A empresa do comedor das escolas infantís di que retirou os alimentos sospeitosos aos 25 minutos da alerta

Comedor infantil nun centro escolar galego © Xunta

Freire Chico, empresa de cátering que serviu a comida que tería provocado reaccións alérxicas o pasado mes de outubro e este martes 5 de novembro nalgún alumnado de varias escolas infantís da rede Galiña Azul, asegura que retirou “en menos de 25 minutos” os alimentos sospeitosos, que foron “substituídos por un menú de emerxencia, o que evitou unha maior propagación” do problema

Freire Chico aclara que retirou “en menos de 25 minutos” os alimentos sospeitosos, que foron “substituídos por un menú de emerxencia"

Así o aclara a empresa nun comunicado no que “lamenta profundamente” o ocorrido en entre 15 e 20 escolas infantís das 99 ás que serve comida diariamente. A compañía asegura tamén que “ten adoptado, de forma inmediata, todas e cada unha das indicacións que lle foron requiridas tanto polas autoridades sanitarias como polo órgano de contratación do servizo”. Ademais, di que xa emprendeu “liñas de investigación propias tendentes a aportar luz sobre as causas que provocaron os feitos”, tanto nesta semana como no episodio de hai varias semanas. 

Un pequeno nunha escola da rede Galiña Azul © Xunta

O pasado martes, alumnado de entre 15 e 20 escolas infantís da rede pública da Xunta volveu padecer reaccións alérxicas. Pequenos e pequenas sufriron ronchas na cara e arredor da boca despois de consumir crema de cabaza e brócoli e polo con macarróns en centros da Galiña Azul de Cangas, Betanzos, Oza-Cesuras, Carral, Cambre, Fene, Ares, Oleiros (en dúas instalacións) ou Culleredo, entre outros. Foi o segundo episodio en poucos días nesta rede escolar tras o ocorrido en varios centros con outra reacción alérxica sufrida por varios cativos ao consumir palometa entre o 18 e o 21 de outubro. 

Alumnado dunhas 15 escolas infantís sufriu reaccións alérxicas tras consumir un dos menús da empresa, tal e como acontecera o pasado mes de outubro

A Xunta aclarou axiña que eran casos “illados e leves” aínda que “intolerables” e abriu unha investigación, tamén na empresa responsable. Ademais, esixiu alimentos de proximidade nas escolas infantís, polo menos ata que se aclarase o ocorrido, un aspecto que non foi valorado para adxudicar os comedores no prego de condicións administrativas do contrato dos provedores do servizo. Tampouco no apartado das condicións técnicas do contrato referido á "calidade dos produtos". 

Agora, Freire Chico explica no comunicado que xa contratou “gabinetes especializados nos ámbitos da seguridade alimentaria (laboratorio, consultas epidemiolóxicas e dermatolóxicas), e investigacións internas a través do departamento de calidade, que seguen o seu curso”. Ademais, está a tomar medidas “a diario” entre as que se inclúen “a confección de menús restritivos xornada a xornada, consecuencia deste proceso de investigación interna”.

A compañía aclara que serve unha media diaria de 8.000 menús en centros de traballo, comedores escolares, residencias ou eventos, entre estes 3.800 destinados a pequenos e pequenas das escolas infantís.“Desde o comezo da nosa actividade nestas escolas, a materia prima foi sempre fresca, produto fresco,medida que a nosa empresa adoptou consciente da importancia determinante que esta elección tiña para un colectivo tan sensible”, aclara. 

Freire Chico contratou “gabinetes especializados nos ámbitos da seguridade alimentaria" e leva a cabo investigacións internas

Freire Chico agarda que “á maior brevidade posible se teñan atopado e dado a coñecer as causas efectivas que teñen provocado estes inaceptábeis episodios” e se poida “poñer fin de forma concluínte a esta alteración da normalidade que viña presidindo a nosa actividade”. Ademais, amosa a súa “máxima preocupación polas crianzas e familias afectadas” e insiste en presentar ante elas as súas “máis sinceras desculpas polos prexuízos” que a súa actividade lles puidese ter ocasionado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.