobernos, derivada principalmente dos efectos da Guerra de Marrocos e das demandas catalás de autogoberno. O Manifesto de Primo de Rivera comezaba dicindo, deste xeito, que "Ha llegado para nosotros el momento (...) de atender el clamoroso requerimiento de cuantos amando la Patria no ven para ella otra salvación que liberarla de los profesionales de la política".
O Consello da Cultura Galega acolle este xoves e venres o Congreso "Revisitando a Ditadura de Primo de Rivera. O Centenario do Golpe de Estado de 1923"
Entre setembro e 1923 e xaneiro de 1930 Primo de Rivera dirixiu o país -primeiro cun Directorio Militar e despois un Directorio Civil- de forma autoritaria aínda que se exercer a violencia política que posteriormente executou o Franquismo. O réxime, influído polo fascismo italiano de Mussolini que chegara ao poder dous anos antes, apostaba teoricamente por un proxecto modernizador e rexenerador do país, co obxectivo de liberalo do caciquismo propio da Restauración, pero atopou sobre todo nos últimos anos da década unha oposición crecente en moitos sectores.
Os historiadores destacan que se trata dun dos períodos menos estudados do século XX no conxunto do Estado e máis aínda en Galicia. Para paliar en parte esta situación, este xoves e venres o Consello da Cultura Galega acolle o congreso "Revisitando a Ditadura de Primo de Rivera. O Centenario do Golpe de Estado de 1923", promovido polos grupos de investigación HC1 (UVigo), HISPONA (USC) e HISTAGRA (USC). O Congreso está dirixido por Margarita Barral (USC) e Luis Velasco (UVigo) e conta con Alfonso Iglesias Amorín (USC) como secretario, con quen falamos.
En que contexto político chega o Golpe de Estado? Cales son as súas principais causas?
"O Golpe de Estado é algo que se viña cocendo dende tempo atrás por varios sectores militares. Foi Primo de Rivera, pero puido ter sido outro"
O Golpe de Estado é algo que se viña cocendo dende tempo atrás por varios sectores militares. Foi Primo de Rivera, pero puido ter sido outro. Entre os militares había bastante oposición ao sistema político da Restauración, que se consideraba algo caduco. Para este Golpe concreto houbo dúas causas fundamentais: por un lado a Guerra de Marrocos e polo outro a cuestión catalá. O tema de Marrocos supuxo un desgaste moi forte para os gobernos da Restauración e sobre todo o Desastre de Annual en 1921 tivo un impacto social moi superior a calquera outro momento da guerra, que se iniciara en 1909.
"Entre os militares había bastante oposición ao sistema político da Restauración, que se consideraba algo caduco. Para este Golpe concreto houbo dúas causas fundamentais: por un lado a Guerra de Marrocos e polo outro a cuestión catalá"
A consecuencia de Annual publicouse o Expediente Picasso, que revelou todos os problemas de corrupción que había ao redor e, ademais, as fotografías dos mortos foron moi impactantes na opinión pública, porque non era o mesmo que che contasen un desastre que ver as imaxes. Ademais, despois de Annual, quedan uns 500 prisioneiros españois en mans de Abd el-Krim, o que politicamente foi un pesadelo para os Gobernos. En xeral, os militares culpaban os políticos do desastre, pero na investigación posterior responsabilizouse a militares, o que incrementou o malestar no Exército.
O outro tema era o do nacionalismo catalán, un tema que afectaba especialmente a Primo de Rivera, que era Capitán Xeneral de Cataluña. E o Golpe de Estado non casualmente acontece xusto despois da Diada, que nese ano foi especialmente conflitiva. Hai outras cuestións, como o obxectivo de rematar co caciquismo e rexenerar a política, que asumían os militares, un punto que fixo que o Golpe de Estado non fose mal recibido en certos sectores progresistas.
A posterior ditadura franquista foi moito máis dura que a de Primo de Rivera, especialmente en cando á violencia exercida contra os sectores opositores. No caso de Primo de Rivera podemos falar de ditablanda ou empregar algún outro eufemismo?
"O Franquismo fai que en contraposición a de Primo de Rivera semelle unha 'ditadura light', pero é unha Ditadura forte: os militares fanse con todos os aparellos do Estado e contrólanos firmemente"
O termo ditablanda non se emprega para a de Primo de Rivera, senón para a de Berenguer, que é un período moi curto que hai ao seu remate, xusto antes da proclamación da República. Pero, evidentemente, hai moitas diferenzas entre a Ditadura de Primo de Rivera e a de Franco, sobre todo no nivel da violencia exercida polo Estado, non hai un intento de destrución física da oposición. Tamén hai unha gran diferenza pola maneira en que chegan unha e outra, pois o Golpe de Primo de Rivera foi incruento, de xeito semellante aos 'pronunciamentos' militares tan habituais no século XIX, coa diferenza de que neste caso os militares asumiron o poder, mentres que no XIX forzaban un cambio nos políticos gobernantes.
O Franquismo fai que en contraposición a de Primo de Rivera semelle unha 'ditadura light', pero é unha Ditadura forte: os militares fanse con todos os aparellos do Estado e contrólanos firmemente. É tamén claramente unha Ditadura no que atinxe ao nivel de control da opinión pública, cunha censura ríxida.
Primo de Rivera toma como referente o fascismo italiano?
Si, o seu referente máis próximo foi a Italia de Mussolini. Primo de Rivera era un admirador de Mussolini, que chegara ao poder coa Marcha sobre Roma pouco antes, en 1921, e ségueo en varias cousas.
En que medida se liga a ditadura de Primo de Rivera á de Franco, tanto a nivel ideolóxico, dos sectores que as apoian...?
"A Ditadura de Primo de Rivera o que supón e a fin de Alfonso XIII, que liga a súa traxectoria á do ditador ao darlle o seu apoio. No momento en que a Ditadura remata, el queda moi desacreditado, ao ter apoiado unha solución militar. E todo isto facilita o camiño á Segunda República"
Ao final, a maior parte dos sectores ideolóxicos, de tipo conservador, que apoiaban a Ditadura de Primo de Rivera, son os que anos máis tarde van apoiar a Ditadura de Franco. Pero en realidade son dúas ditaduras con pouco pouso ideolóxico, tanto un coma outro son persoas que non tiñan unha ideoloxía moi desenvolvida, máis aló de ter ideas conservadoras moi marcadas polo catolicismo e o tradicionalismo. Pero é moi distinto o caso de Primo de Rivera fillo, que si ten unha ideoloxía fascista moi marcada.
A Ditadura de Primo de Rivera o que supón e a fin de Alfonso XIII, que liga a súa traxectoria e a da Monarquía á do ditador ao darlle o seu apoio. No momento en que a Ditadura remata, el queda moi desacreditado, ao ter apoiado unha solución militar. E todo isto facilita o camiño á Segunda República, que se erixe en alternativa ao autoritarismo e ao antiparlamentarismo, levando á vitoria republicana nas zonas urbanas nas eleccións de 1931.
Como se vive a ditadura de Primo de Rivera en Galicia? Que efectos concretos ten no noso país, tanto a nivel político como social? Que impacto concreto ten na redención dos foros?
"A ditadura chega xusto nun momento que estaba sendo moi bo para a creación de entidades políticas e culturais vencelladas ao galeguismo"
En Galicia unha parte importante dos estudos sobre este período céntranse no xurdir do nacionalismo galego, que é un tema que nos interesa moito dende a actualidade. Pero hai que ter en conta que nese momento era moi minoritario a nivel social, aínda que tivese moita importancia a nivel cultural e intelectual. Son os anos de creación das Irmandades de Fala, os anos nos que se está pasando dese rexionalismo anterior a un verdadeiro nacionalismo. E a ditadura chega xusto nun momento que estaba sendo moi bo para a creación de entidades políticas e culturais vencelladas ao galeguismo. Non é que a Ditadura persiga politicamente a estas entidades, pero si se produce un certo parón, cunha maior imposición do castelán, e un ataque contra o galeguismo político, non tanto contra o cultural.
Na Galicia dese tempo ten moita forza o caciquismo, e aínda que a Ditadura loita contra o caciquismo, moitos destes caciques continúan a ter moito poder. Neses anos redúcese o tamaño dos concellos, porque se pensaba que os concellos de gran tamaño favorecían o poder dos caciques.
"Foi a Ditadura de Primo de Rivera a que publicou a redención dos foros, en 1926, algo que se viña pedindo dende moi atrás. E o réxime facilita moito este proceso, por exemplo coa creación das caixas provinciais de crédito rural, que facilitan o pagamento da redención dos foros"
No campo, ademais, hai unha certa tensión ao redor dos foros e ao final foi a propia Ditadura de Primo de Rivera a que publicou a redención dos foros, en 1926, algo que se viña pedindo dende moi atrás. E o réxime facilita moito este proceso, por exemplo coa creación das caixas provinciais de crédito rural, que facilitan o pagamento da redención dos foros. A etapa de Primo é moi boa para os sindicatos católicos agrarios, que son os máis favorecidos pola ideoloxía do réxime. Houbo proxectos modernizadores, por exemplo no ferrocarril, aínda que o avance práctico non foi moi grande. E houbo, ademais, unha repoboación forestal sen precedentes.
Está este período suficientemente estudado en Galicia? Dá a impresión de haber poucas investigacións e publicacións sobre esta etapa...
Si, pero non só en Galicia. A nivel do conxunto do Estado, aínda que nos últimos anos se reforzaron bastante os estudos, porque os centenarios sempre impulsan estes procesos, é un período moito menos traballado que a Segunda República, o Franquismo e a Restauración. E en Galicia, as carencias son moito maiores, porque aínda que houbo autores que traballaron ben este período, como Villares, faltan estudos específicos sobre a Ditadura de Primo de Rivera. Claramente é a etapa do século XX menos traballada.