A gastroenterite diagnosticada en 3 minutos a unha bebé de 14 meses acabou en peritonite: o Sergas é condenado a pagar 30.000 euros

Nenos xogando nunha escola infantil pública da Coruña CC-BY-SA Ana Varela - Xunta de Galicia

O Tribunal Superior constata o “dano moral” por non realizar probas complementarias á doente, que permaneceu ingresada 148 días e quedou con secuelas estéticas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar o Sergas a pagar unha indemnización de 30.000 euros por non realizar nun dos seus servizos de Urxencias as probas que permitirían diagnosticar adecuadamente a apendicite que presentaba unha bebé de 14 meses. “A asistencia que se lle prestou durou 3 minutos”, constata a sentenza, e foi diagnosticada de gastroenterite. Dous días máis tarde volveu a Urxencias xa con peritonite, o que lle supuxo unha operación inmediata e outras posteriores por complicacións, con 148 días de ingreso hospitalario e secuelas estéticas polas cicatrices.

A sentenza agora emitida polo TSXG revoga unha anterior dun xulgado do Contencioso-Administrativo que considerou “conforme a dereito” a asistencia médica recibida. Pero non é iso o que agora conclúe o Tribunal Superior. 

Sentenza do TSXG que condena o Sergas por non realizar unha proba que podía diagnosticar a apendicite que tiña unha nena de 14 meses CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a sentenza, a primeira vez que a nena foi levada a un servizo de Urxencias hospitalarias, pouco despois das nove da noite dun día laborable, presentaba vómitos, diarrea e febre. Foi atendida ás 21.45 por un pediatra e dada de alta ás 21.48 horas cun diagnóstico de gastroenterite aguda. 

O tribunal non considera que houbese mala praxe do pediatra senón unha "perda de oportunidade" por non realizar probas complementarias 

Dous días máis tarde volveu a Urxencias con só un síntoma máis, dor abdominal, pero desta volta fixéronlle unha ecografía abdominal que xa determinou “abdome agudo (oclusión de intestino delgado ou apendicite complicada)”. Trasladada inmediatamente de centro e operada só cinco horas despois desa segunda chegada a Urxencias, xa presentaba “peritonite purulenta”. E houbo complicacións que obrigaron a operala de novo posteriormente, o que supuxo que pasase 148 días ingresada e lle quedasen secuelas estéticas “moi importantes” polas cicatrices.

O TSXG constata que na súa primeira visita a Urxencias “a asistencia que se lle prestou durou 3 minutos” e considera que se lle deberan facer probas que permitirían diagnosticar a apendicite. O tribunal non considera que houbese unha mala praxe por parte do pediatra que a atendeu senón unha “perda de oportunidade” por non realizar probas que permitirían diagnosticar mellor a doenza.

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

O tribunal, amparado nun informe dun perito forense, di que a apendicite en menores de 6 anos é difícil de diagnosticar e evoluciona rapidamente. Pero en todo caso “os seus síntomas máis importantes son a dor abdominal, a anorexia, as náuseas, os vómitos e a febre”. A sentenza constata que na súa primeira visita a Urxencias a nena xa tiña tres deses síntomas e deberon realizarlle unha ecografía abdominal. “Tamén pode diagnosticarse a apendicite coa realización dun hemograma completo para ver se hai signos de infección”, ofrece como alternativa a sentenza. Pero nada diso se fixo.

“Debeu realizarse esa proba para descartar a presenza doutra patoloxía máis grave, tendo presente ademais a dificultade de diagnosticar en idades tan curtas", di o TSXG, que salienta que dous días despois e cun só síntoma máis xa si se fixo

Ante esa situación, o TSXG conclúe que “debeu realizarse esa proba precisamente para descartar a presenza doutra patoloxía máis grave, tendo presente ademais a dificultade de diagnosticar en idades tan curtas, e incluso a dificultade de determinar se existe dor abdominal ou non” nunha nena tan pequena. O tribunal engade, de feito, que “a diferenza de síntomas entre a primeira asistencia en urxencias e a segunda é unicamente esa dor abdominal”, manténdose os outros síntomas. Pero con só ese cambio dun síntoma difícil de establecer nunha nena tan pequena na segunda ocasión en que foi a Urxencias xa si lle fixeron unha ecografía. 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

O Tribunal Superior di que “no presente caso produciuse un suposto de perda de oportunidade, porque existe claramente unha incerteza de se practicada á menor a proba complementaria de ecografía abdominal o primeiro día que acudiu a urxencias se puidese diagnosticar xa a apendicite e se evitase a tardanza e o agravamento da situación que derivou finalmente nunha serie de complicacións médicas”. E conclúe que “ao tratarse de perda de oportunidade, o que debe indemnizarse é un dano moral”, que cifra en 30.000 euros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.