Case ano e medio despois da chegada da pandemia da COVID a Galicia, a Xunta adxudicou o seu primeiro concurso público para un sistema estable de rastrexo de casos positivos e contactos. Tras meses contratando ese servizo por vía de emerxencia coa empresa Universal Support, que tamén se presentou ao concurso, Sanidade resolveu o proceso adxudicando o contrato a Extel Contact Center porque a súa mellor oferta económica permitiulle superar a mellor puntuación técnica que obtivo a competidora que viña prestando o servizo.
Á espera de que se resolva a súa impugnación e o rastrexo da COVID mude de mans, Universal Support sofre paros e protestas de persoal doutras campañas
A falta de que se detalle a información sobre a data e condicións do traspaso do servizo, Universal Support segue a prestar o servizo de rastrexo da COVID en Galicia, agardando tamén que se resolva a súa impugnación á adxudicación deste novo sistema estable a Extel. E faino con paros, protestas e mobilizacións do persoal que realiza outra das campañas da empresa.
O persoal da compañía, do grupo Konecta, que atende a campaña de Pull&Bear secundou dous días de folga parcial, o último este xoves no polígono de Bergondo, fronte ás instalacións de Universal Support ás que a empresa trasladou 81 persoas que viñan realizando este labor desde a sede no polígono coruñés de Pocomaco ou desde a súa casa, mediante teletraballo.
A empresa acabou co teletraballo e trasladou 81 persoas desde a súa casa e desde A Coruña ao polígono de Bergondo sen compensación ningunha
Este foi o motivo polo que o persoal secundou paros parciais ese xoves, e antes o pasado luns, protestando por un traslado forzoso e para esxir, polo menos, "que a empresa aplique compensacións ao persoal afectado, que en moitos casos carece de medio de transporte para achegarse ao novo centro de traballo", tal e como explican os sindicatos.
A intención deste traslado xa fora manifestada o pasado mes de xuño pola empresa, que intentou recuperar a presencialidade do persoal que teletraballaba pero en Bergondo, a 20 quilómetros do centro de traballo habitual para esta campaña en Pocomaco. Daquela, a presión do comité de empresa evitou un desprazamento que agora se consuma entre protestas e acusación de "explotadora" á empresa Konecta.
Medio cento de persoas traballan para o rastrexo da COVID do Sergas desde fóra de Galicia, logo de que Universal Support non cubrise as vacantes ofrecidas
O de agora é un novo conflito laboral nunha empresa de telemárketing que, como tantas outras, adoita afrontar paros e protestas polas precarias condicións laborais. Na empresa Universal Support, segundo fontes do persoal, son arredor de 650 as persoas --a inmensa maioría desde a casa e parte de maneira presencial-- que aínda realizan o labor de rastrexo de contactos de positivos COVID en Galicia. Medio cento delas traballan desde fóra de Galicia, noutras comunidades autónomas, logo de que a empresa tivese que reforzar o servizo con teleoperadores doutros territorios, principalmente de Madrid, tras non ser quen de cubrir as vacantes que ofertou.
Foi no mes pasado cando se soubo que son 50 persoas, aproximadamente, as que fan labores de rastrexo da COVID para o Sergas desde fóra de Galicia. As condicións laborais ofrecidas por Universal Support provocaron que non fose quen de cubrir todas as vacantes ofrecidas co estoupido da vaga estival de coronavirus e que se vise obrigada a derivar persoal de seu noutros territorios á campaña de rastrexo da COVID para o Sergas.
Agora, e ante a chegada dunha nova empresa para un novo sistema estable, persoal do sector de telemárketing e CCOO alertan de que "vai provocar unha importante deterioración deste servizo público".
Fontes do persoal do sector e o sindicato advirten de informacións que sinalan que Extel, a nova adxudicataria, pretende comezar o novo sistema de rastrexo no mes de setembro dunhas 250 persoas contratadas, que supoñen 400 menos das que actualmente fan o labor de rastrexo para o Sergas.