A organización celebra o seu 25 aniversario cun calendario de actividades que se inicia o 8 de marzo e que levará a unha mobilización nacional o vindeiro 5 de outubro
A Marcha Mundial das Mulleres (MMM) naceu no ano 2000 en resposta a un chamamento á mobilización internacional das feministas anticapitalistas iniciado pola Federación de Mulleres de Quebec, que uns anos antes realizaran unha marcha pan e rosas contra a pobreza feminina. De inmediatos, feministas de todos os continentes constituíron grupos da MMM nos seus territorios, tamén en Galicia, onde se formou a Coordenadora Nacional Galega da Marcha.
A entidade galega leva, pois, 25 anos traballando a nivel local e internacional e neste 2025 fai celebrar este 25 aniversario cunha serie de actos e mobilizacións, que foron presentados este martes en rolda de prensa. O obxectivo de todas estas accións é "colocar no centro da axenda social a necesidade de mudanzas reais para mellorar a vida das mulleres".
A campaña iníciase este 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, co lanzamento de "oito reivindicacións urxentes para transformar a vida das mulleres"
A campaña iníciase este 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, co lanzamento de "oito reivindicacións urxentes para transformar a vida das mulleres" e continuarán ao longo do ano desenvolvendo "25 eixos de traballo" que marcaron dende o 2000 a actividade da Marcha. Os actos levarán, finalmente, a unha mobilización nacional o 5 de outubro á que a Marcha convida a sumarse "a todas as compañeiras do feminismo galego e a toda a socidade galega".
A Marcha quere tamén que as 30 actividades que se desenvolverán ao abeiro desta celebración e os eixos de traballo deseñados sexan a súa "folla de ruta para a acción nos próximos anos", permitindo "articular accións máis globais con demandas concretas ás institucións co fin de conquistar mudanzas e transformacións reais".
Traballo digno, sistema público de coidados, acceso universal a unha vivenda digna ou o reforzo dos Centros de Información ás Mulleres, entre as demandas.
A entidade denuncia que os últimos 15 anos de goberno do Partido Popular en Galicia teñen como resultado "un balanzo tremendamente negativo para os dereitos das mulleres", con medidas coma o desmantelamento dos Centros de Información ás Mulleres, a privatización dos centros de crise 24 horas ou a desaparición da Secretaría Xeral de Igualdade.
8M: 8 reivindicacións urxentes
No Día da Muller Traballadora, a MMM quere situar na axenda oito reivindicacións urxentes, comezando por un un traballo digno, "con salarios dignos en centros de traballo libres de violencias, cunha xornada laboral que nos permita conciliar e termos vida e cunha remuneración igualitaria". Ademais, reivindican un sistema público de coidados "que atenda en todas as etapas da vida (escolas infantís, atención á dependencia e coidados na vellez tanto no fogar como en centros públicos)".
A entidade denuncia o desmantelamento dos Centros de Información ás Mulleres, a privatización dos centros de crise 24 horas ou a desaparición da Secretaría Xeral de Igualdade
Igualmente demándase o acceso universal a unha vivenda digna, tamén un servizo galego de saúde que atenda as necesidades do conxunto da poboación en todo o territorio e o reforzo dos Centros de Información ás Mulleres (CIM).
Así mesmo, pídese a regularización de todas as persoas migrantes e a derrogación inmediata da Lei da Estranxeiría. Así mesmo, reclámase a xestión pública da auga e a enerxía e unha transición enerxética xusta. Tamén o cumprimento da lei integral contra a violencia machista e a transversalidade do feminismo en todas as políticas que se desenvolvan