A Lotaría de Nadal deixa dez millóns de euros na Agra do Orzán, o barrio máis humilde e mestizo da Coruña

Dúas empregadas dun supermercado da Agra do Orzán celebran o premio, nunha imaxe difundida por TVE © RTVE Galicia

Un mínimo de dez millóns de euros foi o que deixou a Lotaría de Nadal no barrio da Agra do Orzán da Coruña, o da renda media máis baixa da cidade e o máis multicultural, onde máis xente nada no estranxeiro vive en Galicia. A administración El Yunque, na rúa Alcalde Lens, calcula que vendeu unhas vinte series do 90693, terceiro premio que caeu nun número que é un dos abonados do establecemento. 

A Agra do Orzán, no distrito coa renda máis baixa da cidade e o barrio con maior poboación inmigrante en Galicia, a lotaría deixou uns dez millóns de euros

Un premio moi repartido pola zona, desde unha administración pegada á rúa Barcelona, vía peonil e comercial que atravesa o Agra do Orzán, barrio obreiro onde as familias chegadas desde o rural de toda Galicia hai décadas comparten agora espazo con milleiros chegados desde outros continentes. Nun distrito, que comparte co Ventorrillo, onde a renda media bruta é duns 25.000 euros, case tres veces menos que o máis rico da cidade; e onde hai rúas onde o 30% da poboación chegou de fóra de España. 

Empregadas de Bimba y Lola na sede central de Vigo celebran o premio nunha imaxe da TVG © TVG

"Estou moi contento porque neste barrio sempre vén moi ben", resumiu César Quiñones, responsable da administración. A poucos metros, as traballadoras do supermercado Familia compartían na mañá deste luns a alegría por repartiren entre 22 dependentas os 50.000 euros do décimo que servirán, como expresaron, para "pagar a hipoteca" ou gozar "de dúas pagas extras a maiores" neste Nadal. Tamén houbo festa nunha cafetería doutro barrio, Os Rosales, a onde viaxaron varios décimos. 

En total, o Sorteo Extraordinario da Lotaría do Nadal repartiu en Galicia máis de 14 millóns de euros en premios, distribuídos en distintas localidades galegas a través do segundo e terceiro premio, tamén un cuarto e varios quintos premios. 

O Gordo esquivou este ano Galicia, que, con todo, resultou premiada con outros dos premios, en concreto o segundo, o terceiro, un cuarto e varios quintos premios, con venda de billetes en distintas localidades galegas. Só co terceiro premio, repartíronse máis de once millóns de euros e cun dos cuartos premios 200.000 euros, ao que se suman máis de 3,4 millóns de euros distribuídos a través dos quintos premios que caeron na comunidade autónoma.

Un segundo premio caeu no número que se xogaba na empresa galega Bimba y Lola, que repartiu millóns na súa sede central en Vigo e por todas as tendas de España

O número 70.048, agraciado co segundo premio, dotado con 1,25 millóns de euros á serie e que era o que se xogaba na empresa Bimba e Lola a través de participacións de cinco euros. O número da compañía fixo que o persoal da sede central en Vigo, pero tamén as das tendas de toda España obtivesen de premio algo máis de 30.000 euros por cada participación, repartindo varios millóns. 

Preparación do sorteo da Lotería de Nadal en Madrid © Loterías y Apuestas del Estado

Por outra banda, o número 60.649 resultou agraciado co segundo dos oito quintos premios, dotado con 60.000 euros á serie. Recaeu nas cidades de Pontevedra e de Ourense. Na provincia pontevedresa, vendeuse tamén na Illa de Arousa e en Sanxenxo. O número 77.715 resultou agraciado co terceiro dos oito quintos premios e recaeu en Lugo, Vigo, O Porriño, Illa de Arousa --onde tamén tocou outro quinto premio, o 60.649-- e Salvaterra de Miño, ademais de en Fisterra.

O terceiro que caeu na Coruña tamén chegou á Illa, Baio, Ordes, Chantada, Ribadeo, Lugo, Vigo e no Porriño, mentres que un quinto premio, o 61.366, tocou Xinzo e a capital provincial, Ourense. Ademais, parte dun cuarto premio, o 25.508, foi parar tamén á cidade das Burgas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.