A hospitalización pola COVID segue caendo, con 56 persoas ingresadas menos que hai unha semana

Persoal dun centro hospitalario galego, nunha imaxe do pasado outono CC-BY-SA Xunta

Son 146 as persoas que permenecen ingresados nos hospitais galegos por mor da COVID, 103 en planta e 43 nas UCI

Galicia conta con 56 persoas ingresadas por COVID menos que hai unha semana. Nas últimas 24 horas, segundo datos publicados polo Sergas este sábado, descendeu a presión hospitalaria en planta, con seis persoas menos, aínda que se manteñen as 43 que había nas UCI. 

Son, en total, 146 as persoas que permenecen nos hospitais galegos (103 en planta e 43 nas UCI) por mor do coronavirus, case un cento menos das que había hai quince días, cando tamén eran unha ducia máis as que permanecían nas unidades de coidados intensivos. 

Ademais, os casos activos de COVID sitúanse nos 4.000, unha cifra algo superior aos 3.986 da xornada anterior e uns 2.600 menos que hai unha semana e a metade que a final do mes de agosto. Con todo, os novos contaxios soben lixeiramente ao situarse nos 169, segundo os datos notificados polo Sergas este sábado con datos recollidos das 18 horas do xoves ás 18 horas do venres. Supoñen 23 máis que os rexistrados a xornada anterior, pero moi lonxe xa dos 316 do sábado anterior ou dos 452 de hai dúas semanas. 

A media diaria a sete días de infeccións activas diagnosticadas en Galicia rolda as 179

Así, os datos indican que a media diaria a sete días de infeccións activas diagnosticadas rolda agora as 179, unha cifra que non se daba desde as primeiras xornadas do pasado mes de xullo.  

Desde que se iniciou a pandemia, en Galicia xa superaron a enfermidade un total de 174.296 persoas e o número de falecidas sitúase xa nas 2.602, logo de que a Consellería de Sanidade informase do falecemento de catro máis nas últimas 24 horas, todas elas con patoloxías previas, dúas delas en residencias de anciáns. 

En canto aos datos de vacinación, máis de 15.000 persoas completaron a pauta contra a COVID nas últimas 24 horas, polo que os galegos inmunizados ascende aos 2.146.176, o que representa o 87,43% da poboación diana e o 79,48% da xeral.

Segundo o rexistro actualizado polo Sergas este sábado (con datos ata o peche da xornada de vacinación do venres), en Galicia administráronse outras 17.849 vacinas contra nun día, das cales a gran maioría estiveron destinadas a completar pautas. Así, ata este sábado, o país recibiu 4.336.979 doses, das que xa inoculou 4.218.567, o 97,26%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.