A incidencia da COVID en Galicia estabilízase en niveis semellantes aos de agosto co triplo de ocupación hospitalaria

Persoal sanitario prepara materiais para o cribado da COVID-19 na Coruña o 12 de marzo de 2021 CC-BY-SA Concello da Coruña

Dende as cero horas e ata as seis da tarde do domingo, 14 de marzo, só unha das sete áreas sanitarias galegas, a da Coruña-Cee, rexistrou máis de 10 casos novos da COVID-19, cun total de 27. Nas vinte e catro horas do sábado, só a área coruñesa superou a trintena de casos novos, a de Vigo roldou a vintena e as demais, roldaron a decena.

A área sanitaria da Coruña segue destacando con cifras máis elevadas de casos novos nun contexto estable para o conxunto de Galicia, cuns 130 diagnósticos novos da COVID-19 ao día

Con diferentes distribucións e alén de focos moi puntuais, esta vén sendo a dinámica da pandemia nos últimos días en Galicia: unha posición relativamente peor da área sanitaria da Coruña nun contexto xeral no que as cifras de novos casos permanecen estables nos niveis máis baixos dende o pasado agosto de 2020. Sen retomar a liña descendente, pero tamén sen experimentar aumentos significativos. É o que sucede coa actualización feita pública pola Consellería de Sanidade este luns, con 112 casos rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo, 98 deles diagnósticos mediante PCR.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, nos últimos días a media diaria a 7 días de diagnósticos mediante PCR traza unha liña practicamente horizontal nesa contorna dos 130 diagnósticos novos por xornada. Son niveis moi semellantes aos de mediados de agosto cando, non obstante, a capacidade diagnóstica do Servizo Galego de Saúde era inferior á actual: daquela procesábanse algo menos de 3.000 probas PCR ao día e agora, unhas 6.000.

As persoas hospitalizadas co coronavirus seguen sendo máis de 300 e as que precisan atención na UCI, máis de 70

As cifras de novos casos diarios deixaron atrás hai semanas os efectos do peor da terceira vaga da pandemia, pero aos indicadores de presión hospitalaria está a custarlles máis facer o propio. Así, o número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos segue sendo arredor do triplo das que se rexistraban cando, a mediados de agosto, o ritmo de casos novos era semellante ao actual. Nas últimas semanas as propias autoridades sanitarias veñen poñendo o foco sobre esta circunstancia, especialmente no que atinxe a estancias na UCI máis prolongadas que tamén son mostra da virulencia da terceira vaga.

Os datos feitos públicos este luns, pechados á seis da tarde do domingo, reflicten 325 persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus. Delas, 74 están na UCI, unha cifra moi semellante á dos días anteriores. 

Como cada luns, cómpre ter en conta que os datos de hospitalización están influídos polo feito de que o número de altas hospitalarias adoita ser inferior os domingos que nos restantes días da semana. Así, o total de persoas hospitalizadas coa COVID-19 é este luns superior en 5 persoas ao do día anterior, pero o incremento é inferior ao rexistrado ao anterior luns (+16). En comparación co mesmo día da semana anterior, Galicia rexistra 73 persoas hospitalizadas menos co coronavirus.

130 concellos sen casos en 14 días e á espera das novas medidas

A incidencia acumulada a sete días para o conxunto de Galicia traza unha liña horizontal, arredor dos 41 casos novos por cada cen mil habitantes

Estas cifras seguen plasmándose sobre o mapa de Galicia, onde os concellos sen casos novos da COVID-19 nos anteriores 14 días seguen superando amplamente o cento. Agora son 130 (unha levísima diminución a respecto de días previos) e nun total de 170 non se rexistraron casos novos na última semana. Como amosa o mapa baixo estas liñas, un bo número dos concellos coas incidencias máis elevadas concéntranse na área sanitaria da Coruña-Cee.

Para o conxunto de Galicia, a incidencia acumulada da COVID-19 a 14 días continúa descendendo, aínda que xa moi lentamente, e rolda os 82 casos novos por cada cen mil habitantes, atendendo aos datos do último día completo (o sábado, día 13). A sete días, a incidencia acumulada está xa practicamente plana, arredor dos 41 casos novos por cada cen mil habitantes. Con estes números, a Consellería de Sanidade abordará este martes, día 16, posibles mudanzas no mapa de restricións cara á ponte do 19 de marzo.

Esta situación de evolución estancada tamén se manifesta nas sete principais cidades galegas, entre as que A Coruña continúa destacando pola súa incidencia acumulada a 14 días, agora lixeiramente por baixo dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes. Nas restantes, a principal alteración segue sendo a de Ferrol (por mor dun gromo con arredor dunha vintena de casos detectados nun colexio) e a tónica xeral, a estabilidade. A incidencia acumulada a 14 días máis baixa segue sendo a de Lugo, con 32 casos por cada cen mil habitantes. Tamén Santiago logrou baixar dos 40 e sitúase arredor dos 38.

Como outros indicadores, tamén o do número de falecementos oficialmente ligados á pandemia tende a estancarse nos niveis máis baixos dende o verán. Na última semana, Galicia vén rexistrando unha media algo por riba das tres mortes diarias de persoas que contraeran o coronavirus. Ata agora, Sanidade xa notificou 2.300 mortes de persoas que contraeran a COVID-19.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.