Os casos positivos por coronavirus activos en Galicia ascenden este 17 de marzo ata 285, un incremento un chisco máis lixeiro que na xornada previa, con 46 confirmacións máis a respecto do día anterior. Segundo os datos divulgados polo Servizo Galego de Saúde e o Ministerio de Sanidade en virtude do novo protocolo -unha actualización diaria-, destes 285 casos activos só 9 precisan asistencia en Unidades de Coidados Intensivos (UCI). Este é o panorama xeral, en calquera caso, dos contaxios de ata hai máis dunha semana, polo que non reflicten o efecto inmediato das medidas de contención acabadas de aplicar.
A maior parte das persoas que deron positivo en Galicia están sendo atendidas a domicilio, un total de 224. A área sanitaria con máis casos segue a ser a da Coruña
Sempre atendendo á información divulgada por Sanidade, a maior parte das persoas que foron confirmadas con positivos por coronavirus covid-19 en Galicia continúan a ser atendidas nos seus domicilios. Son un total de 224. Mentres, outras 52 están hospitalizadas en unidades ordinarias e as restantes 9, na UCI.
O número de altas mantense polo momento en 4 -os datos do Ministerio elevan as "curacións" ata as 7- e os falecementos continúan sendo 3. Concretamente, as persoas que perderon a vida tras seren diagnosticadas por coronavirus foron unha muller nonaxenaria que estaba ingresada no hospital Povisa de Vigo pero era un "caso importado", un home de 81 anos no Montecelo de Pontevedra e outro home de 45 anos na Coruña. Os tres padecían varias patoloxías previas, confirma Sanidade.
No conxunto do Estado rexístranse algo máis de 11.000 casos, o 5% con atención en UCI
Por áreas sanitarias, o maior número de casos continúa estando na da Coruña, cun total de 84. Séguea Santiago, con 50 e Vigo, con 49. As demais áreas rexistran menos casos positivos, aínda que tamén aumentaron: na área sanitaria pontevedresa o Sergas contabiliza 37, en Ourense son 32, en Lugo quedan en 26 e en Ferrol, polo momento, diagnosticáronse unicamente 7 casos.
No conxunto do Estado, segundo informou o Ministerio de Sanidade, os casos chegaron este martes aos 11.178 -o Goberno de España, no seu cómputo, suma neste global tamén as altas e mais os falecementos-. O 5% do total reciben atencións na UCI e as curacións supoñen xa o 9% do total de infeccións.
Consellos en caso de ter síntomas
O Sergas reitera un día máis os consellos para previr o coronavirus e tamén para as persoas que teñan algún dos síntomas da enfermidade -tose, febre alta, dificultade para respirar-. Así, ademais de insistir na necesidade de respectar o illamento decretado polo estado de alarma, Sanidade subliña a necesidade de "empregar só para emerxencias" o 061 e dirixirse ao sitio web coronavirus.sergas.gal ou ao teléfono 900 400 116 para "consultar dúbidas ou síntomas leves.
Estas vías de consulta a distancia son recomendadas en todo caso e Sanidade advirte da necesidade de non dirixirse con síntomas leves aos centros sanitarios, toda vez que non é precisa asistencia de emerxencia e ese desprazamento pode contribuír aos contaxios. No sitio web do Sergas está dispoñible, ademais, un autotest sobre os síntomas e como actuar ante eles.