A incidencia da COVID segue 'plana' en Galicia cando os datos comezan a reflectir a ponte de San Xosé

Indicacións para un cribado da COVID en Abegondo o 26 de marzo de 2021 © Concello de Abegondo

Cando xa pasou máis dunha semana dende o día de San Xosé, os datos epidemiolóxicos sobre a evolución da COVID-19 comezan a reflectir os contaxios que se puidesen producir naquelas xornadas, dado o período habitual de incubación e detección da doenza. Estes primeiros reflexos non están a implicar, cando menos de momento, un cambio de tendencia. Ben ao contrario, cos datos do último día completo dispoñible (o sábado, día 27), as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) tanto a 7 como a 14 días seguen planas, estables ou estancadas nos seus niveis máis baixos dende agosto do ano pasado.

O Sergas suma 133 casos novos do coronavirus e a tendencia segue sendo a estabilidade ou mesmo lixeiros descensos de incidencia para o conxunto de Galicia

Alén de lixeiras subas ou baixadas puntuais, o indicador a 14 días para o conxunto de Galicia rolda os 69 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días, na contorna dos 69. O feito de que a incidencia a sete días siga sendo un chisco inferior á metade da incidencia a 14 días indica que, polo momento, malia á estabilidade xeral mesmo segue apuntando lixeirisimamente ao descenso.

Coa actualización de datos divulgada este luns, 29 de marzo, o Sergas agrega ao seu cómputo 133 casos novos, os rexistrados entres as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo, dos que 118 son diagnósticos mediante PCR. Nos últimos sete días con datos completos, a media diaria de diagnósticos a través deste test conserva a súa estabilidade e mesmo baixa un chisco dos 120. En termos de días naturais (das 00:00 ás 23:59), nos últimos 7 con datos completos, Galicia rexistrou 893 casos novos (contando todos os test de infección activa) e nos sete previos, 972. A media diaria pasou, daquela, duns 138 a arredor de 127 casos novos.

139 concellos sen casos en 14 días, empeoramento na contorna de Vigo

Nos últimos días destaca, fronte á estabilidade xeral, o incremento da incidencia na área viguesa

Dada a situación de estabilidade xeral, sobre o mapa non se producen cambios de gran relevancia, aínda que si certas variacións a ter en conta máis localmente. Así, mentres o número de concellos sen casos novos en 14 días mesmo aumenta un chisco a respecto da pasada semana (agora son 139), resultan significativos os incrementos de incidencias acumuladas en varios municipios da área sanitaria de Vigo -a única na que a tendencia da incidencia a 14 días xa pasou a ser claramente ascendente-. Tamén en municipios do sur de Lugo ou parte da provincia da Coruña.

Por cidades, actualmente só Vigo e Santiago trazan liñas á alza nas súas incidencias acumuladas a 14 días. A Coruña, que segue tendo a máis alta (137), semella frear un chisco a tendencia descendente que retomou a mediados de marzo. Mentres, Lugo e Ourense seguen destacando polas súas baixas incidencias (32 e 20, respectivamente). A sete días, a estabilidade tamén é a tónica dominante agás na Coruña -que experimenta unha lixeira evolución-. Neste rexistro máis inmediato destaca positivamente Ourense, onde a Xunta non ofrece nos últimos días o dato exacto de novos casos na última semana por ser menos de 9.

Segue o lento alivio nos hospitais e nas cifras de positivos activos

Alén do freo nas altas pola fin de semana, os indicadores de presión da pandemia sobre o sistema sanitario seguen acougando aos poucos

Tamén nos principais datos que reflicten a presión da pandemia sobre o sistema sanitario galego, as cifras de hospitalizacións e as de casos "positivos activos", cómpre ir alén da foto fixa para observar unha tendencia que, polo momento, continúa a ser de lento alivio. Como é habitual, o 'efecto fin de semana' sobre as cifras de altas tanto epidemiolóxicas como hospitalarias propicia un lixeiro incremento nos datos de hospitalización feitos públicos este luns (pechados ás seis da tarde do domingo) e o total queda en 206 persoas (+6) das que 27 (+1) están na UCI. Son, non obstante, 58 menos que unha semana antes. 

No que atinxe ás cifras de casos positivos activos, ás seis da tarde do domingo rexistrábanse 2.327, o que supón 18 máis que á mesma hora do sábado pero 30 menos que na medianoite do sábado ao domingo. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a tendencia do total de casos activos para o conxunto de Galicia segue a ser lixeiramente decrecente, con case 200 menos que unha semana antes. A área con máis positivos activos segue sendo a da Coruña-Cee, se ben a peor evolución é a de Vigo, onde si aumentan un chisco nas últimas xornadas.

Positividade contida malia ao aumento de PCR

Neste contexto e, alén dos gromos localizados nos últimos días que provocan as devanditas repuntas a nivel local, as cifras xerais de positividade das probas PCR (porcentaxe que dan positivo) tamén fortalecen, cando menos de momento, a tendencia á estabilidade. Máis aínda tendo en conta que, tras a diminución no número de test durante a ponte de San Xosé, as cifras de PCR procesadas cada día polo Sergas volveron remontar e volven superar, de media, as 5.000 diarias na última semana.

Para o conxunto de Galicia, a positividade media a sete días mesmo retoma unha lixeira liña descendente e volve roldar o 2%, menos da metade da sinalada pola Organización Mundial da Saúde como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio. A positividade media máis elevada na última semana é a da área sanitaria de Vigo, de en torno ao 3,4%.

Polo momento, segue sen rexistrarse un día completo sen novas mortes de persoas diagnosticadas da COVID-19. O último día enteiro sen falecementos notificados foi o 3 de outubro

Mentres todo isto sucede, tamén van acougando aos poucos as cifras de mortalidade, se ben ata o momento segue sen completarse un día enteiro sen falecementos de persoas que foran diagnosticadas como positivas por coronavirus. O último día enteiro sen mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia segue a ser, ata agora, o 3 de outubro. Ata as seis da tarde do domingo non se notificara ningunha morte ligada á COVID-19 nesa xornada, pero cómpre agardar un ou varios días para ratificar que a situación non muda.

Ata o momento, o Sergas ten notificadas 2.334 mortes de persoas que contraeran a COVID-19 en Galicia. Nos últimos sete días con datos completos, Galicia rexistra unha media un chisco por riba das 2 mortes diarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.