A infección por coronavirus en Galicia chega a 305 persoas, once delas na UCI

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os casos positivos por coronavirus activos en Galicia ascenden este 17 de marzo ata 305, un incremento superior ao na xornada previa, con 66 confirmacións máis a respecto do día anterior. Malia á entrada en vigor do novo protocolo do Ministerio de Sanidade, segundo o cal a difusión de datos sobre a incidencia do virus se limita a unha actualización diaria, apenas dúas horas despois da actualización divulgada polo Servizo Galego de Saúde, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, divulgou novas cifras en rolda de prensa.

Así, tras indicar o Sergas que o número de positivos eran 285, nove con asistencia en Unidades de Coidados Intensivos, Feijóo agregou novas cifras para indicar que son xa 305 dos que 11 están na UCI, isto é, un 3,6% do total. Este é o panorama xeral, en calquera caso, dos contaxios de ata hai máis dunha semana, polo que non reflicten o efecto inmediato das medidas de contención acabadas de aplicar.

A maior parte das persoas que deron positivo en Galicia están sendo atendidas a domicilio, un total de 235; outras 59 están hospitalizadas en unidades ordinarias

Sempre atendendo á información ofrecida verbalmente por Feijóo, a maior parte das persoas que foron confirmadas con positivos por coronavirus covid-19 en Galicia continúan a ser atendidas nos seus domicilios. Son un total de 235. Mentres, outras 59 están hospitalizadas en unidades ordinarias e as restantes 9, na UCI.

Segundo a información fornecida polo Sergas, o número de altas mantíñase pola mañá en 4 -os datos do Ministerio elevan as "curacións" ata as 7- e os falecementos continúan sendo 3. Concretamente, as persoas que perderon a vida tras seren diagnosticadas por coronavirus foron unha muller nonaxenaria que estaba ingresada no hospital Povisa de Vigo pero era un "caso importado", un home de 81 anos no Montecelo de Pontevedra e outro home de 45 anos na Coruña. Os tres padecían varias patoloxías previas, confirma Sanidade.

Por áreas sanitarias

No conxunto do Estado rexístranse algo máis de 11.000 casos, o 5% con atención en UCI

Os datos que divulgou o Sergas atendendo ao protocolo indicaban que, sobre o devandito total de 285 casos, o maior número continuaba estando na área sanitaria da Coruña, cun total de 84. Seguíaa Santiago, con 50 e Vigo, con 49. As demais áreas rexistraban menos casos positivos, aínda que tamén aumentaran: na área sanitaria pontevedresa o Sergas contabilizara 37, en Ourense eran 32, en Lugo quedaban en 26 e en Ferrol, ata ese momento, diagnosticáranse unicamente 7 casos.

No conxunto do Estado, segundo informou o Ministerio de Sanidade, os casos chegaron este martes aos 11.178 -o Goberno de España, no seu cómputo, suma neste global tamén as altas e mais os falecementos-. O 5% do total reciben atencións na UCI e as curacións supoñen xa o 9% do total de infeccións.

Consellos en caso de ter síntomas

O Sergas reitera un día máis os consellos para previr o coronavirus e tamén para as persoas que teñan algún dos síntomas da enfermidade -tose, febre alta, dificultade para respirar-. Así, ademais de insistir na necesidade de respectar o illamento decretado polo estado de alarma, Sanidade subliña a necesidade de "empregar só para emerxencias" o 061 e dirixirse ao sitio web coronavirus.sergas.gal ou ao teléfono 900 400 116 para "consultar dúbidas ou síntomas leves. 

Estas vías de consulta a distancia son recomendadas en todo caso e Sanidade advirte da necesidade de non dirixirse con síntomas leves aos centros sanitarios, toda vez que non é precisa asistencia de emerxencia e ese desprazamento pode contribuír aos contaxios. No sitio web do Sergas está dispoñible, ademais, un autotest sobre os síntomas e como actuar ante eles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.