A Xunta prevé iniciar o domingo a vacinación da segunda dose contra a COVID e en marzo empezar cos grandes dependentes

Nieves Cabo, primeira persoa vacinada en Galicia contra a COVID-19, o 27 de decembro, que este domingo recibirá a segunda dose CC-BY-SA Xunta

“En ningún lugar do mundo hai vacinas suficientes”, sinala Feijóo, que asegura que Galicia está preparada para aumentar o ritmo se se autorizan novas vacinas e chegan máis doses

“Isto é o que é, non o podemos cambiar”. Tras meses de críticas ao Goberno central, o presidente Feijóo admitiu este xoves que a pandemia do coronavirus supera a capacidade de actuación de todas as administracións porque “en ningún lugar do mundo hai un fármaco que cure esta infección” e “en ningún lugar do mundo” hai “vacinas suficientes”. Ante esta situación, o presidente da Xunta asegurou que Galicia ten capacidade para poñer as vacinas a un ritmo superior ao actual se a Unión Europea, que é a que as está a mercar, consegue máis doses ou autoriza as de máis laboratorios. Mentres iso non ocorra, o Goberno galego di que segue en disposición de cumprir os prazos previstos nos plans de vacinación tanto a nivel estatal como galego. 

Esas previsións son que este mesmo domingo día 17, “ás oito da mañá”, as primeiras persoas da residencia de maiores Porta do Camiño de Santiago que recibiron as primeiras doses da vacina o pasado 27 de decembro reciban agora a segunda dose. Iso suporá, segundo as previsións de Pfizer-Biontech que as elaborou, que unha semana máis tarde esas persoas obteñan a inmunidade fronte á COVID-19.

Rolda de prensa do presidente Feijóo tras a reunión do Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA Xunta de Galicia

"Se seguimos a este ritmo de vacina, isto é o que podemos facer”, di Feijóo, que pide que “non se entenda isto como unha crítica ao goberno central”

Segundo o presidente, o ritmo actual, que espera que poida ser mellorado coa chegada de máis doses ou vacinas distintas, permitirá que a Xunta, tras iniciar esta semana a vacinación do persoal sanitario, comece “antes de mediados de febreiro, entre o día 10 ou 12”, a administración da primeira dose ao persoal sociosanitario de centros de día ou atención a domicilio. E a “principios de marzo” comezaría a vacinación do seguinte grupo poboacional prioritario, o das persoas con grandes dependencias

“Se seguimos a este ritmo de vacina, isto é o que podemos facer”, di Feijóo, que previamente pedira que “non se entenda isto como unha crítica ao goberno central”, do que dixo estar convencido de que está a obter todas as doses que pode conxuntamente co resto de socios comunitarios.

Segundo Feijóo, o Sergas ten dispoñible un dispositivo de vacinación con 2.200 profesionais de enfermería “pero de momento chega con 200 porque non están chegando doses”. Ese dispositivo, detallou, permitiu administrar a primeira dose ao 94% dos residencias de maiores (521 dos 556 centros de Galicia) co matiz de que “onde está habendo brotes, estamos interrompendo” o proceso. En total, cuantificou en 33.351 as persoas usuarias e traballadoras deses centros que xa recibiron a primeira dose. Un proceso que esta semana estendeuse ao eido sanitario, no que dixo que como criterio de chamamento dentro de cada grupo de profesionais (especialidades hospitalarias, centros de saúde, etc.) se está a empregar a orde alfabética.

Enfermeiro vacinado contra a COVID esta semana en Pontevedra CC-BY Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.