A explosión de contaxios tras as festas xa dispara a hospitalización por riba do pico do outono

Persoal das ambulancias do 061 durante a pandemia CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

O impacto da terceira onda do coronavirus bate xa con forza nos hospitais galegos. A explosión de contaxios durante as festas de Nadal agroma agora con todas as súas consecuencias, con novas cifras récords e a curva de novos casos, incidencia ou positividade ergueita sen freo e sen remisión, polo menos a curto prazo. 

A hospitalización en Galicia supera xa o pico do outono, co maior número de ingresados positivos desde o 22 de abril

Se neste pasado sábado os pésimos datos da COVID eran aminorados un chisco pola estabilidade na presión hospitalaria, os deste domingo non traen nin ese respiro. Todo o contrario. A hospitalización en Galicia supera xa o pico do outono, co maior número de persoas hospitalizadas con test positivo de coronavirus desde o pasado 22 de abril.

O incremento da hospitalización en 24 horas, con 58 persoas máis, é o maior desde o pasado 3 de abril, cando aumentara en 62 persoas. A presión nos centros sanitarios é cada vez maior, con 234 doentes ingresados por coronavirus máis que hai unha semana. 

O incremento da hospitalización en 24 horas, con 58 persoas máis, é o maior desde o pasado 3 de abril

O número total de hospitalizados coa doenza queda en Galicia nos 655, case un cento deles en unidades de coidados intensivos (UCI), segundo os datos da Consellería de Sanidade recollidos ata as 18 horas do sábado, nunha xornada que volve situar o número de positivos diarios en máximos da pandemia: 1.244 novos casos comunicados entre as 18 horas do venres e a mesma do sábado, arredor dun cento menos que as cifras da xornada anterior (1.343). Ademais, o venres 15 de xaneiro sitúase xa como o día con maior número de diagnósticos por PCR, con 1.137.

O estoupido de casos está a encher os hospitais, cunha presión que é especialmente alta nas tres áres sanitarias da provincia da Coruña. 

A área da Coruña é a que ten máis hospitalizados con COVID, con 173, 17 máis que na xornada anterior, mentres que Santiago supera xa o cento, ao que se achega tamén Ferrol logo de sumar sete pacientes máis. 

"As costuras do hospital están saltando desde a semana pasada", di Ignacio Ramil, internista do CHUAC, que pide á poboación que se "autoconfine"

Na área de Vigo soben tamén os ingresos, ata 84 logo de 14 máis, mentres que en Ourense achégase a esas cifras tras asumir unha ducia máis de persoas afectadas polo coronavirus. En Pontevedra sumáronse na última xornada outros dous ingresados, ata os 68.

Así, Ignacio Ramil, adxunto ao servizo de medicina interna do CHUAC e experto en enfermidades  infecciosas, é claro. "As costuras do hospital están saltando desde a semana pasada, a ritmo de 20 ingresos de COVID diarios e cunha proxección futura que nos pon nos peores números --bastante pasados-- da pandemia", asegura. 

O doutor pide á cidadanía que, independentemente das restricións determinadas, leve a cabo "un autoconfinamento domiciliario semellante ao que houbo na fase cero", aínda que con "algunha medida de alivio pero pouco máis". "precisamos que a xente responda, non só polo noso ben, senón polo seu", remarca.

Ademais, e por primeira vez durante a pandemia, hai máis de 11.000 persoas "positivos activos" en seguimento nos seus lugares de residencia. A masiva detección de casos vén influenciada polo elevado número de PCR realizadas, con 9.509 en 24 horas na última xornada, situándose así a media diaria a sete días nun máximo absoluto. 

A taxa de positividade media en Galicia a sete días supera por primera vez o 10%

No entanto, e malia realizarse tantas probas e cribados masivos, a taxa de positividade non deixa de medrar, un dos datos que mellor indican o impacto desta terceira onda da COVID e os efectos das celebracións de Nadal. 

Así, a positividade media en Galicia a sete días supera por primera vez o 10%, máis do dobre do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera o limiar para ter controlada a pandemia. A porcentaxe é aínda peor nas áreas sanitarias da Coruña, Santiago e Pontevedra, que superan a media galega.

A detección de casos non se detén e Galicia acumula xa 76.254 casos rexistrados de COVID desde o inicio da pandemia, dos que se curaron 62.251 persoas, 398 delas nas últimas 24 horas.

En canto ao número de falecidos, supera xa os 1.500, ata alcanzar os 1.503, logo de que o Sergas comunicase catro novas vítimas mortais na pasada noite.

A incidencia acumulada a 14 días continúa a aumentar en Galicia e faino máis rápido que no outono; supera xa os 400 casos por cada 100.000 habitantes

Xa que logo, a incidencia acumulada (IA) a 14 días continúa a aumentar en Galicia e faino máis rápido que no outono. Supera xa os 400 casos por cada 100.000 habitantes, unha cifra que aínda é maior nas áres sanitarias da Coruña, Ourense e Pontevedra.

Por cidades, Ourense xa supera a Compostela como a urbe con máis incidencia acumulada, superando os 500 casos por 100.000 habitantes, unha cifra da que tampouco está lonxe A Coruña e á que se achega tamén Ferrol. 

Por baixo da media galega están aínda Vigo, Pontevedra e Lugo. A capital lucense mantense en cifras estables desde hai semanas, con 138 casos por 100.000 habitantes a 14 días. 

De reparar no mapa conxunto de Galicia, xa só hai 36 concellos sen casos novos de coronavirus nos últimos 14 días. Antes do Nadal esta cifra elevábase a máis de 80 e a principios de decembro superaba o cento.

Ademais, os casos nas residencias continúan tamén en aumento logo de detectarse  un brote no centro Quercus de Leiro, na provincia de Ourense. Son xa un total de 350 as persoas usuarias destas instalacións afectados polo coronavirus. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.