A incidencia da COVID en Galicia é a menor en mes e medio, pero a presión hospitalaria non cede

Control polo peche perimetral de Galicia na contorna da ponte dos Santos (Ribadeo) o 6 de decembro, e mapa de incidencia acumulada da COVID por concellos nesa xornada CC-BY-SA Foto: Delegación do Goberno de España en Galicia | Mapa e montaxe: Praza Pública

Cando a primeira vaga do coronavirus comezou a remitir con claridade en Galicia, as cifras de persoas infectadas polo virus que precisaban atención hospitalaria tamén comezaron a diminuír con rapidez. En parte, por mor do maior número de falecementos en poucas semanas. A actual segunda vaga dá sinais de remisión dende hai semanas, coa incidencia acumulada a 14 días caendo dende os primeiros días de novembro. Pero a presión hospitalaria, aínda que diminuíu, transita por un período de estancamento e segue sen baixar con claridade.

O Sergas rexistra 274 novos positivos e o ritmo segue sendo duns 300 ao día na última semana, pero con tendencia descendente

O Servizo Galego de Saúde suma este 7 de decembro un total de 274 novos positivos por COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo, 6 de decembro. Deles, 260 son diagnósticos mediante probas PCR. Son 22 menos que un día antes e a menor cifra dende a divulgada o 1 de decembro, cando foran 271 nas vinte e catro horas previas. Por días naturais, con datos pechados ata o sábado 5, o ritmo segue sendo duns 300 positivos ao día, pero cunha tendencia lixeiramente descendente [consulta aquí a serie temporal enteira].

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, a situación segue sendo dispar entre áreas sanitarias, comarcas e concellos. Os municipios sen novos casos nas últimas dúas semanas son xa 80 e as caídas de incidencia a 14 días son a tónica xeral, aínda que con intensidades dispares. A incidencia segue sendo menor canto mais ao sur e ao leste, mentres que a fachada atlántica segue concentrando o maior número de municipios con incidencias superiores á media galega. Por áreas sanitarias, destaca o freo na redución das cifras da de Santiago-Barbanza por mor do empeoramento, nos últimos días, en municipios como Boiro.

As mortes chegan ás 1.257 tras a suma de 7 dos últimos días

Aínda que tamén en liña descendente, Sanidade segue sumando falecementos de persoas que contraeran a COVID-19. O cómputo oficial inclúe 7 máis e chega ás 1.257. Delas, cinco están datadas no pasado sábado, día 5 e tres son de persoas que viviran en residencias de maiores. Unha muller de 95 anos faleceu na residencia San Antonio de Beariz e outras dúas, de 91 e 84 anos, en hospitais de Vigo procedentes da residencia Vila do Conde de Gondomar. Ademais, Sanidade confirmou as mortes doutras tres mulleres de 93, 84 e 83 anos no CHUVI e dunha muller de 95 anos no hospital Lucus Augusti de Lugo.

Presión hospitalaria estancada

Neste contexto, tras baixar puntualmente hai tres días das 400 persoas, as cifras de hospitalizacións transitan por un estancamento. Tras máis de cinco días con descensos, nas últimas dúas xornadas o Sergas rexistra incrementos no total de pacientes con test positivo do coronavirus que precisan asistencia hospitalaria. Este luns informa de 412 (+6), con dez máis en unidades ordinarias e 4 menos na UCI. Hai unha semana eran 461.

Por áreas sanitarias, estes incrementos no número de persoas ingresadas en unidades de hospitalización ordinaria rexístrase en todas agás na de Lugo, cunha hospitalización menos que o día previo. En cifras absolutas, o maior número de hospitalizacións directamente ligadas co coronavirus segue na área sanitaria da Coruña-Cee, con 120.

Todos estes indicadores rexístranse tras unha xornada na que o Sergas procesou 5.364 probas PCR, rematando unha semana con arredor de cinco mil probas por xornada alén de incrementos puntuais como o do pasado sábado na área de Santiago-Barbanza por mor do cribado realizado entre poboación de Boiro. A positividade media a sete días destes test  describe unha liña practicamente plana para o conxunto de Galicia nestes primeiros días do mes e sitúase e agora rolda o 5,4%, unhas catro décimas por riba do limiar sinalado pola OMS para dar por controlada a pandemia nun territorio.

Por áreas sanitarias, a peor evolución é nos últimos días a de Ferrol, que xa acadara as maiores porcentaxes de positividade da segunda vaga en toda Galicia, chegando a achegarse ao 14% a finais de outubro. A positividade media na área ferrolá leva catro días de ascenso e xa supera o 7%, mentres que a área de Santiago-Barbanza (tamén influída polo gran número de probas do cribado de Boiro) volve ser a de menor positividade media, co 4,5%, proporción moi semellante á da área de Pontevedra-O Salnés.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.