A expansión da COVID bate todos os seus récords en Galicia e a hospitalización dispárase ata o ritmo da primeira vaga

Atención na UCI a pacientes coa COVID, nunha imaxe divulgada pola área sanitaria de Ourense CC-BY-SA Sergas

O Sergas nunca sumara máis de mil casos do coronavirus en vinte e catro horas e esta semana xa sucedeu tres veces

O Servizo Galego de Saúde nunca rexistrara máis de mil casos novos de coronavirus nas vinte e catro horas que transcorren das seis da tarde dun día á mesma hora do seguinte e esta semana xa sucedeu tres veces. Tampouco sumara máis dun milleiro de positivos nun día natural e xa está confirmado que esta semana pasou, polo menos, dous días seguidos, o martes 12 e o mércores 13. Son apenas dous sinais que amosan ás claras como a expansión da COVID-19 está a bater todos os seus récords en Galicia na considerada terceira vaga da pandemia sen que, cando menos de momento, se albisque o pico.

O Sergas incorpora este venres, 15 de xaneiro, 1.169 novos casos confirmados do coronavirus, os rexistrados das seis da tarde do mércores á mesma hora do xoves, cando pecha o parte diario; 1013 deles son diagnósticos mediante PCR. Son apenas vinte e un casos menos que na xornada anterior. 

A media diaria de diagnósticos a sete días xa vai, así, camiño dos 800. Son, concretamente, 767 cos datos do último día completo dispoñible. Este indicador, que a finais de decembro baixaba dos 300, xa se eleva claramente por riba da vaga do outono, a única comparable (na primavera de 2020 a capacidade diagnóstica era moito menor), cuxo pico quedou arredor dos 673 novos casos de media diaria a sete días, para despois comezar a baixar. Mentres, o Sergas segue a notificar novos falecementos e, tras os últimos 5 confirmados, o total chega ás 1.485 mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia.

A alta cantidade de PCR non baixa a positividade

A positividade media a sete días supera o 9% e xa está por riba dos dous períodos comparables, o verán e o outono de 2020

Esta alta cantidade de novos diagnósticos chega nun contexto no que o número diario de probas PCR procesadas en Galicia retorna tamén a niveis máximos da pandemia. Por segunda xornada consecutiva foron máis de dez mil en vinte e catro horas (10.194) e o pasado mércores 13 superáronse as dez mil nun día natural (10.554) por terceira vez no que vai de pandemia -as anteriores ocasións foron o 30 de outubro e o 23 de decembro-.

Pero, ao contrario que o pasado outono, o alto número de probas PCR procesadas -moitas delas, ligadas aos cribados masivos- non propicia unha baixada das taxas de positividade, isto é, da porcentaxe de test que dan positivo. Ben ao contrario, a positividade media diaria a sete días é outro dos indicadores que bate o seu propio récord en Galicia ao comparala cos únicos períodos equiparables, o pasado verán e mais o outono. Galicia chega agora ao 9,29% de positividade media, mentres que na anterior vaga apenas chegara a superar o 8%.

Estas cifras de positividade media, máis elevadas nalgunhas áreas sanitarias (nos últimos días destaca especialmente a de Ferrol) están por riba do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio. Os valores actuais non son comparables aos da primeira vaga, cando a positividade media en Galicia chegou a roldar o 30%, se ben daquela o día con máis probas PCR procesadas rexistrara unhas 3.700, lonxe das máis de 10.000 dos últimos días.

Incidencia a 14 días por riba da do outono e só unha cidade por baixo dos 200

A incidencia a 14 días para o conxunto de Galicia é a máxima dende o inicio da pandemia

O gran volume de novos casos propicia que tamén se dispare a incidencia acumulada (novos casos por cada 100.000 habitantes) a 14 días ata superar, para o conxunto de Galicia, o pico acadado no outono (339) e chegar polo momento aos 358 [a serie íntegra actualizada, nesta ligazón]. Nun contexto de ascenso xeral deste indicador nas sete áreas sanitarias, (Santiago-Barbanza, A Coruña-Cee e Ourense xa superan o limiar dos 400), numerosos concellos e comarcas superan os valores medios de Galicia. 

Isto sucede en amplas zonas da provincia da Coruña, pero tamén no occidente da Mariña e no Ortegal, no Baixo Miño e diversos concellos da Limia e Verín. Na provincia de Lugo tamén destaca a alta incidencia da Pastoriza, concello afectado por un gromo na súa residencia de maiores que se achega aos 60 casos, entre residentes e persoal.

Por cidades, a incidencia acumulada a 14 días continúa encabezada por Santiago, cuxa evolución segue disparada e cruza o limiar de 450 novos casos por cada cen mil habitantes en dúas semanas. Empeora tamén o seu ritmo a cidade de Ourense, por riba dos 400, e A Coruña está a piques de superar ese limiar. Vigo e Pontevedra manteñen igualmente tendencias ascendentes, pero máis moderadas, e Lugo segue contendo a súa incidencia, logrando unha relativa estabilidade que destaca no contexto xeral.

Maior incremento na hospitalización dende o 3 de abril

As 595 hospitalizacións supoñen aproximarse ao pico do outono tras aumentar as persoas ingresadas en 50 nun só día

O empeoramento xeral desemboca xa, como era agardado, nas cifras de hospitalización. O total de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 chega xa ás 595 e aproxímase ás 611 do pico do pasado outono. Está, non obstante, lonxe do máximo de hospitalización acadado na primavera (1.107 persoas, o 6 de abril), aínda que o ritmo de incremento si é semellante ao daqueles días: as persoas hospitalizadas son 50 máis que vinte e catro horas e para atopar un incremento semellante hai que retrotraerse ao 3 de abril, cando aumentaran en 62.

Ata 90 das persoas ingresadas con test positivo do coronavirus precisan coidados nas UCI dos hospitais galegos. Son 8 máis que un día antes en 27 máis que unha semana antes. Nos días previos ao Nadal, os pacientes na UCI por mor do coronavirus eran apenas medio cento e as persoas ingresadas en unidades ordinarias, 265, mentres que agora xa superan as 500. 

A evolución da presión hospitalaria é especialmente pronunciada nas tres áreas sanitarias da provincia da Coruña (A Coruña, Santiago e Ferrol), as tres que xa superan o número de persoas ingresadas do pico pandémico do outono e as tres nas que, por esta razón, xa foron suspendidas operacións cirúrxicas non urxentes, segundo confirmou o Sergas. Trátase, agrega Sanidade, de ter dispoñibles todas as camas de UCI posibles. 

O xefe da UCI do CHUAC, o hospital con máis persoas ingresadas por mor da COVID, define a situación como "crítica" e pide saír da casa "o mínimo imprescindible"

Neste sentido, a xefa de Urxencias do Complexo Hospitalario da Coruña, María de la Cámara, advertía este venres de que "a prevalencia do virus é moi alta" polo que adquire especial importancia a "responsabilidade individual" tanto para procurar evitar contaxios como para non saturar os servizos hospitalarios urxentes. Dende o mesmo hospital o xefe da UCI do CHUAC, David Freire, define a situación como "crítica; similar, senón peor que a de marzo", con ingresos diarios de pacientes infectados pola COVID que precisan de coidados intensivos.

Sinala tamén o doutor Freire que as persoas contaxiadas que chegan ás UCI non son só pacientes de avanzada idade senón, a diferenza de marzo ou abril de 2020 tamén persoas máis mozas e sen "patoloxías previas". "É moi importante reducir o contacto social", sinala o xefe da UCI coruñesa, quen ao seu xuízo, nas vindeiras semanas cómpre saír da casa "só o estritamente necesario, o mínimo imprescindible". Ese, mantén, é "o mellor aplauso" para o persoal sanitario.

Á forte carga hospitalaria cómpre engadir a que sofre o sistema sanitario no seu conxunto por mor do incremento xeral de casos. Galicia bate este venres outro récord, o de "positivos activos", con 10.864 que supoñen que, por primeira vez dende o comezo da pandemia, haxa máis de dez mil persoas con test positivo nos seus lugares de residencia -en concreto, 10.269-.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.