A incidencia acumulada da COVID cae xa en todas as cidades por baixo dos cen casos por 100.000 habitantes, como antes do verán

Punto de realización de probas de coronavirus na Coruña, nunha imaxe de arquivo © Concello da Coruña

O 85% da poboación galega ten xa cando menos unha dose da vacina e a situación nos hospitais continúa a mellorar de xeito constante

Na última xornada o Sergas sumou 99 novos casos de COVID-19 en toda Galicia ao cómputo global desde o comezo da pandemia, cifra que continúa na senda de progresivo descenso dos novos positivos, ao igual que continúa aumentando o número de persoas vacinadas, acadando xa os 2,2 millóns de galegos e galegas coa pauta completa e preto de 2,3 millóns, algo máis do 85%% da poboación, con cando menos unha dose.

Se nas últimas dúas semanas apenas medio cento de concellos acumularon máis de dez casos de COVID, nas cidades as últimas cifras oficiais divulgadas rexistran como por primeira vez desde antes do verán as sete urbes caen por baixo dos cen casos acumulados por 100.000 habitantes nos últimos 14 días.

A Coruña, Lugo e Ourense eran as últimas urbes que faltaban por baixar desa cifra e agora veñen de facelo, situándose todas nos niveis da pasada primavera pero coa diferenza dunha maior vacinación.

Nos hospitais hai 107 persoas ingresadas, a cifra máis baixa desde comezos de xullo

Nos hospitais a situación tamén segue a mellorar de xeito progresivo, con 107 persoas ingresadas, a cifra máis baixa desde comezos de xullo. Delas, 28 están en UCI e 79 en hospitalización convencional e o total supón 39 hospitalizacións menos que unha semana antes.

Canto aos falecementos, na última xornada non se comunicaron novas mortes, que se sitúan nun total de 2.614 desde o comezo da pandemia

A pasada medianoite quedaron levantadas as limitacións ao dereito de reunión entre non conviventes

Esta é a situación coa que se chega a unha nova fase de redución das restricións en Galicia, despois de que a pasada medianoite quedasen levantadas as limitacións ao dereito de reunión entre non conviventes. Deste xeito, a única diferenza práctica entre o único concello no nivel medio de restricións -Monforte- e todos os demais, no nivel baixo, é a capacidade máxima das terrazas de pubs e discotecas, 75% no primeiro caso e 100% no segundo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.